| ||
| Arredor do idioma galego | ||
| (Comunicación presentada a un acto organizado pola CIG-Migración e polo núcleo do PT do Brasil na Galiza o día 12 de maio de 2000, nos salón de actos da sede central da CIG, baixo o título de 'Brasil, Galiza e Portugal: unha mesma língua?') | ||
Introducción Afrontar unha cuestión de índole lingüística como a que hoxe nos ocupa require, ao meu ver e cando menos para o caso galego, unha breve incursión histórica, que permita e axude a situar nos seus xustos termos o estado actual do noso idioma. A seguir, farase un diagnóstico de cal é hoxe o estado real en que se acha a lingua galega –polo que se refire á nosa nación– e finalmente apuntaranse un par de notas referentes ao seu contexto en relación ao seu desenvolvemento ortográfico (é dicir, o conflicto normativo –latente aínda– en que está inmersa).
O galego nace como lingua de seu hai máis de mil anos producto da evolución que o latín tivo na antiga provincia romana da Gallaecia. Con anterioridade, por mor do proceso de conquista e expansión do imperio romano, o latín foi desprazando e ocupando o lugar das diferentes falas dos pobos asentados nos territorios do noroeste da península ibérica. Deste xeito, pódese afirmar que, contra finais do século V, o latín era a única lingua falada polos galegos e galegas. Este latín, así e todo, tiña as súas diferencias cos latíns falados no resto da península ou do imperio romano, debido entre outras razóns ás características propias do latín dos colonizadores da Gallaecia, ao noso carácter periférico respecto de Roma ou á existencia doutras linguas anteriores, que deixaron varias marcas diferenciais no latín falado aquí. Estes trazos diferenciadores entre o latín falado na Gallaecia e o do resto da península e do dominio de Roma, e despois da caída do imperio romano e das invasións de xermanos e fundamentalmente dos árabes, dan que se vaian conformando diferentes linguas en todo o territorio. Así aparece o galego –ou galego-portugués– (por volta dos séculos IX-X), como lingua propia e perfectamente diferenciada, ocupando un territorio que tiña o seu límite oriental no río Navia –hoxe terras administrativamente asturianas– e o límite sur entre os ríos Douro en Mondego, ata a cidade de Coimbra. Entre os séculos XII e XIV o galego vive unha etapa de esplendor, xa que é a lingua literaria por excelencia xa non só do noso territorio senón mesmo doutros territorios e pobos da península, que vían no galego un vehículo perfecto para a súa expresión literaria. E, a pesar de que nesta altura, Galiza e Portugal pertencían xa a mundos politicamente diferenciados (nós xa integrados na monarquía castelá-leonesa e Portugal independente desde 1128), a lingua seguía a ser común. Esta falta de poder político de Galiza vese acentuada polo centralismo exercido polos Reis Católicos: a nobreza, a administración, a xustiza, o clero e o poder político-militar recae en elementos foráneos, o que incrementa a castelanización iniciada a finais do século XIV. Entón, o galego en Galiza vese reducido a ser unicamente a lingua do mundo privado, familiar e afectivo, sen posibilidades de se desenvolver nos outros ámbitos, o que co tempo acabou por crear nos galegos e galegas un sentimento de inferioridade e un grande prexuízo respecto da utilidade da súa lingua. O período comprendido entre o século XV e o XVIII coñécese como o dos 'séculos escuros' para o galego de Galiza. Son tres séculos en que o galego é afastado da vida administrativa, eclesiástica ou científica, e polo tanto da cultura escrita, nun momento de afianzamento dos outros idiomas europeos nacidos do latín. Así mesmo, en Portugal a lingua comeza un momento de esplendor, cos primeiros estudios sobre o portugués (gramáticas, etc.) e unha literatura de calidade. O idioma, xa que logo, fica relegada á fala e á xente iletrada, é dicir, o galego comeza un proceso polo que se volve na lingua subalterna do español, a pesar de ser a empregada pola grande maioría da poboación galega. As clases populares van ser o garante de pervivencia do noso idioma, malia a tremenda presión exercida polo español a través de todos os instrumentos de dominación posíbeis. A finais do século XVIII e, sobre todo, no século XIX principia un proceso de recuperación do uso escrito