| ||
| Unha experiencia no eido sociolaboral: o Servicio de Normalización Lingüística da Confederación Intersindical Galega (CIG) | ||
| (Comunicación presentada no II Encontro de Normalización Lingüística de Galiza, Consello da Cultura Galega, outubro de 1998) | ||
I. Introducción Antes de entrarmos a desenvolver o que vai ser propiamente o contido desta comunicación (o traballado desenvolvido polo servicio de normalización da CIG), coidamos pertinente unha brevísima introducción acerca da dita central sindical e do xeito en que esta asume o necesario proceso normalización da lingua galega.
A CIG é unha central sindical que se crea en 1994, como froito do proceso de converxencia de dúas centrais sindicais: a Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG) e a Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG), ambas de orientación nacionalista. Na actualidade, a CIG, segundo os datos das últimas eleccións sindicais realizadas, representa, con máis de catro mil delegados, unha porcentaxe do 26% das traballadoras e traballadores galegos, o que a sitúa como o terceiro sindicato de Galiza, aínda que cunha representatividade moi parella á das dúas centrais sindicais de ámbito estatal que operan no noso país, UXT e CCOO. Así mesmo, a dita porcentaxe do 26% fai que a CIG sexa recoñecida como central sindical representativa a nivel estatal e participe de feito en organismos como o Consello Económico e Social (do estado) ou a Fundación para a Formación Continua (FORCEM). Territorialmente, a CIG organízase en oito estructuras de carácter comarcal e cerca de trinta de carácter local, ademais de contar con oitos locais máis para actividades de formación (continua e ocupacional) e aínda un máis en Madrid. Sectorialmente, organízase en once federacións ou sindicatos de sector, con personalidade xurídica propia e plena autonomía.
Entre os obxectivos que a central sindical aprobaba na súa fundación (e reafirmaba en maio de 1997, co gallo da realización do seu II Congreso) está o “pularmos pola completa normalización lingüística do idioma propio de Galiza” e entre os principios de carácter xeral de que se dotou figura un punto referido á normalización, que di textualmente: “A CIG exprésase en galego, o cal defende como único idioma oficial de Galiza e promove a súa completa normalización. Respecta o uso das distintas formas da escrita entre a súa afiliación” Canto aos Estatutos da central sindical, tres artigos fan referencia ao emprego do galego: o artigo 1, que reitera o dito nos principios de carácter xeral; o artigo 5: “A CIG ten como única lingua a galega, defendéndoa como única lingua oficial de Galiza e asumindo o compromiso de contribuír á súa normalización”; e finalmente o artigo 93, no que se plasma que “En consonancia cos principios da CIG incorporados a estes Estatutos, o idioma oficial da Confederación en todos os ámbitos e actividades, individuais ou colectivas, é o galego. Así mesmo, na súa documentación e medios de expresión de calquera clase terá especial coidado na utilización dunha linguaxe non sexista”.
En febreiro de 1995, a Executiva Confederal da central sindical aproba unha proposta de PROGRAMA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA PARA A CIG, a cal contemplaba actuacións en tres aspectos: o estatutario, o da sensibilización e conscienciación e o da mellora da competencia lingüística, e entendía necesaria a contratación dun “técnico en normalización lingüística”, que fose o “responsábel da realización -planificación, dirección e coordinación- do programa de normalización que a CIG, a través da súa executiva, aprobe”. A comezos do mes de marzo procédese á dita contratación e nace de feito o Servicio de Normalización Lingüística da CIG, que vén adoptando como denominación CIG-NORMALIZACIÓN, semellante a outros departamentos (CIG-MIGRACIÓN) ou ás estructuras territoriais ou sectoriais da central (CIG-FERROL, CIG-ENSINO...). Desde ese momento, CIG-NORMALIZACIÓN constitúese, pois, nun servicio, encadrado no organigrama da central sindical, que depende directamente da Comisión Executiva Confederal, a través da secretaría nacional de servicios e acción social. As súas actuacións van atinxir, e estes son os obxectivos xerais do servicio, á galeguización total das actividades da CIG (no que incluímos a mellora da calidade lingüística, a formación idiomática dos cadros sindicais e a eliminación de prexuízos aínda existentes); ao impulso do proceso normalizador no eido sociolaboral; e finalmente á promoción do uso do galego no seo da sociedade.
