|
1.1. Qué son os Delegados e Delegadas
de Prevención
Son os representantes dos traballadores e traballadoras
con funcións específicas en materia de prevención de riscos laborais.
[LPRL art.35.1]
A Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, no seu
capítulo V, regula de xeito detallado os dereitos de consulta e participación dos traballadores/as
en relación coas cuestións que afectan á seguridade e a saúde no traballo. [LPRL (BOE 10/11/1995)]
Partindo do sistema de representación colectiva vixente,
a Lei atribúe aos denominados Delegados e Delegadas de Prevención o exercicio das funcións
especializadas en materia de riscos no traballo, dotándoos para eses fins das competencias, facultades e
garantías necesarias.
A negociación colectiva pode establecer distintos sistemas
de designación, sempre que se garanta que esta facultade corresponde aos representantes do persoal ou aos
propios traballadores e traballadoras. Así mesmo pódese aumentar o número de Delegados/as
pero nunca diminuílo. [LPRL art.35.4]
Tamén, a través da negociación colectiva
pode acordarse que as súas competencias sexan exercidas por órganos específicos creados no
propio convenio. [LPRL art.35.4]
Son designados por e entre os representantes do persoal, conforme
á seguinte escala: [LPRL art.35.2]
De
6 a 30 traballadores/as, haberá 1 delegado/a de prevención que será o mesmo delegado/a de
persoal.
De
31 a 49 traballadores/as, haberá 1 delegado/a de prevención elixido por e entre os delegados/as de
persoal.
De
50 a 100 traballadores/as: 2 delegados/as de prevención.
De
100 a 500 traballadores/as: 3 delegados/as de prevención.
De
501 a 1.000 traballadores/as: 4 delegados/as de prevención.
De
1.001 a 2.000 traballadores/as: 5 delegados/as de prevención.
De
2.001 a 3.000 traballadores/as: 6 delegados/as de prevención.
De
3.001 a 4.000 traballadores/as: 7 delegados/as de prevención.
De
4.000 en adiante: 8 delegados/as de prevención.
Nos centros de traballo que carezan de delegado/a
de persoal por non ter a antigüidade suficiente para ser electores ou elixibles, os traballadores/as poderán
elixir por maioría a un traballador para exercer as competencias do Delegado de Prevención, quen
terá as facultades, garantías e obrigas de tales delegados. [LPRL Disposición Adicional Cuarta]
1.2. Garantías dos Delegados e Delegadas
de Prevención
Os Delegados ou Delegadas de Prevención non poden ser
sancionados polo exercicio das súas competencias, polo que teñen todas as garantías previstas
para os representantes dos traballadores. [LPRL
art.37 / ET art.68]
Para desempeñar as súas funcións necesitan
recursos materiais e tempo. Ademais do crédito horario sindical, do que dispón como delegado de persoal,
ten dereito a unhas horas suplementarias para algunhas tarefas específicas. [LPRL art.37.1 / ET art.68]
Considerará-se como traballo efectivo, e non imputable ao crédito horario, o tempo que corresponda a: [LPRL
art.37.1]
Reunións do Comité de Seguridade e Saúde.
Reunións convocadas polo empresario nesta materia.
Tempo ocupado en acompañar aos técnicos para
a avaliación ou control ambiental dos riscos.
Tempo ocupado en acompañar á Inspección
de Traballo nas súas visitas ao centro de traballo.
O tempo destinado a visitar os centros de traballo para investigar
as circunstancias nas que se produciron ou se poden producir danos á saúde dos traballadores/as.
O tempo dedicado á formación. [LPRL art.37.2]
1.3. Formación do Delegado ou Delegada
de Prevención
O empresario deberá proporcionar aos Delegados/as de
Prevención os medios e a formación en materia preventiva que resulten necesarios para o exercicio
das súas funcións.