do galego e de dignificación da nosa cultura e lingua. Ese período coñécese como nome de 'Rexurdimento' e vai asociado a figuras como Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Eduardo Pondal... Con todo, neste período, o español vai incrementando progresivamente a súa difusión na sociedade, favorecido pola aparición dunha nova clase emerxente (a burguesía), que en Galiza tampouco é autóctona, senón de procedencia foránea (catalana, vasca, castelá...). Os primeiros anos do século XX coñecen un novo auxe na reivindicación lingüística e cultural de Galiza, reivindicación asociada neste caso a unha toma de consciencia do problema nacional galego. O emerxente nacionalismo galego (Irmandades da Fala primeiro e Partido Galeguista despois) reclama un novo espacio para o idioma de Galiza para alén do seu uso reducido aos ámbitos ben culturais, ben familiares. Mais o alzamento fascista de 1936, coa conseguinte derrota do republicanismo e do nacionalismo galego, deteñen este avanzo, que significaba un salto cualitativo na consideración do noso idioma como a lingua nacional de Galiza. O galego vólvese unha lingua perseguida e regresa ao seu refuxio nos espacios domésticos ou nas manifestacións de tipo folclórico. Con todo, desde o exterior –nomeadamente, na emigración e o exilio americanos–, impúlsanse actividades de todo tipo (editoriais, revistas, programas de radio, etc.) que manteñen viva a chama do idioma. A 'refundación' (por así dicilo) do nacionalismo galego nos anos 70, coa conseguinte posta en marcha de organizacións propias de todo tipo –políticas, sindicais, estudiantís, culturais...– volve relanzar a loita pola dignificación do galego. A morte do dictador e o conseguinte proceso de reforma política no estado español desembocan na reformulación deste, e nacen o Estado das Autonomías. Galiza é recoñecida como nacionalidade histórica e dótase dun Estatuto, do ano 1981, que implica a asunción de certas competencias, aínda que supeditada nos grandes asuntos ao poder central do Estado. No dito Estatuto recoñécese (no seu artigo 5) o carácter do galego como lingua propia de Galiza (sempre –convén non o esquecer– á par do español) e mais o mandato dos poderes públicos de garantir o seu uso normal e o seu coñecemento e potenciamento.
O galego áchase hoxe nunha situación de inferioridade de usos e de coñecemento respecto do español. Así, a lingua propia do país desde hai máis de mil anos é dominada e sometida a un segundo plano pola lingua allea, o castelán, lingua que se veu impoñendo –case sempre coercitivamente– desde hai uns cincocentos anos. Por tanto, o galego é un lingua minorizada, ou sexa, unha idioma nacional que ve limitado o seu espacio social na propia nación. Romper esta situación de subalternidade lingüística –situación que irremediabelmente conduciría a unha substitución lingüística do idioma propio– require unha poderosa acción de promoción que se ten que artellar por medio de dúas vías: unha institucional e outra social. Esta primeira vía, a institucional, é a que debe permitir (a través dunha política lingüística coherente e eficaz) a planificación da normalización do idioma, mediante leis que dean cobertura a esta normalización e medidas que impulsen o obxectivo da extensión do galego. A segunda vía, a social, tamén é fundamental, e faise máis necesaria e mesmo vital cando a vía institucional non funciona como debera, como no noso caso. Desde hai uns anos, existen datos obxectivos que permiten coñecer de xeito menos intuitivo o estado actual en que está hoxe o galego. Estes datos, que se recollen basicamente no Mapa Sociolingüística de Galiza, ofrecen en síntese as seguintes conclusións: a) A lingua habitual predominante en Galiza é moi maioritariamente o galego, xa que máis de dous tercios dos galegos (o 68,6%) téñeno como lingua habitual e cotiá, ben de xeito exclusivo (o 38,7%), ben de maneira preferente (o 29,9%), fronte ao 10,6% que teñen o español como lingua habitual e exclusiva. O uso do galego é maior na xente de máis idade, de hábitat rural, nas clases socioeconómicas baixas e nas de menor nivel de estudios, e que teñen o galego como lingua en que primeiro aprenderon a falar. b) Con todo, obsérvase que ao longo do século XX hai unha perda notable do monolingüismo en galego, quer