Atendendo pois a estes tres obxectivos xerais, o traballo desenvolvido desde marzo de 1995 polo servicio resúmese no seguinte: a) Galeguización total das actividades da CIG. En primeiro lugar, procedeuse a efectuar unha avaliación e diagnóstico (feitos na primavera do ano 1995) do estado actual da lingua galega no seo central, a través dunha Breve enquisa para a análise xeral da situación lingüística na CIG, a cal foi enviada aos secretarios comarcais e aos das federacións. Esta enquisa interrogaba acerca das comunicacións, da documentación, da rotulación, propaganda e publicidade, das asesorías xurídicas e resto de persoal (administrativos, técnicos, liberados), dos cursos de formación, dos convenios colectivos, e da lingua habitual empregada polos afiliados que se achegan polos locais. A partir dos resultados obtidos, foise orientado o traballo máis inmediato do servicio. As actuacións fundamentais levadas a cabo co obxectivo da galeguización total das actividades da CIG —obxectivo que como xa dixemos tamén inclúe a mellora da calidade lingüística, a formación idiomática dos cadros sindicais e a eliminación de prexuízos aínda existentes— foron as seguintes: i) Programa de actuación nas asesorías xurídicas, co fin de incidir na calidade lingüística das actuacións do persoal destas, no comportamento lingüístico da afiliación en conciliacións ou xuízos e na proxección externa do galego no mundo xudicial. Dentro deste programa, leváronse a cabo entrevistas cos traballadores das asesorías da central, fixéronse modelos de documentos-tipo plenamente normalizados, e enviouse material de apoio ás asesorías. Así mesmo, mantivéronse entrevistas con xuíces de Xulgados do Social para que, cando menos, as comunicacións dos procesos en que estea inmersa a central se realicen en galego. Este programa aínda está en marcha e como accións futuras contempla o dirixirse como central sindical á totalidade dos Xulgados do Social, audiencias provinciais e ao TSXG para lles reclamar o cumprimento da lexislación en materia de normalización lingüística. A CIG tamén se dirixirá ás autoridades públicas (Xunta, SMAC, deputacións, concellos...) para que, como mínimo, nas súas relacións coa central empreguen a lingua galega. ii) Realización de cursos de lingua galega, para a formación de cadros sindicais e da afiliación da central. Estes cursos programáronse non só ao abeiro dos que ofrece a convocatoria xeral da Dirección Xeral de Política Lingüística (de iniciación e perfeccionamento), senón tamén que se realizaron algúns a través da oferta de cursos que o departamento de Formación da CIG (actualmente da FORGA) vén programando con carácter anual (posteriormente asinouse un convenio coa DXPL para a súa homologación). Como axuda á formación, o servicio de normalización redactou unha Guia elemental para a escrita do galego, distribuída entre cadros e delegados sindicais da central. iii) Corrección, e en moita menor medida traducción, da documentación que xera o traballo sindical da CIG, así como das publicacións que edita (Tempo Sindical —voceiro do sindicato, de periodicidade mensual e no que hai unha sección cunha páxina dedicada con exclusividade á normalización lingüística—; Boletín de Economía (trimestral), Manual básico de Economía, Galicia Emigrante...). Igualmente se atenden a diario consultas de afiliados, referidas a dúbidas de lingua, aos seus dereitos lingüísticos e outras. iv) Tamén se levan a termo outras medidas máis puntuais e de menor calado como o envío aos locais comarcais de material de apoio para unha mellor utilización do galego (copias dun programa informático de corrección lingüística...); as probas de coñecemento da lingua para o persoal que vai acceder a un contrato dentro da central sindical; etc. b) Impulso do proceso normalizador no eido sociolaboral. A non existencia dun foro no que debater a normalización lingüística no eido sociolaboral (asunto sobre o que volveremos máis adiante) está a determinar boa parte do traballo que o servicio desenvolve por impulsar e promover o uso do galego entre os traballadores e nas empresas ou administracións. A actuación máis importante que se está a desenvolver é a campaña interna “A negociación colectiva en galego”, que por terceiro ano se está a levar a cabo coincidindo coa propia campaña que a CIG fai de obxectivos que lograr na negociación colectiva e de reivindicación dun marco galego de relacións laborais. En resumo, esta campaña ten como horizonte impulsar o asinamento de convenios colectivos redactados en galego e procurar a inclusión dunha cláusula de dereitos lingüísticos nos ditos convenios. Entre as medidas que a campaña pon en práctica están: o envío semestral ao secretario de negociación colectiva e aos secretarios comarcais e de federacións dos datos