-Normalización Lingüística

GalizaCIG-

Volver
En Nome Propio
Pola galeguización de nomes e apelidos
 
 
Pola recuperación plena dos nosos nomes

 
Por mor do sometemento de Galiza, moitos dos nomes galegos –tanto de poboacións como de persoas– viviron un proceso de deturpación e asimilación ao español. Asi, lugares como Melide, Sanxenxo, O Valadouro ou Xinzo de Limia acabáronse convertendo en Mellid, Sangenjo, Valle del Oro ou Ginzo de Limia.

Polo que fai aos nomes e apelidos, os primeiros foron substituíndose aos poucos por outros en español e os segundos, sobre todo aqueles que maior marca de galeguidade posuían, foron tamén deturpándose mesmo ata acabaren nun auténtico castrapo: Buxán en Buján, Seixas en Seijas, Faia en Faya, Branco en Blanco, Lourenzo en Lorenzo, Camiño en Camino, Vilaverde en Villaverde...

Faise necesaria e urxente, xa que logo, a sua recuperación na forma orixinaria galega.


Desde a proclamación hai máis de dezasete anos dunha Lei de Normalización Lingüística para o noso país, a única forma posíbel dos nomes dos nosos lugares é a propia, en galego. Malia todo, seguimos asistindo nalgunhas instancias (certas institucións, medios de comunicación...) á súa deturpación, ás veces incluso desde os que precisamente deberan velar polo cumprimento da dita lei.

Ainda así, nos últimos anos produciuse un importante avance e hoxe a toponimia de Galiza é amplamente respectada, sobre todo nos sinais públicos, ainda que non tanto como sería o lóxico nunha sociedade que tivese a súa lingua plenamente normalizada.

Cómpre, pois, seguirmos a reclamar que os nosos nomes de lugar se escriban sempre en galego e denunciarmos onde isto non aconteza.


O derrogado artigo 54 da Lei do Rexistro Civil, do ano 1957, obrigaba a que os nomes se rexistrasen en español. Unha lei do ano 1977 modificou este artigo e posibilitou a inscrición no rexistro civil de nomes propios en galego, o que fixo que moitos procedesen a inscribir a seus fillos con nomes na nosa lingua e outros galeguizasen os seus nomes propios.

Mais a lei imposibilitaba o cambio de nome para o galego das persoas nacidas despois do dito ano de 1997 e tampouco se facilitaba a galeguización dos apelidos, galeguización que só era posíbel tras un longo proceso burocrático que non animaba a ninguén a facelo.

Desde o pasado dia 7 de febreiro, entrou en vigor a Lei 40/1999, que permite a galeguización de nomes e apelidos, asi como o cambio da orde destes. A nova lei vai posibilitar, pois, que as persoas nacidas despois do ano 1977 podan galeguizar o seu nome, á vez que axiliza os trámites para a galeguización dos apelidos.


Coa campaña En Nome Propio (Pola galeguización de nomes e apelidos), a CIG quere facer palpábel, unha vez máis, o compromiso que como central sindical ten co idioma de Galiza, no convencemento de que iso significa avanzarmos no camiño da soberania para a nosa nación.

Nesa andaina, animamos a todos os delegados e delegadas e mais a toda a afiliación da central a que, se non o fixeron xa, procedan á restauración dos seus nomes e/ou apelidos á forma propia en galego.
 
 
 
Trámites que hai que realizar para galeguizar os nomes e/ou apelidos

 
Os trámites necesarios para proceder á galeguizacións de nomes e apelidos son os seguintes:


1. Tramitación no Rexistro Civil

Dirixirse persoalmente –ou a través do representante legal– ao Rexistro Civil en que figure o nacimento da persoa interesada. Solicitar unha partida de nacemento. Con esta e unha fotocopia do documento de identidade, presentar no dito Rexistro unha instancia (anexo 1) mediante a que se solicita o cambio para a forma da galega do nome e/ou apelidos.