dicir, do uso exclusivo da nosa lingua (de avós a netos), que aínda que non conduciu a unha castelanización completa, si aumentou o bilingüismo existente -por certo, nada harmónico, xa que a tendencia natural deste grupo bilingüe parece ser unha progresiva e perigosa españolización-. Ou sexa, o monolingüismo en galego está a diminuír en favor do bilingüismo e sobre todo nas xeracións máis novas en favor do monolingüismo en español, malia seren estas xeracións as primeiras que teñen contacto coa lingua no ensino desde os niveis primarios. c) Así mesmo, amplos sectores da sociedade galega, aínda expresándose oralmente na nosa lingua, seguen a ser incapaces de o faceren por escrito, ou mesmo de leren sen dificultade en galego (máis da metade dos monolingües en galego escriben en español). Situación esta que dá conta dun estraño pero doloroso analfabetismo que padecen moitos galegos e galegas (as xeracións de máis idade) e que só se vai poder superar co paso do tempo, e sempre que se artellen medidas correctoras que axuden a paliar o desatino. d) Contrariamente a esta tendencia desgaleguizadora, a nosa sociedade presenta unha actitude moi favorable á potenciación do galego e unha amplísima consideración deste como lingua propia. O paradoxal da situación resulta de que esta vontade en prol da lingua galega estana a manter as xeracións máis novas, quer dicir, aquelas nas que a desgaleguización é máis acusada. Mais non debemos esquecer que estas xeracións son tamén as primeiras que tiveron contacto co galego na escola -como xa se dixo antes- ou que o escoitaron a través da televisión ou noutros ámbitos nos que estaba case proscrito. En resumo, o galego é sen dúbida a lingua máis falada en Galiza, aínda que este uso decae na xente máis nova, xente que -curiosamente- é a que presenta mellores actitudes en favor do galego e do seu uso en todos os ámbitos; así mesmo, obsérvanse eivas notables en canto á alfabetización no noso idioma (fálase bastante pero escríbese moito menos). O marco legal en que hoxe se desenvolve o galego está acoutado polo texto constitucional español (que recolle expresamente a oficialidade do castelán, co dereito de coñecelo e o deber de usalo por parte dos cidadáns e cidadás, e a cooficialidade do galego no noso territorio); o Estatuto de Autonomía (subalterno da Constitución española e que proclama o galego como lingua propia de Galiza e a súa cooficialidade, existindo neste caso o dereito –pero non o deber– de coñecelo e de usalo); e a Lei de Normalización Lingüística, do ano 1983, que dispón dun tímido articulado –na súa meirande parte aínda por desenvolver– de protección e promoción do uso do galego en diferentes ámbitos da sociedade. Malia existir este marco lexislativo en materia lingüística (insuficiente e aínda así desaproveitado), os garantes do cumprimento desta lexislación, os poderes públicos de Galiza, amósanse pouco ou nada dispostos a situar o galego nas coordenadas que lle corresponden como lingua propia do noso país. Os diferentes gobernos que tivo Galiza, sempre en mans da dereita estatal AP-PP (agás un curto período do goberno tripartito CG-PNG-PSOE) ata o actual presidido por Fraga Iribarne, limitáronse a practicar un (in)certo proteccionismo da lingua, as máis das veces cun contido folclórico, como se a lingua galega, en vez de ferramenta de comunicación e sinal de identidade dun pobo, fose unha simple mostra de tipicismo autóctono. E todo isto, baixo a falaz formulación do "bilingüismo harmónico", que non pretende senón deixar as cousas como están deica o esmorecemento paulatino do noso idioma. Así, en Galiza, a pesar de existir unha lei de normalización lingüística (do ano 1983) e unha dirección xeral de política lingüística, organismo adscrito á Consellería de Educación Universitaria –o que supón, xa de entrada, limitar a súa actuación–, non existe no goberno autonómico un programa estratéxico de normalización do galego, orientador da súa política lingüística. Isto loxicamente é debido ao nulo interese que ten o partido que actualmente o goberno polo idioma de Galiza, ao que consideran en todo momento inferior ao español e lingua só válida para ámbitos máis ou menos privados ou familiares, ou mesmo literario-culturais, pero nunca un idioma pleno nas súas funcións. Quer