Introducción Ollar o mundo sociolaboral e facelo desde a posición que nel ocupa a lingua galega é unha preocupación constante para o sindicalismo nacionalista, xa desde os primeiros xermolos deste sindicalismo e deica hoxe: dos documentos fundacionais de todas as organizacións sindicais que o nacionalismo foi xerando -a partir dos anos 70-, ata o II Congreso da Confederación Intersindical Galega, realizado non hai moitos meses. En todos estes textos, de xeito máis ou menos extenso, púlase por contribuír ao proceso de normalización do galego, por traballar a prol da súa extensión a todos os ámbitos e a todos os sectores sociais. O idioma galego considérase un factor fundamental de identidade; é a lingua propia, e por tanto a lingua nacional desde a que axudar á vertebración de Galiza como nación de seu e da propia sociedade no seu conxunto. Non hai que esquecer que unha lingua é ante todo comunicación, pero tamén é cultura no senso máis profundo. E o galego comporta estas dúas cargas de valor: é factor elemental de comunicación, en canto lingua que se estende por todo o territorio galego (e noutras zonas que administrativamente xa non son Galiza), e é feito cultural, porque nesta lingua nos vimos relacionando os galegos e galegas co noso medio, desentrañándoo. O mundo do traballo, na súa evolución e ata aos nosos días, veuse configurando e desenvolvendo -no que respecta á súa lingua como valor de comunicación e de cultura- desde un continuo afastamento do idioma propio, que era desprazado case ata a súa substitución, por outro, o español. Este presentaba un novo valor, que se cadra pesa máis nunha sociedade cos trazos que definen a sociedade occidental na actualidade: o valor do prestixio, social e económico. Deste xeito, o castelán instálase no mundo socioeconómico galego e, xa que logo, no eido sociolaboral, o espacio máis feble en canto ás posibilidades de elección idiomática do dito mundo marcado pola rendibilidade económica ou, mellor dito, monetária. A transformación na década dos 80 do estado hipercentralista do franquismo nun estado xa non autoritario que comeza a recoñecer a súa pluralidade, nacional e lingüística, vai abrir novas posibilidades para o desenvolvemento das linguas propias das nacións do estado. O Estatuto de Autonomía de Galiza, do ano 1981, e a Lei de Normalización Lingüística, do ano 1983, son mostras palpábeis desta mudanza e marcan, dalgún xeito, o comezo dunha nova acción de extensión de usos para o galego, baseada na posibilidade institucional de deseñar, de planificar, un proceso de normalización lingüística. O punto de partida marcaríao a Lei de Normalización Lingüística, que mesmo se tería ir desenvolvendo co tempo sobre todo naqueles aspectos en que é deficitaria. Incluso hoxe, ao noso ver, faría falta unha nova redacción, é dicir, un novo texto legal que dea conta da realidade dos nosos días, ben diferente a hai dezaseis anos atrás, cando entrou en vigor a Lei. O certo é que os sucesivos gobernos autonómicos, aínda contando coa creación dunha Dirección Xeral de Política Lingüística (na actualidade, no organigrama da Consellería de Educación) e despois dunha Comisión de Normalización (que implica a varias consellerías e ao propio presidente da Xunta), non foron quen de deseñar esta planificación lingüística para o galego. A obediencia centralista dos partidos que formaron os ditos gobernos -obediencia a unha realidade lingüística na que o galego ocupa un lugar subalterno do español no territorio propio- imposibilitou que a lingua galega conte sequera cun Plan Xeral de Normalización, que sexa a guía de referencia xa non só das accións institucionais en favor da lingua, senón tamén das dos restantes colectivos sociais implicados na defensa e promoción do galego. Dito isto, retomo dúas ideas que quedaron apuntadas e sobre as que quería volver: · o galego a penas ten presencia nas actividades socioeconómicas do noso país, · non existe unha planificación real das accións de promoción do galego, ideas ás que engado unha terceira: no articulado da Lei de Normalización non se preveron medidas de promoción do galego neste eido. Diante de tal panorama, as pouquísimas iniciativas emprendidas desde a existencia da LNL tanto pola Administración autonómica como polos axentes sociais (centrais sindicais, organizacións empresariais ou organizacións de defensa da lingua) son iniciativas de escaso calado e imposíbel rendibilidade social, o que non quere dicir que non sexan positivas, senón que ese esforzo humano e económico non se traduce nuns resultados satisfactorios mínimos, que si se conseguirían cun traballo máis e mellor organizado. De feito, tamén é moi difícil avaliar que estas iniciativas xeren avances galeguizadores significativos, na consideración da lingua e no seu uso, que ao cabo é a pretensión que cando menos desde a CIG temos. Malia isto, a situación do galego no eido sociolaboral é certo que non é a mesma que, sen ir máis lonxe, hai 12 anos, cando todo un presidente dunha asociación provincial de empresarios de determinado sector dirixía unha carta á central sindical nacionalista INTG nos termos que seguen: “Les participamos que esta Asociación no admite la denuncia del convenio en la forma efectuada, por no llevarlo a cabo en el idioma oficial de esta nación. // De tal forma que una vez subsanada tal deficiencia lingüística (sic) procederemos a dar entrada del escrito...”