Feito isto, no Rexistro procederán a realizar unha anotación á marxe de onde figura o nacimento na que se fai constar a demanda da persoa interesada. A partir dese momento, o nome e/ou apelidos xa teñen validez legal en galego.

Despois, xa coa dita anotación á marxe no correspondente libro do Rexistro Civil, só falta solicitar a acreditación do Rexistro conforme se realizou o cambio para a forma galega do nome e/ou apelidos.

(É ben lembrar que a expedición por parte do Rexistro desta acreditación, así como os trámites anteriores, realízanse de balde, é dicir, sen custo económico ningún para a persoa interesada).


2. Tramitación no documento de identidade e outra documentación

Coa acreditación de ter rexistrado o nome e/ou apelidos en galego, poderase proceder xa á galeguización en toda aquela documentación persoal, comezando polo carné de identidade e seguindo por aqueloutros documentos nos que non figure o nome e/ou apelidos en galego, tales como: NIF, cartilla da seguridade social, carné de conducir, recibos varios, contratos...

Para galeguizar o nome e/ou apelidos no documento de identidade, cumprirá dirixir unha instancia (ver modelo no
anexo 2), xunto con copia da certificación do Rexistro Civil, á comisaría de policía correspondente mediante a que solicita o cambio para o galego. Na dita comisaría –de conformidade coa orde do 18 de abril de 1995, sobre renovación do documento de identidade para substituír o nome propio polo equivalente en calquera das linguas do Estado– facilitarase un novo carné de identidade co nome e/ou apelidos en galego. (Esta tramitación tamén ten carácter gratuíto para a persoa interesada).

Nos demais documentos, a galeguización do nome e/ou apelidos consistirá ben na presentación do novo documento de identidade xa co cambio realizado, ben na da certificación do Rexistro Civil.


Anexo 1)
Modelo de instancia para solicitar no Rexistro civil o cambio para a forma da galega do nome e/ou apelidos.

Sr/a. Xuíz/a do Rexistro Civil de .......................................................................

D./Dª .........................................................................................................,
con documento de identidade núm. ..................................................................,
e con enderezo en ........................................................................................,
ao abeiro do establecido no artigo 54, parágrafo terceiro, da Lei 8 de xuño de 1957, do Rexistro Civil, modificado polo artigo 2 da Lei 40/1999, do 5 de novembro, sobre nome e apelidos e orde destes, por medio deste escrito, manifesta a súa vontade de que se substitúa o nome propio / apelido de ...................................., que figura na inscrición de nacemento que consta nese Rexistro, polo de .................................., que é o seu equivalente onomástico en lingua galega.

Segundo o exposto, solicita de vostede que, presentado este escrito –ao que xunto fotocopia do documento de identidade e certificación literal da partida de nacemento–, acorde a práctica da inscrición marxinal de substitución do nome / apelido no correspondente folio de rexistro de nacemento, na forma galega anteriormente expresada.

..............................., ............., de ............................... de 200...

Asinado: ..........................................


Anexo 2)
Modelo de instancia para solicitar na comisaría de policía para a forma da galega do nome e/ou apelidos.

Comisaría de Polícia de .......................................................................

D./Dª ..........................................................................................................,
con documento de identidade núm. ...................................................................,
e con enderezo en .........................................................................................,
ao abeiro do establecido na Orde do 18 de abril de 1995, sobre renovación do documento de identidade para substituír o nome propio polo equivalente en calquera das linguas do Estado, solicita que se proceda á substitución do nome propio / apelido de .........................................., polo de .........................................., que é o seu equivalente onomástico en lingua galega.

(Achégase copia da certificación do Rexistro Civil en que figura o cambio do nome / apelido para o galego).

.............................., ............., de ............................... de 200...

Asinado: ..........................................
 