A formación terase que facilitar polo empresario e deberá
adaptarse á evolución dos riscos e á aparición doutros novos, repetíndose periodicamente
se fose necesario.
O tempo dedicado á formación
considerarase como tempo de traballo para tódolos efectos e o seu custo non poderá recaer de ningún
xeito sobre os Delegados e Delegadas de Prevención.
[LPRL art.37.2]
1.4. Competencias dos Delegados/as de Prevención
Segundo a Lei de Prevención de Riscos Laborais, son competencias
dos Delegados e Delegadas de Prevención: [LPRL
art.36.1]
Colaboraren coa dirección da empresa na mellora da
acción preventiva.
Promoveren e fomentaren a cooperación dos traballadores
na execución da normativa sobre prevención de riscos laborais.
Exerceren un labor de vixilancia e control sobre o cumprimento
da normativa de prevención de riscos laborais.
Seren consultados polo empresario, coa debida antelación,
acerca das decisións seguintes:
- Organización do traballo e introducción de novas
tecnoloxías que podan afectar á seguridade e a saúde dos traballadores/as.
- Organización dos sistemas de prevención na empresa.
- A designación dos traballadores/as encargados da prevención
ou o recurso a un servicio de prevención externo.
- A designación dos traballadores/as encargados das medidas
de emerxencia.
- Procedemento de avaliación de riscos a utilizar na empresa.
- Plan de seguimento e control das medidas preventivas.
- Tipo de probas de vixilancia da saúde.
- Procedemento de información aos traballadores/as sobre
os riscos no traballo, tanto os que afectan a toda a empresa como os específicos de cada posto de traballo.
- Organización da formación en materia preventiva.
[LPRL art.33, art.18.1, art.23.1, art16,
art.22]
En relación a estas consultas, o Delegado
ou Delegada de Prevención deben emitir os informes nun prazo de quince días. Transcorrido o prazo
sen ter emitido informe, o empresario poderá poñer en práctica a súa decisión.
Tamén se require informe previo dos representantes dos traballadores/as para determinar en qué casos
debe ser obrigatoria para o traballador/a a vixilancia da saúde.
[LPRL art.36.3, art.22.1]
1.5. Facultades dos Delegados/as de Prevención,
en materia de consulta e participacion
No exercicio das competencias atribuídas aos Delegados
e Delegadas de Prevención, estes estarán facultados para: [LPRL
art.36.2]
Teren
acceso á información e documentación
relativa ás condicións de traballo que sexan necesarias para o exercicio das súas funcións,
e en particular á seguinte: [LPRL
art.36.2.b]
- Plano de Prevención. [LPRL art.23.1.a]
- Avaliación de Riscos. [LPRL art.23.1.b]
- Planificación da actividade preventiva. [LPRL art.23.1.c]
- Plano de emerxencia, loita contra incendios e evacuación.
[LPRL art.18, art.20]
- Medidas de protección e de prevención a adoptar
e, no seu caso, material de protección que se deba empregar. [LPRL
art.23.1.c]
- Práctica e resultados, de maneira anónima, das
conclusións que se deriven dos recoñecementos médicos efectuados aos traballadores/as en relación
coa aptitude do traballador/a para o desempeño do posto de traballo ou coa necesidade de introducir ou mellorar
as medidas de protección e prevención. [LPRL
art.23.1.d, art.22.4]
- Relación de accidentes de traballo e enfermidades profesionais
que causaran ao traballador/a unha incapacidade laboral superior a un día de traballo. [LPRL art.23.1.e]
- Memoria e programación anual dos servicios de prevención,
así como os documentos e informes que estes emitan sobre condicións de traballo. [LPRL art.39.2, RSP art.9.3]
- Información técnica sobre os riscos de sustancias
químicas e maquinaria ou equipos, que debe ser facilitada polos provedores. [LPRL art.41]
- Informes de calquera intervención da Inspección
de Traballo ou dos organismos competentes, relacionada coa prevención, e dos seus resultados. [LPRL art.40.3]
- Información da adscrición de traballadores/as
provenientes de empresas de traballo temporal para estender a eles a súa labor de protección. [LPRL art.28.5]
Os Delegados e Delegadas de Prevención
están obrigados a gardar sixilo profesional respecto das informacións ás que tivesen acceso
como consecuencia da súa actuación na empresa, aínda despois de deixar de ser representantes
dos traballadores/as. En todo caso, ningún tipo de documento entregado pola empresa deberá ser utilizado
para distintos fins dos que motivaron a súa entrega.