dicir, un idioma que sexa a lingua real da administración, do ensino, dos medios de comunicación, da xustiza, do deporte, do lecer, do mundo do traballo... Ademais, a falta de poder político real –de soberanía– de Galiza como nación de seu, o impedimento que ten hoxe de poder exercer ese dereito democrático dos pobos, como é o dereito á súa autodeterminación, dá en que o idioma galego estea a recuar como lingua de Galiza e non atinxa todos os usos normais dunha lingua perfectamente desenvolvida. Con todo, este proceso en que hoxe se acha a lingua de Galiza (de desprazamento e limitación de usos por parte do español) non é nin moito menos irreversíbel. Esta reversibilidade do proceso terá que vir dada por un deseño real dunha nova política lingüística, operado por axentes políticos e sociais comprometidos coa lingua e nación galegas, nun marco estatal (e mesmo europeo) que recoñeza a pluralidade existente. En todo isto, a autoorganización consciente da sociedade civil galega, é –e terá que o ser aínda máis– peza fundamental na estratexia para lograr a plena instauración de usos do galego, quer dicir, a completa normalización da lingua propia de Galiza. Esta estratexia común conducirase por dúas vías: a vía da reivindicación (perante os poderes públicos e perante esoutros poderes que lexitiman a minorización do galego ante o español: medios de comunicación, igrexa, patronal...) e a vía da sensibilización (perante o conxunto da sociedade). Só así seremos quen de garantirmos outras mil primaveras para o galego e que o noso idioma floreza tamén en Galiza.
O debate acerca de que norma recolle mellor a(s) fala(s) galega(s), e as súas aspiracións como lingua nacional de Galiza, é un debate que non é novo (pois que mesmo se remonta ao século pasado) e que, ao meu ver, non ten unha solución posíbel, cando menos satisfactoria para todos. E o problema para que esta non se dea é que a normativización do galego é máis que unha solución técnica a un problema, xa que detrás desa solución técnica agóchanse, como mínimo, dúas ideoloxías moi dificilmente reconciliábeis: unha, que entende que o galego é unha lingua propia de seu (evito tecnicismos innecesarios) xebrada dun tronco común medieval de falas e escritas (chamado impropiamente 'galego-portugués'); e outra, que defende que tal separación non se produciu e que, por tanto, a nosa lingua non é senón a mesma que se fala e escribe alén Miño. Entre estas dúas ideoloxías lingüísticas caben todos os matices posíbeis, mais en xeral responden ao dito. Tales ideoloxías deron lugar a tres normativas lingüísticas básicas, que -por razóns máis que nada de claridade expositiva- chamaremos: normativa oficial; de mínimos (reintegracionistas) e de máximos (reintegracionistas). Así, a oficial é a que emana das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego redactadas en 1980 polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e mais pola Real Academia Galega (RAG) e consagradas como normativa oficial pola Xunta de Galiza no ano 1982 (por medio do chamado 'decreto Filgueira'). A de mínimos parte das Orientacións para a escrita do noso idioma, editadas pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) en 1980 e da Nova Gramática para a aprendizaxe da lingua, coordinada pola Asociación de Profesores de Língua e Literatura (APLL) e publicada pola editorial 'Vía Láctea' en 1988. E finalmente a de máximos é a que vén propugnando a Associaçom Galega da Língua (AGAL), explicitada no Estudo crítico das normas ILG-RAG e fundamentalmente no seu Prontuário ortográfico galego, do ano 1985. (Así mesmo, cumpriría incluír aquí os defensores do portugués padrón para a escrita do galego, e mesmo os que se adheriron ás Normas do Acordo ('Acordo de Rio' e outros) dos países de lingua portuguesa). Á súa vez, as tres normativas foron tendo expresións diferenciadas dentro das posibilidades que estas daban. A modo de exemplo, dentro da oficial hainos que escriben sen representar a segunda forma do artigo ('perder a voz '), 'ao' por 'ó' para a contracción ou a terminación '-bel/ -beis' ('posíbel/ posíbeis') fronte aos que apostan pola segunda forma do artigo ('perde-la voz'), a contracción 'ó' e as terminacións '-ble/ -bles'). Ou no que atinxe aos mínimos, por exemplo, uns optan por separar