 
 
Galeguización de nomes e apelidos - Normativa legal

 


Subir



Lei 17/1977, do 4 de xaneiro, que modifica o artigo 54 da Lei do Rexistro Civil

(BOE núm. 7, do oito de xaneiro de 1977)


O artigo 54 da Lei do Rexistro Civil estableceu a necesidade de que os nomes propios dos españois se consignasen en castelán. Esta regra pugna co fondo sentir dos naturais das distintas rexións españolas que se ven privadas da posibilidade de que os nomes propios na súa Lingua vernácula sirvan, dentro e fóra da familia, como signo oficial de identificación da persoa.

A presente Lei ten a finalidade de corrixir esta situación, atendendo, dunha banda ó feito certo de que a liberdade na imposición de nomes non debe ter, en principio, outros límites que os esixidos polo respecto á dignidade da propia persoa e procurando, doutra banda amparar e fomenta-lo uso das diversas Linguas españolas, xa que todas elas forman parte do fondo autóctono popular da nosa Nación.

Na súa virtude e de conformidade coa Lei aprobada polas Cortes Españolas sanciono:


Artigo 1


O parágrafo 1º do artigo 54 da vixente Lei do Rexistro Civil, do 8 de xuño de 1957, quedará redactado do seguinte xeito: Na inscrición expresarase o nome que se lle dea ó nacido. Tratándose de españois, os nomes deberanse consignar nalgunha das linguas españolas.


Artigo 2


A pedimento do interesado ou do seu representante legal, o encargado do Rexistro substituirá o nome propio, imposto con anterioridade á vixencia da presente Lei, polo seu equivalente onomástico en calquera das linguas españolas. A substitución será gratuíta para os interesados.


Subir

Orde do 18 de abril de 1985, sobre renovación do DNI, para a substitución do nome propio do seu titular polo seu equivalente en calquera das linguas españolas

(BOE núm. 101, do 27 de abril de 1985)


A Lei 17/1977, do 4 de xaneiro, no seu artigo 2, posibilita que, gratuitamente, a pedimento do interesado ou do seu representante legal, se proceda á substitución no rexistro civil do nome propio polo seu equivalente en calquera das linguas españolas.

Parece non só razoábel, senón aconsellábel, que esta facilidade que se lles outorga aos administrados no rexistro civil se faga tamén extensiva ao documento nacional de identidade, que ten que ser sempre un fiel reflexo dos datos que obran naquel, máxime tendo en conta que a lei 84/1978, do 28 de decembro, pola que se regula a taxa para a súa expedición, tamén contempla, no seu artigo 4, parágrafo 2, a gratuidade por modificación de datos filiatorios.

Na súa virtude, facendo uso da facultade conferida na disposición final primeira do Decreto 196/76, do 8 de febreiro, tivo a ben dispoñer:


Primeiro


A renovación do documento nacional de identidade, para substituír o nome propio do titular pola súa traducción a calquera das linguas españolas, farase de balde.


Segundo


Para efectuar a dita renovación, os interesados, ao formular a solicitude, deberán xustificar o cambio, acompañando unha certificación do Rexistro Civil en que conste a subsitución, ou por medio do Libro de Familia, caso no que presentarán, canda este, unha fotocopia da páxina na que o Rexistro Civil estampase a dilixencia de substitución do nome, para que, unha vez cotexada, quede arquivada no equipo do documento nacional de identidade, para constancia neste.


Subir

Lei 40/1999, do 5 de novembro, sobre nome e apelidos e orde destes

(BOE núm. 266, do 6 de novembro de 1999)


Exposición de motivos

A regulación existente no Código Civil e mais na Lei do Rexistro Civil en materia de orde de inscrición de apelidos veu establecer ata o momento presente a regra xeral de que, determinando a filiación os apelidos, a orde destes será a paterna e materna; recoñécese tamén a posibilidade de o fillo modificar esta situación unha vez que alcance a maioría de idade.

