Por razóns históricas que a ninguén lle escapan, o galego encóntrase hoxe nunha situación de inferioridade de usos e de coñecemento respecto do español. Así, a lingua propia do país desde hai mil anos é dominada e sometida a un segundo plano pola lingua estraña, estranxeira á fin e ao cabo, o español, lingua que se veu impoñendo -case sempre coercitivamente- desde hai uns cincocentos anos.
Non vou pretender facer agora aquí un repaso a este devir no tempo, aínda que si quería sinalar que, en todo caso, a situación da nosa lingua hoxe non é exactamente algo novo -pero si ben diferente a hai cen anos, sen ir máis lonxe-. As razóns históricas ás que acabo de aludir e que nos axudan a comprender o presente da nosa lingua son perfectamente resumíbeis nunha: a falta de soberanía da nación galega: en definitiva, o carecermos os galegos e as galegas dunhas institucións propias, non dependentes de instancias supraterritoriais, que ordenen o noso espacio social, político, económico, cultural e lingüístico. Desde hai un par de anos, contamos con datos obxectivos para coñecer de xeito menos intuitivo a situación real do galego. Estes datos, que se recollen no chamado Mapa Sociolingüístico de Galiza, ofrecen en síntese as seguintes conclusións:
1. A lingua habitual predominante en Galiza é moi maioritariamente o galego, xa que máis de dous tercios dos galegos (o 68,6%) téñeno como lingua habitual e cotiá, ben de xeito exclusivo (o 38,7%), ben de maneira preferente (o 29,9%), fronte ao 10,6% que teñen o español como lingua habitual e exclusiva. O uso do galego é maior na xente de máis idade, de hábitat rural, nas clases socioeconómicas baixas e nas de menor nivel de estudios, co galego como lingua en que primeiro aprenderon a falar. 2. Con todo, observáse que ao longo do século XX hai unha perda notábel do monolingüismo en galego, do uso exclusivo da nosa lingua, (de avós a netos), que se ben non conduciu a unha castelanización completa, si aumentou o bilingüismo existente -por certo, nada harmónico, xa que a tendencia natural deste grupo bilingüe parece ser unha progresiva e perigosa españolización-. Ou sexa, o monolingüismo en galego diminúe en favor do bilingüismo e sobre todo nas xeracións máis novas en favor do monolingüismo en español, malia seren estas xeracións as primeiras que teñen contacto coa língua no ensino desde os niveis primarios. 3. Así mesmo, amplos sectores da sociedade galega, aínda expresándose oralmente na nosa lingua, seguen a ser incapaces de o faceren por escrito, ou mesmo de leren sen dificultade en galego (máis da metade dos monolingües en galego escriben en español). 4. Contrariamente a esta tendencia desgaleguizadora, a nosa sociedade presenta unha actitude moi favorábel á potenciación do galego e unha amplísima consideración deste como lingua propia. O paradoxal da situación resulta de que esta vontade en prol da lingua galega estana a manter as xeracións máis novas, quer dicir, aquelas nas que a desgaleguización é máis acusada. En resumo, o galego é sen dúbida a lingua máis falada en Galiza, aínda que este uso decae na xente máis nova, xente que -curiosamente- é a que presenta mellores actitudes en favor do galego e do seu uso en todos os ámbitos; así mesmo, obsérvanse eivas notábeis en canto á alfabetización no noso idioma (fálase bastante pero escríbese moito menos). O marco legal en que hoxe se desenvolve a nosa lingua está acoutado polo texto constitucional español (que recolle expresamente a oficialidade do castelán, co dereito de coñecelo e o deber de usalo por parte dos cidadáns e cidadás, e a cooficialidade do galego no noso territorio); o estatuto de autonomía (subalterno da constitución e que proclama o galego como lingua propia de Galiza e a súa cooficialidade, existindo neste caso o dereito -pero non o deber- de coñecelo e de usalo); e a lei de normalización lingüística -do ano 1983-, que dispón dun tímido articulado -na sua meirande parte por desenvolver- de protección e promoción do uso da lingua en diferentes ámbitos da sociedade.
