| -Normalización
Lingüística |
GalizaCIG-
|
|
|
 |
| O galego, de princípio a fin |
| |
| |
| O 17 de maio, manifestación nacional en
defensa do noso idioma |
|
| |
Baixo o lema "O galego, de princípio a fin (Por unha
maior presenza do galego nos meios de comunicación)", está-se a desenvolver unha campaña
conxunta de reivindicación do noso idioma, na que participan diversas organizacións do ámbito
político e sindical de Galiza, entre elas a nosa central sindical.
A campaña está fundamentalmente centrada na reclamación dun maior uso do galego por parte
dos meios de comunicación, xa que é evidente o papel secundário e case marxinal que o noso
idioma ocupa nestes.
Apenas un 5% da prensa escrita de Galiza utiliza o galego, e mesmo chega a traducir declaracións, entrevistas
ou comunicados realizados no noso idioma. E isto, mália contaren os xornais galegos, con subsídios
públicos outorgados anualmente pola Xunta de Galiza para este fin exclusivo, un maior emprego da língua
galega.
O uso que se fai do noso idioma nas emisoras de rádio é ridículo, e tamén aqui as diferentes
emisoras privadas están a receber cartos públicos para a suposta promoción e utilización
da língua própria.
Nas televisións, tanto a pública estatal (TVE) como as privadas (Tele5, A3, Canal+) ou as plataformas
(Via Digital, Canal Satélite), a existéncia do galego é residual e nalguns casos praticamente
inexistente.
Polo que respeita aos meios públicos galegos, tanto a RG como a TVG non son meios monolíngües
en galego e fan un uso folclorizante da língua e culturas próprias, o que impide que cumpran a función
para a que foron criadas, a normalización do noso idioma e cultura.
Máis unha vez, a pasividade da administración galega ante este panorama é total. Por unha
banda, non fai seguimento real nen obriga ao cumprimento dos convénios que asina coa prensa escrita ou coas
emisoras de rádio ás que concede frecuéncia para unha maior utilización do galegos
nos ditos meios. Pola outra, non articula nen planifica nengun outro tipo de medidas que garantan unha presenza
real, e non simplesmente anedótica, do galego nos meios de comunicación. E nos meios públicos
próprios, leva-se unha dirección errática que en nada contribue á extensión
do uso do galego.
Existe, xa que logo, unha total falta de sintonia destes meios de comunicación coa povoación á
que se dirixen –a sociedade galega– cunha visión tremendamente centralista do seu papel social e uniformizadora
lingüística e culturalmente. E isto diante dunha Xunta, en mans do PP, totalmente pasiva e mesmo potenciadora
desta ocultación da identidade nacional de Galiza.
Estas son basicamente as razóns que moven a campaña emprendida, "En galego, de princípio
a fin. (Por unha maior presenza do galego nos meios de comunicación)", que en resumo vai consistir
en:
Elaboración e difusión pública dun manifesto. As diferentes organizacións, asociacións
e institucións farán pronunciamentos públicos por un maior uso social do galego nos meios
de comunicacións, nos termos en que cada unha o considere conveniente. Igualmente, os colaboradores dos
meios que estean pola normalización do idioma pronunciarán-se neste sentido nas suas colunas habituais,
etc.
No nome das organizacións convocantes, a Mesa pola Normalización Lingüística entrevistará-se
cos directores dos principais meios para realizar unha série de demandas concretas, e que estes se comprometan
por escrito a respeitar o uso da língua galega dos interlocutores e a aumentar significativamente a presenza
do noso idioma no meio que dirixen.
O próprio 17 de maio terá lugar unha manifestación nacional en Compostela, con saída
ás 12.30 h. da Alameda da cidade. |
| |
| |
| |
| Por unha maior presenza do galego nos meios de
comunicación |
|
| |
|
Manifesto
É inegábel a importáncia da información
neste período de entre-séculos, nun momento en que se fan cada vez máis cotiás e familiares
as relacións cos meios de comunicación, coas novas tecnoloxias, con todo o que isto implica socialmente.
É cada vez maior a cantidade de información que circula, chega cada vez a máis xente e a máis
lugares e condiciona cada vez con maior intensidade as relacións humanas.
Tamén é inegábel que hai unha preocupación crecente pola repercusión que este
proceso está a ter na preservación da identidade de todos os povos e comunidades lingüísticas
que conforman a diversidade social e cultural do planeta. Fronte ao estendido tópico de que camiñamos
cara a unha inevitábel uniformización, medra o interese por garantir o futuro das línguas
e culturas do mundo.
Os galegos e galegas non debemos permanecer á marxe disto, xa que o noso mellor contributo nace necesariamente
da nosa identidade diferenciada. E, sen dúbida, son os meios de ecomunicación os que maior responsabilidade
teñen na transmisión desa realidade própria que ten como principal elemento caracterizador
o idioma.
Sen embargo, os meios de comunicación do noso país non deron asumido ainda esa responsabilidade.
A escasa presenza do galego nos meios non se corresponde co nível de uso do noso idioma por parte da cidadania.
Comprobar que a porcentaxe de emprego da língua própria nos grandes diários galegos non chega
ao 4% é un dado preocupante que transmite unha realidade que en nada se corresponde coa vitalidade lingüística
do noso país.
Ante a gravidade desta situación e a pasividade que se observa tanto nos poderes públicos como nos
responsábeis dos próprios meios, as organizacións abaixo asinantes queremos abrir un debate
para que se arbitren as medidas que conduzan a unha maior presenza do noso idioma nos meios de comunicación,
tanto de titularidade pública como privada. Un primeiro paso debe ser, como norma básica de estilo,
o respeito do uso do galego cando esta sexa a língua na que lles chega unha información. A partir
de aí, cada meio terá que estudar os mecanismos que o leven a unha progresiva incorporación
do galego como língua normal de comunicación, en consonáncia co amplo uso que o galego ten
na nosa sociedade e mesmo a sua condición de língua oficial.
E nese proceso que nos ha levar a poder dispoñer de meios de comunicación en galego, e sen obviar
que a responsabilidade primeira reside nas próprias empresas de comunicación e nos poderes públicos,
nomeadamente o governo galego, tamén a cidadania, como emisora e receptora de información, xoga un
papel importante na consolidación duns meios próprios.
Por iso, ainda que xa se vén percebendo a demanda da cidadania para reclamar unha maior presenza do noso
idioma neste ámbito, esta demanda terá que intensificar-se até conseguir que os meios sexan
o reflexo real dunha sociedade que se expresa moi maioritariamente en galego.
Galiza, 17 de maio do 2000.
A Mesa pola Normalización Lingüística, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Comisións Obreiras
(CC.OO), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Esquerda de Galicia (EdG).
|
 |
|
|


Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/10/2000
|