Esta situación, que xa intentou ser cambiada con ocasión da modificación do Código Civil operada pola Lei 11/1981, do 13 de maio, é a que se pretende modificar á luz do principio de igualdade recoñecido na nosa Constitución e en atención a distintas decisións de ámbito internacional adoptadas sobre esta materia. Abonde recordar, neste punto, que o artigo 16 da Convención de Nacións Unidas do 18 de decembro de 1979 prevé que os Estados signatarios tomen as medidas necesarias para facer desaparecer toda disposición sexista no dereito do nome; que o Comité de Ministros do Consello de Europa, desde 1978, establece na Resolución 78/37 a recomendación ós Estados membros de que fixesen desaparecer toda discriminación entre o home e a muller no réxime xurídico do nome e que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sancionou, na sentencia do 22 de febreiro de 1994 no caso Burghartz C. Suisse, as discriminacións sexistas na elección dos apelidos.

É, por tanto, máis xusto e menos discriminatorio para a muller permitir que xa inicialmente poidan os pais de común acordo decidiren a orde dos apelidos dos seus fillos, no ben entendido de que a súa decisión para o primeiro fillo terá de valer tamén para os fillos futuros de igual vínculo, o cal non impide que, ante o non-exercicio da opción posible, debe rexer o disposto na lei.

Por outra parte, transcorridos máis de vinte anos desde a aprobación da Lei 17/1977, do 4 de xaneiro, sobre reforma do artigo 54 da Lei do Rexistro Civil, que establecía a posibilidade de substituír o nome propio polo seu equivalente onomástico en calquera das linguas do Estado español, encontramos que calquera cidadán que acade a maioría de idade e teña inscrito o seu nome en lingua castelá no Rexistro Civil, vese privado da posibilidade de que o seu nome propio sexa traducido a outra lingua española oficial.

Por todo iso, a lei que se aproba facilita o uso normal das diferentes linguas do Estado español e a obtención dun estatuto xurídico que respecte a súa riqueza idiomática. Así mesmo, e polas mesmas razóns, a lei permite regularizar ortograficamente os apelidos cando a forma inscrita no Rexistro non se adecue á gramática e fonética da lingua española correspondente.

Polo demais, esta lei complétase cunha disposición transitoria que prevé o suposto de existencia de fillos menores de idade no momento da entrada en vigor daquela. A alteración da orde dos seus apelidos subordínase á necesaria audiencia, se tiveren suficiente xuízo.


Artigo primeiro

O artigo 109 do Código Civil queda redactado nos seguintes termos:

“A filiación determina os apelidos conforme o disposto na lei.

Se a filiación está determinada por ambas as liñas, o pai e mais a nai de común acordo poderán decidir a orde de transmisión do seu respectivo primeiro apelido, antes da inscrición rexistral. Se non se exerce esta opción, rexerá o disposto na lei.

A orde de apelidos inscrita para o maior dos fillos rexerá nas incricións de nacemento posteriores dos seus irmáns do mesmo vínculo.

O fillo, ao alcanzar a maioría de idade, poderá solicitar que se altere a orde dos apelidos”.


Artigo segundo

O artigo 54 da Lei do 8 de xuño de 1957, do Rexistro Civil, queda redactado nos seguintes termos:

“Na inscrición expresarase o nome que se lle dá ao nacido, ainda que non poderá consignarse máis dun nome composto, nin máis de dous simples.

Quedan prohibidos os nomes que obxectivamente prexudiquen a persoa, así como os diminutivos ou variantes familiares e coloquiais que non alcanzasen substantividade, os que fagan confusa a identificación e os que induzan no seu conxunto a erro en canto ao sexo.

Non se lle pode impor ao nacido nome que teña un dos seu irmáns, a non ser que falecese, así como tampouco a súa traducción usual a outra lingua.

Por petición do interesado ou do seu representante legal, o encargado do Rexistro substituirá o nome propio daquel polo seu equivalente onomástico en calquera das linguas españolas”.


Artigo terceiro

O artigo 55 da Lei do 8 de xuño de 1957, do Rexistro Civil, queda redactado nos seguintes termos:

“A filiación determina os apelidos.

Nos supostos de nacemento cunha soa filiación recoñecida, esta determina os apelidos, podendo o proxenitor que recoñeza a súa condición de tal determinar, no momento da inscrición, a orde dos apelidos.