con trazo o pronome do verbo ('perder-se') ou pola terminación '-zón' (soluzón), mentres outros, en cambio, prescinden do trazo e empregan a terminación '-ción' (solución). Por certo que, ao meu ver e paradoxalmente, a normativa de mínimos, aínda respondendo a unha filosofía lingüística de reintegración do noso idioma no tronco galego-portugués, lingüisticamente está moito máis perto da norma oficial que dos máximos de AGAL. Esta e outras -cando menos, aparentes- contradiccións deron lugar a algunhas falacias que circulan por aí e que sería boa cousa irmos desmontando, polo ben do futuro do noso idioma. Non vou ser eu quen discuta os argumentos dados por uns e outros para manteren as súas posicións verbo deste asunto, ao meu ver, tan lexítima a unha como a outra. É máis, penso que calquera análise desprexuizada achará que ter a certeza absoluta en cuestión tan espiñenta resulta pouco menos que sospeitoso. Porén, no medio deses argumentos razoados e sensatos, producíronse outros, que non o son tanto. A xeito de mostra, teño que dicir que sinceramente non acredito que os defensores do reintegracionismo sintan desprezo polo idioma que falan, por se cadra parecerlles 'rural' e non sei que máis, e outras patochadas polo estilo, que unicamente son unha utilización viciada e demagóxica dunha postura non compartida. Asemade, e independentemente da idoneidade ou non que se poida ver na norma que hoxe é a do ILG-RAG, a verdade é que non considero moi sensato pensar (con malicia ou sen ela) que realmente a dita normativa responde a un intento de asimilación españolizadora, utilización igual de viciada e demagóxica que a anterior. Ao final, no fondo, o que se acabou atacando non foron argumentos senón as persoas que os defendían, co que a posibilidade dun diálogo sereno, dun intercambio de ideas, ficou en nada. Para ben ou para mal, a curto e medio prazo (e se cadra, mesmo a longo prazo) van ter que convivir ambas as ideoloxías lingüísticas de que falei, aínda que o agardábel é que os modelos lingüísticos se reduzan a dúas únicas normativas: unha, saída do consenso entre a norma oficial e os mínimos, e outra que, posibelmente, tería que ser o portugués padrón (ou a norma emanada de calquera novo acordo dos países de lingua portuguesa). O entendemento entre estas normativas (que como digo responden a filosofías lingüísticas que diverxen) é, no terreo lingüístico, imposíbel; de aí que o que haxa que intentar é que no terreo sociolóxico si se dea ese entendemento, pois non doutro xeito se poderá transitar o difícil camiño que nos queda cara á normalización plena de usos do noso idioma. Xa que logo, e en resumo, o debate aberto non debe valer nin para convencer a uns ou a outros, nin para seguir a argumentar cada unha das posicións (argumentos por todos coñecidos, polo que as opcións enfrontadas responden, máis que nada, a un acto de fe), pois que o esforzo é inútil. Pola contra, o debate si debe valer para rebaixar a intensidade do 'conflicto normativo' (que infelizmente si existe, malia haber quen non o queira ollar así) e para irmos pensando, os dunha beira e os da outra, en que é preciso sentar as bases para o establecemento dun consenso -xa non normativo, senón social- na volta dun mínimo común denominador: a completa normalización do noso idioma. En definitiva, o meu é un chamado á responsabilidade de todos, un apelo ás consciencias dese nacionalismo sociolóxico e non só político de quen depende en maior grao o pleno desenvolvemento do noso idioma no conxunto da sociedade galega. Logo o debate, na miña opinión, non debe darse arredor dun consenso normativo (inviábel por responder, como dixen, a ideoloxías lingüísticas imposíbeis de canxar). O debate hai que o facer en torno a como articular un consenso social entre as persoas e os grupos defensores dunha e outra ideoloxía -ambas perfectamente lexítimas e válidas-, co fin de traballaren conxuntamente nunha estratexia eficaz que consiga –e teimo e repítome– que o galego poida florecer (tamén) en Galiza.
| ||
(1) A redacción deste parágrafo recolle na súa literalidade a práctica totalidade do meu artigo "Cal normativa para o galego? (Elementos para un debate errado)", publicado no semanario A Nosa Terra. | ||
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/10/2000 |