[LPRL art.37.2 / ET art.65.2]
Acompañaren
aos técnicos nas avaliacións de carácter
preventivo do medio ambiente de traballo, así como á Inspección nas visitas que realicen aos
centros de traballo para comproba-lo cumprimento da normativa sobre prevención de riscos laborais, podendo
formular ante eles as observacións que estimen oportunas. Para isto a Inspección está obrigada
a informar da súa presencia ao Delegado ou Delegada de Prevención. [LPRL art.40.2]
Visitar
os lugares de traballo e comunicarse durante o turno
cos traballadores e traballadoras para vixiar e controlar as condicións de traballo, podendo acceder a calquera
zona dos mesmos de maneira que non se altere o desenvolvemento do proceso productivo. [LPRL art.36.2.e] Así
mesmo poderán celebrar reunións conxuntas cos delegados/as de prevención das empresas externas
que desenvolvan as súas actividades no mesmo centro de traballo para a analizar a eficacia dos medios de
coordinación de actividades establecidos polas empresas concurrentes.
[RD 171/1004 art.11.c]
Efectuar
propostas ao empresario para a adopción de medidas
que melloren os niveis de protección da seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras. O
empresario debe motivar as decisións negativas. [LPRL
art.36.2.f, art.36.4]
Seren
informados dos danos á saúde dos traballadores
polo empresario unha vez que este tivese coñecemento deles, podendo presentarse, aínda fóra
do seu turno, no lugar dos feitos para coñece-las circunstancias dos mesmos. [LPRL art.36.2.c]
Denunciar
na Inspección de Traballo se consideran que as
medidas adoptadas e os medios empregados polo empresario non son abondo para garanti-la seguridade e a saúde
no traballo. [LPRL art.40.1]
Paralización
de traballos en caso de risco grave e inminente. Cando
o empresario non adopte ou non permita adoptar as medidas necesarias para garantir a seguridade e a saúde
dos traballadores/as, os Delegados/as de Prevención poderán acordar por maioría a paralización
da actividade cando non resulte posible reunir, coa urxencia requirida, ao Comité de Empresa ou órgano
de representación do persoal. Tal acordo será comunicado de inmediato á empresa e á
autoridade laboral, a que no prazo de 24 horas anulará ou ratificará a paralización acordada.
[LPRL art.36.2.g, art.21.3]
Os Traballadores/as teñen derito a participar
na empresa (e ser consultados) nas cuestións relacionadas
coa prevención de riscos laborais, entendendose
por prevencion "O conxunto de actividades ou medidas adoptadas ou previstas en todas as fases de actividade
da empresa co fin de evitar ou diminuír os riscos derivados do traballo". [LPRL art.21.4]
Os
informes que deben emiti-los delegados/as de prevención
a tenor dos danos porducidos na saude dos traballadores, deberanse elaborar nun
prazo de 15 dias ou no tempo imprescindible cando se
trate de adoptar medidas dirixidas a previr os riscos inminentes, pasado este tempo o empresario podera poñer
en practica a súa decisión. [LPRL
art.34.1, art.4.1]
Se o
empresario no adopta as medidas propostas polos delegados/as
de prevención, para millorar os niveis de proteccion da seguridade e saúde dos traballadores, esta
decisión ten que ser motivada. [LPRL
art.36.3]
- Os traballadores/as ou os seus representantes non poderán
sufrir prexuízo algún derivado das medidas ás que se refire o apartado anterior, a menos que
obraran de mala fe ou cometeran neglixencia grave. [LPRL
art.36.4]
Acción sindical: A saúde laboral
debe estar integrada na acción sindical global, xa que é un dos dereitos máis importantes
dos traballadores e traballadoras. Polo tanto o Delegado ou Delegada de Prevención ten que estar constantemente
relacionado cos demais representantes de persoal, de maneira que a prevención dos riscos laborais estea
presente sempre nas reivindicacións sindicais e na negociación colectiva. Para isto debe recibir
asesoramento técnico e sindical a través da Federación ou a Organización Comarcal correspondente,
ademais de intercambiar experiencias sindicais cos delegados e delegadas doutras empresas.