Temos pois un marco lexislativo insuficiente en materia lingüística, e aínda así desaproveitado, pois os garantes do cumprimento desta lexislación, os poderes públicos de Galiza, amósanse pouco ou nada propensos a situar o galego nas coordenadas que lle corresponden como lingua propia, como lingua nacional. Os diferentes gobernos que tivo Galiza -até o actual de Fraga Iribarne-, sempre en mans da dereita caciquil (agás o curto período daquel amorfo goberno tripartito con González Laxe á cabeza), limitáronse a practicar un (in)certo proteccionismo da lingua, as máis das veces cun contido folclórico (como se a lingua galega, en vez de ferramenta de comunicación e sinal de identidade dun pobo, fose unha simple mostra de tipicismo autóctono), e todo isto baixo a falaz filosofía do "bilingüismo harmónico", que non pretende senón deixar as cousas como están deica o esmorecemento paulatino da nosa lingua. Fronte a esta actitude dos gobernantes e mais do partido que os sustenta, só cabe pola banda do que se vén chamando sociedade civil (e da cal a CIG forma parte activa) unha toma de conciencia maior e unha estratexia común para lograr a plena instauración de usos do galego, quer dicir, a completa normalización do noso idioma. Esta estratexia ten que se conducir por dúas vías, a vía da reivindicación (perante os poderes públicos e perante esoutros poderes que lexitiman a minorización do galego ante o español: medios de comunicación, patronal, igrexa...) e a vía da sensibilización (perante o conxunto da sociedade). Desde a CIG debemos actuar, polo tanto, en tres frontes diarias que están abertas e nas que como central sindical incidimos:
1ª. A propia central, co obxectivo a curto prazo da galeguización total do noso sindicato en todas as súas actuacións, orais e escritas, vencendo inercias e rutinas que prexudican o futuro da nosa lingua. Todas as estructuras da central deben ser conscientes da importancia de que o galego sexa unha batalla cotiá, que debemos dar de maneira radical e consecuente, eliminando certos prexuízos que aínda perviven sobre a utilidade da nosa lingua, a súa dificultade para escribila ou outros prexuízos igualmente inexplicábeis hoxe. De igual maneira, a xente que se vai achegando aos locais da central ou que contacte cos nosos compañeiros e compañeiras irá percibindo como en nós a lingua que é normal é o galego, e iranse incorporando ao seu uso aqueles que non a teñan por lingua habitual. Tamén, desde a central, debemos pular por un uso coidado da lingua, por mellorarmos a súa utilización sobre todo naqueles documentos que fagamos públicos, pois a defensa dunha lingua como a nosa (contaminada e agredida tamén polo español no que se refire ás estructuras propiamente lingüísticas) precisa dun tratamento un pouco máis atento e respectuoso. 2ª. O mundo laboral, no que como central sindical e como traballadores e traballadoras estamos inmersos. Tamén aquí existen inercias e rutinas que desprazan o noso idioma en beneficio do español, provocando que o galego se dea unicamente nas relacións entre iguais (case sempre entre compañeiros e compañeiras de traballo) mentres que o seu uso ante as xerarquías sociais ou laborais -superiores- é cativo. Neste caso podemos dicir que o español é unha lingua de poder e como tal se comporta. Ademais, no mundo do traballo non son infrecuentes casos de represión do uso do noso idioma, que mesmo comeza no proceso de selección do persoal. É recente (e fíxose público) o caso dunha tenda de decoración en Santiago que, na proba para cubrir un posto de dependente, aclarou que a súa lingua de traballo era con exclusividade o español, de xeito que as persoas que ían optar a esa praza e que presentaron o currículum ou contestaron as preguntas da entrevista na nosa lingua quedaban automaticamente fóra do proceso de selección. Penso que outros datos significativos para a reflexión sobre o estado do galego no mundo do traballo poden ser o da lingua utilizada nos convenios colectivos que se asinan no noso país (e aproveito que mañá tratades nestas xornadas o tema da "negociación colectiva no ámbito da empresa"). A falta dos datos totais sobre o ano 1997, dos que aínda non dispoño na súa totalidade, vou reseñar unicamente os referidos ao primeiro semestre do ano recén concluído: Lingua e convenios colectivos.