actualizados da situación do galego na redacción e publicación de convenios colectivos; a preparación e difusión interna do dosier “Galeguización dos convenios colectivos. ¿Que facer?”sobre a negociación colectiva en galego; e a traducción ao galego de convenios colectivos (coa súa edición e difusión), nomeadamente dos de carácter estatal. Outra actuación de certa relevancia realizada polo servicio é a de fornecer a versión galega dos textos lexislativos máis importantes que afectan aos traballadores; entre estes textos traducíronse e fixéronse edicións (aínda que estas de tiraxe moi limitada) dos seguintes: Lei do Estatuto dos Traballadores e Lei Orgánica de Liberdade Sindical, Lei de Procedemento Laboral, Lei da Seguridade Social e un Manual de Saúde Laboral, que recolle a Lei de Prevención de Riscos Laborais e a normativa que a desenvolve. Así mesmo, o servicio traballou (e traballa) con diferentes departamentos e seccións sindicais da CIG para elaborar propostas normalizadoras en diferentes ámbitos, por exemplo, cos departamentos de Migración e Formación da central, co gabinete económico e co de empresa, e coas seccións sindicais na administración autonómica, no Instituto Nacional da Seguridade Social, en Bazán, no Banco Simeón, na Autoridade Portuaria, na dobraxe, etc. Mención á parte merece a colaboración coa federación de Ensino (como dixemos antes, as federacións que integran a CIG teñen autonomía), que ten en funcionamento unha comisión de normalización lingüística, na que o servicio participa; a dita comisión dedícase fundamentalmente a debater as propostas que CIG-Ensino leva á Plataforma polo Galego no Ensino. c) Promoción do uso do galego no seo da sociedade. O servicio de normalización da CIG colabora con diversas entidades preocupadas pola normalización do galego, singularmente coa Mesa pola Normalización Lingüística, e participa de iniciativas de reivindicación do maior uso social do galego, como a campaña que arredor do 17 de maio deste ano se desenvolveu baixo o lema “En galego, Galiza ten futuro”, xunto cunha ducia de organizacións sociais, políticas e estudiantís. Entre outras actuacións puntuais, queremos finalmente dar conta da que se levou a cabo cos medios de información escritos instándoos a que, cando citasen as declaracións da CIG, o fixesen en galego, e solicitando que aumentasen a presencia da lingua galega nas páxinas de economía e laboral dos xornais.
Malia que o obxecto principal desta comunicación non é o facermos unha avaliación ou unha análise sobre o proceso normalizador no eido sociolaboral, si imos realizar unha breve incursión nel. Nesta incursión citaremos algunhas das iniciativas que se levan feito, partindo do feito constatábel de que estas son recentes, escasas e desligadas entre si, e non obedecen a unha planificación global (nin sequera sectorial) que permita unha maior rendibilidade das ditas iniciativas. Ademais, cómpre ter ben presente que, no ámbito de que falamos, o galego parte dunha situación de minorización profunda respecto do español. As razóns de que a penas existisen iniciativas normalizadoras no eido sociolaboral (ou, se ampliamos o campo, no mundo socioeconómico) son de moi diversa índole, e entre elas pesa a especial configuración deste complexo ámbito, e máis cando estamos a tratar dunha economía de mercado como a que impera no noso contorno. Ricard MARTÍNEZ i MUNTADA di, falando do atraso da recuperación do catalán no mundo socioeconómico, e faino non sen certa ironía, que quizais este atraso se deba “ao feito (de) que normalización e maximización de beneficios non van polo mesmo camiño” (1). De aí que nós discrepemos con BOUZADA e LORENZO cando afirman: “en moitos casos é precisamente o traballador un dos elementos máis remiso e precavido ante actividades de galeguización, que poden interpretadas dun xeito cruento” (2) e concordemos algo máis cando din: “os traballadores mostraron en xeral actitudes positivas cara ó esforzo galeguizador, aínda que con diversos matices” (3). Tampouco non debemos esquecer que na propia Lei de Normalización Lingüística de Galicia non se recolle ningún artigo que faga referencia a este ámbito, nin posteriormente se redactou ningún decreto que desenvolvese a Lei neste senso [agás o timidísimo Decreto 101/1985, sobre a utilización do idioma galego na etiquetaxe e publicidade dos productos que se comercializan en Galiza]. E mesmo nun folleto editado polo propio Consello da Cultura Galega no ano 90 se dicía: “Tres son os ámbitos nos que, establecendo unha racional política de prioridades, cómpre reforzar nestes momentos a acción de uso e normalización do uso do idioma galego: o ensino, os medios de comunicación de masas e a administración” (4), o que nos fai ver a consideración de secundario que o mundo socioeconómico