1.6. Responsabilidades dos Delegados e Delegadas
de Prevención
Se nunha empresa ocorre un accidente e alguén resulta
lesionado, ¿É responsable o Delegado ou Delegada de Prevención? ¿Pódese-lle
exixir, en razón do seu cargo, unha indemnización ou impoñerlle unha sanción penal
como aos empresarios? A resposta é: non.
A responsabilidade, sexa civil ou penal, surxe cando se incumpre
a obrigación de facer algo ou de observar a dilixencia debida. Quen ten que garantir a saúde, o responsable
da seguridade, a persoa sobre a que recae a obriga de asegurar que o traballo non dana a saúde dos traballadores/as
é o empresario. Non o Delegado ou Delegada de Prevención. O Delegado/a de Prevención, como
tal, non ten obrigas preventivas, senón dereitos e facultades. Non exercitar un dereito ou usar de forma
defectuosa unha facultade non xenera responsabilidade.
A responsabilidade ten moito que ver coa facultade de tomar
decisións. Xa que esa facultade é exclusiva do empresario, del son as responsabilidades. A responsabilidade
ten que ver, ademais, coa capacidade de detectar erros ou situacións potencialmente perigosas que hai que
corrixir. Esa capacidade ao empresario se lle presume, está obrigado a tela. O Delegado/a de Prevención,
non.
Hai dúas situacións que poden requirir unha reflexión
específica: A responsabilidade na que pode incorrer o Delegado/a de Prevención se viola o sixilo
profesional ou se usa indebidamente a facultade de paralizar o traballo.
Xa dixemos que a violación do sixilo profesional é
unha falta laboral que pode ser sancionada polo empresario.
Sobre a paralización dos traballos, a Lei de Prevención
de Riscos Laborais establece que tanto os traballadores como os seus representantes poden ser censurados polo uso
que fagan deste dereito só se hai probas de que obraron con mala fe ou cometeron neglixencia grave. É
unha regulación que pretende facilitar un uso efectivo do dereito á paralización, impedindo
que unha actuación desacertada, pero levada a cabo de boa fe, sexa sancionable. Se mediara mala fe ou neglixencia
grave, cometeríase unha infracción laboral, sancionable polo empresario.
Neste dous casos, se a actuación do Delegado ou Delegada
de Prevención ocasionara un dano ao empresario, este pode reclamar civilmente unha indemnización
polos danos e perxuicios sufridos. Pero eso non é diferente do que lle pode acontecer a calquera persoa
que por neglixencia lle ocasiona un dano a outra.
A verdadeira responsabilidade dun Delegado
ou Delegada de Prevención é de carácter sindical. Esa responsabilidade só lla poden
exixir os seus representados, é dicir, os demais traballadores e traballadoras da empresa.