- Período: 1-1-97/ 31-6-97 | LINGUA DE REDACCIÓN DOS CONVENIOS | Convenios de Sector | Convenios de Empresa | En galego | En español | En galego | En español | 30,7% (12 de 39) | 69,3% (27 de 39) | 20,7% (16 de 77) | 79,3% (61 de 77) | TOTAL Convenios Empresa + Sector | En galego | En español | 24,1% (28 de 116) | 75,9% (88 de 116) | LINGUA DE PUBLICACIÓN DOS CONVENIOS | Convenios de Sector | Convenios de Empresa | En galego | En español | En galego | En español | 94,9% (37 de 39) | 5,1% (2 de 39) | 89,6 (69 de 77) | 10,4% (8 de 77) |
Son cifras, como vedes, nada optimistas e que revelan, outra volta, a condición precaria que o galego está a padecer no mundo laboral. E iso sen entrarmos na nula ou case nula presencia do noso idioma en aspectos como: as comunicacións internas ou externas das empresas, a documentación destas, a publicidade que fan dos seus productos, a etiquetaxe, etc., aspectos nos que o galego é moitas veces residual, o que contrasta coa vontade maioritária dos galegos e galegas de expresármonos na nosa lingua. 3ª. A sociedade en xeral. Ademais de como membros dunha estructura sindical e de como afiliados á CIG, tamén como cidadás e cidadáns galegos debemos ter un compromiso activo coa nosa lingua. O galego precisa que cada un de nós, nos actos diarios e nas relacións diversas que establecemos en sociedade, actúe -da maneira que sexa posíbel ou viábel- como un axente normalizador e dinamizador da nosa lingua, que reclame alí onde faga falta o seu uso normal e que tente sensibilizar aos demais disto. Hai organizacións sociais (como a Mesa pola Normalización) que fan este labor de denuncia e sensibilización, mais é lóxico pensar que entidades como esta (moi febles canto á súa estructura) do que se nutren é de xente consciente e preocupada polo presente e o futuro do idioma. Esta preocupación plásmase en campañas diversas de reivindicación do galego: desde o uso correcto e galeguizado dos nosos nomes de lugar (Arousa, A Coruña, Ourense, etc.) ata a galeguización do nome das persoas, ou a organización de actividades de promoción do idioma (en Vigo, por exemplo, a carreira pola lingua) e contra a súa non utilización por parte das administracións galegas. Remato xa insistindo na necesidade de que o galego se converta na nosa lingua normal: na lingua do ensino, da administración, dos medios de comunicación, do traballo, e sexa a lingua da casa, da tenda, do banco ou do bar; e insisto tamén no deber que, como nacionalistas, temos de propiciar isto, pois para nós a lingua (resulta evidente), ademais dun dereito irrenunciábel, é un deber así mesmo irrenunciábel.
Gustaríame que, nestas II Xornadas de formación sindical da Banca e Aforros que estades a realizar, esta miña reflexión sobre a lingua non caese no baleiro. É máis, polo que a min respecta, pareceríame estupendo que a partir de hoxe comezase unha colaboración máis estreita entre a vosa federación e o servicio de normalización lingüística da CIG, e que mesmo considerásedes nas vosas conclusións a necesidade de crear un pequeno grupo de traballo -ou comisión de normalización- que axudase a impulsar a extensión do uso do galego no mundo da banca. Hai non moitos anos existiu un protocolo, asinado coa Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza, sobre a normalización do galego no ámbito da banca, acordo que incluía a publicación na nosa lingua do convenio colectivo da banca privada (como así foi nos anos 1994 e 1996) e outras accións de potenciamento do seu uso que, coido, quedaron en papel mollado, mais que dalgunha maneira cumpriría revitalizar. En calquera caso, tendes -como xa víñades tendo (e algúns de vós utilizastes)- á vosa disposición o servicio de normalización lingüística, que hoxe vin representar na miña condición de traballador do dito servicio da central sindical. Rafa Villar. CIG-Normalización Lingüística. Vigo, 23 de xaneiro de 1998.
|