. Nese momento, en 1986, o número de convenios colectivos que se asinaban en galego -case con exclusividade por iniciativa do sindicalismo nacionalista- era ínfimo. No ano 1998, pasados ese doce anos dos que falaba, o número elevouse ata unha porcentaxe de case o 31% no total de convenios asinados en Galiza, porcentaxe que evidentemente xa non é debida con exclusividade ao conscienciación idiomática do sindicalismo nacionalista, senón tamén a outros axentes sociais, o que non quere dicir que á CIG estas cifras nos satisfagan xa que segue a haber reticencias, tanto nos sindicatos de dirección española como na patronal, á presencia do galego na negociación colectiva. No que se refire á patronal galega, aínda que as súas actitudes lingüísticas foron mudando conforme aos tempos, os empresarios e empresarias de Galiza non adoitan identificarse, e por tanto identificar a súa empresa e productos, coa lingua galega, e en moitas ocasións tampouco co medio galego. Esta falta de autoidentificación, nun eido que como viamos era moi deficitario en canto á presencia real do galego, impide o necesario cambio de usos lingüísticos en favor da nosa lingua. O empresariado galego, malia dirixir os seus productos en boa parte dos casos á propia Galiza, non ten en conta á lingua dos consumidores e consumidoras galegas. E, malia as súas empresas contaren con persoal galego, as relacións que establece co dito persoal, sobre todo as máis formais, non son nunca en galego. E este mesmo empresariado, malia dirixirse por diferentes motivos a unhas administracións propiamente galegas, a penas utiliza esta lingua nas relacións coas ditas administracións. Síntomas todos dunha situación anormal, ou cando menos contradictoria, e máis se temos en conta que a lingua galega pode ser un valor engadido nesta realidade de mercado total que nos abafa. De aí que desde o sindicalismo nacionalista aplaudamos iniciativas como a creación da Fundación Galicia-Empresa, o Centro de Estudios Lingua e Empresa e outras, de carácter máis minoritario, que si parten da consciencia de Galiza como territorio propio e do galego como lingua de noso. Tamén nos gustaría que o sindicalismo estatalista, nomeadamente CCOO e UGT pola dimensión que teñen no noso país, apostase máis decididamente polo idioma de Galiza en toda a súa actividade no mundo do traballo. Sen embargo, ambas as centrais sindicais -aínda con diferentes ritmos entre si e entre os diversos sectores de cada unha- seguen sen empregar maioritariamente o galego na súa documentación, na atención ao público, nos cursos que imparten, nas súas seccións sindicais e noutras actividades. A medida que estes dous sindicatos vaian afondando neste proceso galeguizador irán contribuíndo á normalización das relacións laborais (negociación colectiva, etc.) e a unha maior presencia do galego no mundo da empresa. Doutra banda, botamos moi en falta unha acción institucional decidida a prol do galego no eido sociolaboral, acción que se tería que ver primeiramente nas diferentes instancias administrativas: Servicios de Mediación e Arbitraxe (SMAC), Inspeccións de Traballo, Oficinas Públicas de Rexistro (OPR), etc., e xudiciais (Xulgados do Social...). A documentación administrativa que xeran as relacións laborais segue a estar redactada maiormente en español, e sirva de exemplo que o primeiro laudo arbitral en galego asinado na OPR da Coruña é de finais de 1998, e despois de reiteradas peticións da CIG para que, cando menos, os laudos que sexan resposta a impugnacións promovidas pola nosa central sindical se fagan en galego. O goberno da Xunta de Galiza, a través das difentes consellerías implicadas directamente no mundo laboral ou a través da Comisión de Normalización da que falamos antes, ten que articular unha serie de medidas de galeguización da empresa e do traballo, medidas que deben garantir -como primeiro paso- a normalización plena de toda a documentación que xera a propia administración e a doutras administracións (local, de xustiza...). Así mesmo, debe consensuar cos diferentes axentes (sindicatos e patronal) a aplicación doutras medidas de maior calado que vaian permitindo que a nosa lingua alcance novas cotas de normalidade no espacio socioeconómico galego. Por último, nesta breve exposición só me queda dicir que a CIG vai seguir traballando por sumar esforzos nunha tarefa, a da normalización do galego, que precisa de cantas máis vontades mellor, e por situar o noso idioma nun novo horizonte como a lingua de comunicación e cultura que é. E para isto, faise urxente unha intervención favorábel ao galego no mundo socioeconómico, intervención que require certo rigor e planificación como xeito de rendibilizar -tamén aquí- este traballo. O galego ás portas do 2000. Vigo, 5 de febreiro de 1998. Rafa Villar. CIG-Normalización Lingüística
|