tivo e ten no noso país para o proceso de normalización do galego. As iniciativas emprendidas (5) desde a existencia da Lei de Normalización Lingüística pola(s) Administración(s) galega(s), a grandes trazos, reducíronse a: 1. Establecemento dunha orde pola que se regula a concesión de subvencións a empresas privadas para accións de promoción da lingua. En 1998, os 400 proxectos presentados que recibiron subsidio repartiron case cen millóns de pesetas, en contías que van do 1.500.000 por proxecto (non por empresa) ás 5.000 pesetas. As actividades que se subvencionan refírense maioritariamente á edición, á rotulación, á documentación e á publicidade das empresas, e en menor medida á creación ou axuda ao mantemento de servicios de normalización. 2. Un protocolo de acordo sobre a normalización do galego nalgunhas empresas bancarias, que desafortunadamente tivo escaso calado e que hoxe, a penas nove anos despois, está case esquecido. Como anécdota, podemos comentar que a DXPL, que se comprometera a editar a versión galega do Convenio Colectivo da Banca Privada -e así o fixo co XVI Convenio-, cando se lle solicitou que editase o texto en galego do XVII Convenio, comunicoulle á CIG que, se querían que se publicase, a propia central sindical se encargase de traducilo ao galego (cousa que, pola nosa banda, fixemos). 3. Algunha que outra campaña de dinamización, case sempre de carácter sectorial, sen máis transcendencia que a impresión duns carteis ou a elaboración de materiais nos que se recollían léxicos específicos. A xeito de exemplo, lembremos a campaña “Mellor en galego” ou a edición dos Documentos básicos para a comunicación comercial, dentro dunha campaña máis ampla de dinamización do galego neste ámbito. Con todo, estas campañas, nas que a penas se conta cos axentes sociais para a súa planificación e desenvolvemento, non tiveron seguimento nin avaliación, por parte da Administración, nin moito menos continuidade. 4. Outra liña de axudas, dirixida a subvencionar asociacións, institucións e entidades sen fins de lucro, completa o capítulo que a Administración galega dedica a subsidiar actividades normalizadoras no mundo socioeconómico, xa que a elas se acollen, entre outros, as centrais sindicais ou as asociacións de empresarios. E pouco máis debemos salientar polo que toca a actuacións da Administración autonómica galega, xa que o resto de iniciativas se deberon a outros axentes. Pioneira foi a Mesa pola Normalización Lingüística, con campañas dirixidas ao mundo do comercio ou da restauración (como a das “Rebaixas”), ademais de impulsar outras contra a discriminación do noso idioma (toponimia propia, dereitos lingüísticos, etc.). No ámbito empresarial, cómpre salientar dous fitos de certo alcance: a Fundación Galicia-Empresa, promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) na que se acubillan unha serie de empresas dispostas a darlle certa presencia, na vida interna e mesmo na externa, á lingua galega: os billetes que expide a empresa Castromil, algúns folletos publicitarios de San Luís, a rotulación en Área Central ou nas construccións de Galivén, a etiquetaxe en Adegas das Eiras ou en O Castro-Sargadelos son algunhas das iniciativas que levan feito estas empresas en favor do galego; outro fito de alcance, este circunscrito á comarca de Ferrolterra, é o Centro de Estudios Lingua e Empresa (CELE), asociación organizadora das tres edicións celebradas das xornadas “Vender en Galicia, vender en galego”. Entre as iniciativas de menor alcance, cómpre mencionarmos á Asociación de Empresarios do Barbanza, que leva feito campañas comarcais específicas de promoción da lingua galega. Tamén se produciron actuacións normalizadoras en pequenas empresas, de ámbito local; algunhas destas actuacións foron debidas ao asesoramento de servicios lingüísticos dos concellos. Neste punto, hai que anotar que o “efecto multiplicador” que se pretende xerar en actuacións como as descritas a penas se produciu no noso país, o que, aínda que evidentemente non as invalida, minimiza o necesario impacto que estas deberan causar. No que toca ás centrais sindicais, só dúas das tres máis representativas (CCOO e CIG) contan con servicio de normalización lingüística. A terceira (UXT) polo momento non dispón deste servicio e é tamén a que presenta unha actitude menos decidida en favor da lingua galega. Como se dixo no apartado II, a CIG ten como lingua única nas súas comunicacións e da súa documentación o galego, e toda a actividade que vén desenvolvendo a central (asesoramento laboral, asesoramento xurídico, formación...) se realiza no noso idioma, o que lle confire unha situación de certa excepcionalidade respecto dos restantes axentes sociais, que con diferentes graos están a incorporar a lingua propia á súa vida interna.