A orde dos apelidos establecida para a primeira inscrición de nacemento determina a orde para a inscrición dos posteriores nacementos con idéntica filiación.

Alcanzada a maioría de idade, poderase solicita-la alteración da orde dos apelidos.

O encargado do rexistro imporalle un nome e uns apelidos de uso corrente ao nacido a filiación do cal non os poida determinar.

O encargado do Rexistro, por petición do interesado ou do seu representante legal, procederá a regularizar ortograficamente os apelidos cando a forma inscrita no Rexistro non se adecue á gramática e fonética da lingua española correspondente”.


Artigo cuarto

Engádese unha disposición adicional segunda á Lei do rexistro Civil co seguinte texto:

“En tódalas peticións e expedientes relativos á nacionalidade e ao nome e aos apelidos, as solicitudes dos intresados non poderán entenderse estimadas por silencio administrativo”.


Disposición transitoria única

Se no momento de entrar en vigor esta lei os pais tivesen fillos menores de idade dun mesmo vínculo poderán, de común acordo, decidir a anteposición do apelido materno para todos os irmáns. Agora ben, se estes tivesen suficiente xuízo, a alteración da orde dos apelidos dos menores de idade requirirá aprobación en expediente rexistral, no que estes deberán ser oídos conforme o artigo 9 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro.


Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o artigo segundo da Lei 17/1977, do 4 de xaneiro, sobre reforma do artigo 54 da Lei do Rexistro Civil. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposcións xerais se opoñan ao establecido nesta lei.


Disposición derradeira única

Esta lei entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Boletín Oficial do Estado.

Dentro do prazo indicado, o Goberno procederá a modificar o Regulamento do Rexistro Civil no que resulte necesario para adecualo ao previsto na presente lei.


Subir

Real Decreto 193/2000, do 11 de febreiro, de modificación de determinados artigos do Regulamento do Rexistro Civil en materia relativa ao nome e apelidos e orde deles

(BOE núm. 49, do 26 de febreiro do 2000)



Artigo único

Os artigos do Regulamento do Rexistro Civil, aprobado por decreto do 14 de novembro de 1958, que se relacionan a seguir, terán a seguinte redacción:


“Artigo 192

Non se poderán impoñer máis de dous nomes simples ou de un composto. Cando se impoñan dous nomes simples, estes uniranse por un guión e ambos se escribirán con maiúscula inicial.

Considérase que prexudican obxectivamente a persoa os nomes propios que, por si ou en combación cos apelidos, resultan contrarios ao decoro.

A substitución do nome propio polo seu equivalente onomástico en calquera das linguas españolas requirirá, se non fose notorio, que se acredite polos medios oportunos esta equivalencia e a grafía correcta do nome solicitado”.


“Artigo 194

Se a filiación está determinada por ambas as liñas e a salvo a opción prevista no artigo 109 do Código Civil, e o primeiro apelido dun español é o primeiro do pai e o segundo apelido o primeiro dos persoais da nai, aínda que sexa estranxeira”.


“Artigo 198

A inversión de apelidos dos maiores de idade poderá formalizarse mediante simple declaración ante o encargado do Rexistro Civil do domicilio e non produce efecto mentres non se inscriba.

O mesmo réxime rexe para a regularización ortográfica dos apelidos para adecualos á gramática e fonética da lingua española correspondente. Cando non fose un feito notorio, deberá acreditarse polos medios oportunos que o apelido pertence a unha lingua vernácula e a súa grafía exacta neste idioma”.


Disposición transitoria única

Se no momento de entrar en vigor a Lei 40/1999, do 5 de novembro, os pais tivesen fillos menores de idade dun mesmo vínculo poderán, de común acordo, decidir a anteposición do apelido materno para todos os irmáns. Se tales fillos menores de idade cumpriron os doce anos, a alteración da orde dos seus apelidos requirirá a súa audiencia e aprobación en expediente rexistral da competencia do Ministerio de Xustiza.


Disposición derradeira única

Este real decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Estado.
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/10/2000