Do panorama que acabamos de describir, aínda que tan sucintamente, cabe concluír que o proceso de normalización do galego no eido sociolaboral é un proceso lentificado, no que a penas se dan avances verdadeiramente significativos. En ocasións eses avances nin sequera van consolidando situacións de normalidade para a lingua galega, o cal vai creando unha atmosfera rara respecto ao proceso de normalización, ao se sentir o galego como un idioma de uso moi vinculado á existencia de subvención pública. Malia ser certo que a promoción do galego require o investimento de cartos públicos, tamén o é que non se trata dun investimento sen control e indefinido, senón que se fai necesario rendibilizar ao máximo este esforzo económico, e canda el igualmente cabe o esforzo organizativo dos axentes sociais, esforzo que tería como fin que calquera cambio, ou entorno favorábel ao cambio, tivese garantías de irreversibilidade ou cando menos de duración no tempo. Para favorecermos a presencia do galego no eido sociolaboral coidamos imprescindíbel, a curto prazo, a creación dun foro estábel (ou a utilización dalgún que xa exista), no que participen organizacións sindicais, patronais e a Administración, que faga un seguimento das medidas normalizadoras no eido sociolaboral e impulse outras que contribúan a que a lingua galega ocupe un lugar preferencial no mundo laboral galego. (Cómpre lembrar que, en abril de 1996, a CIG asinou un convenio, xunto aos outros dous sindicatos, á Asociación de Empresarios de Redondela e a diversas asesorías e xestorías, para a normalización nas relacións laborais na zona de Redondela, convenio este auspiciado polo Servicio Municipal de Normalización do Idioma do concello de Redondela). Este novo foro que se propón consensuaría un programa de normalización do uso do galego, de carácter sectorial, para o mundo socioeconómico. Obviamente, o dito programa remitiría ao Plano Xeral de Normalización Lingüística, que a Administración galega, máis cedo que tarde, debe impulsar e poñer en marcha. Sen a existencia deste foro de que falamos, e a falta dunha actitude máis decidida na Administración e en boa parte dos axentes sociais, e dada a complexidade do mundo socioeconómico e das relacións que se establecen nel, o galego ten escasas posibilidades de se converter en algo máis que unha lingua de carácter simbólico, sen valor real e sen opcións ante o desprazamento que sobre ela exerce o español. (En calquera caso, a CIG acaba de propoñerlles aos outros axentes sociais galegos a creación dunha Comisión de Normalización Lingüística no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, para precisamente impulsar a presencia do galego nas relacións laborais). Con todo, sempre hai lugar para o optimismo: os traballadores e traballadoras van adquirindo cada vez máis consciencia lingüística e aumentando o seu grao de lealdade á lingua propia; algunhas empresas comezan a ver certa rendibilidade económica no emprego do galego e na identificación co noso país; e os gobernos pode que rectifiquen ou cambien as súas políticas e, ás veces, pode que simplemente cambien.
| ||
(1) MARTÍNEZ i MUNTADA, R. (1998: 91-103). [A traducción do fragmento é nosa]. (2) BOUZADA FERNÁNDEZ, X.M. e LORENZO SUÁREZ, A.M. (1997: 110-111). (3) BOUZADA FERNÁNDEZ, X.M. e LORENZO SUÁREZ, A.M. (1997:112). (4) CONSELLO DA CULTURA GALEGA (1990). (5) Para unha información máis exhaustiva, pódese consultar: BOUZADA FERNÁNDEZ, X.M. e LORENZO SUÁREZ, A.M. (1997); e SÁNCHEZ PUGA, X. (1991). | ||
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/10/2000 |