1.7. Actuación do Delegado/a de Prevención
ante un accidente
Os accidentes laborais son a demostración mais clara
de que a prevención na empresa non se está facendo correctamente. As veces, cando ocorre un accidente,
dicimos que foi "unha desgracia" ou que o traballador/a tivo "mala sorte". Dende a CIG sabemos
que isto non é así. Cando hai accidentes nas empresas é porque non se tomaron as medidas preventivas
necesarias; a saúde e a seguridade dos traballadores non se pode deixar en mans da sorte e esperar que non
pase nada. O empresario ten que actuar e os Delegados e Delegadas de Prevención temos que recordarllo e
traballar para que se tomen as medidas adecuadas e non volvan a suceder.
Ademais dos accidentes onde hai lesións para os traballadores/as,
moitas veces ocorren incidentes que, aínda que non lesionen a ninguén, sinalan a existencia dun risco
que, noutra ocasión pode causar un dano para a saúde dos traballadores e traballadoras.
Por exemplo, a caída dende altura dunha peza ou ferramenta
que non ocasiona ningún dano, sinala que mais adiante, se non se corrixen as causas polas que caeu, pode
lesionar a un traballador/a que estea traballando nesa zona.
É por isto polo que o Delegado ou Delegada de Prevención
debe facer un seguimento de todos os accidentes e incidentes que ocorran na empresa, e tratar de que o empresario
tamén os investigue, como é a súa obriga.
O Delegado ou Delegada de Prevención deberán actuar
do seguinte xeito:
Recoller
información. Cando ocorra o accidente, o empresario
ten a obriga de informar ao Delegado ou Delegada de Prevención. Este pode presentarse, aínda fóra
do seu turno, no lugar dos feitos para coñece-las circunstancias dos mesmos.
No caso dos incidentes (sen danos persoais) pode chegar a ser difícil coñecelos, porque a empresa
non os ten en conta, pero son eses incidentes os que nos van a levar moitas veces a evitar os futuros accidentes.
[LPRL art.36.2.c]
Para iso é moi importante que o Delegado/a de Prevención
teña a miúdo contacto cos seu compañeiros/as de traballo e trate de que coñezan a importancia
de ter un rexistro destes incidentes, de maneira que lle podan informar cando saiban de algún. Así
mesmo poden negociar co empresario para que os encargados de cada taller leven un rexistro dos incidentes da súa
zona e informen ao Delegado ou Delegada.
Investigación. A investigación do accidente corresponde aos técnicos
de prevención da empresa, e o Delegado/a de Prevención ten dereito a ser informado desa investigación
e dos seus resultados. O Delegado/a pódese presentar no lugar dos feitos e realizar por si mesmo unha pequena
investigación, falando cos compañeiros/as da persoa accidentada, e con esta mesma se fora posible.
É conveniente realizar esta investigación canto antes, para que non se poda modificar ningún
detalle. Compre sinalar que case nunca hai unha causa única cando ocorre un accidente, case sempre son varias
causas. [LPRL art.16.3]
Arquivo
documental. Aínda que a empresa ten a obriga
de comunicar á Inspección de Traballo os accidentes que se produzan e que debe tamén facilitar
esa información aos Delegados/as de Prevención, estes deben ter arquivada toda a información
e documentación relativa aos accidentes que ocorren na empresa, xa que esa documentación apoiará
as propostas e negociacións que o Delegado ou Delegada de Prevención fagan ao empresario para a mellora
da seguridade na empresa. [LPRL art.23.3,
art.36.c-d]
Medidas
correctoras. Unha vez analizadas, por parte do empresario,
as causas do accidente, correspóndelle a posta en marcha de todas aquelas medidas necesarias para que non
volva a acontecer. O Delegado ou Delegada de Prevención tamén poderá propoñer ao empresario
as medidas que considere necesarias para evitar futuros accidentes.
Información
aos traballadores. O Delegado ou Delegada de Prevención
deberá, como unha actividade sindical e preventiva, poñer en coñecemento de todos os traballadores
os accidentes que se produzan, as súas causas e as medidas correctoras que se tomaron para que non volvan
a suceder.
Apoio
e axuda ao accidentado/a. O Delegado ou Delegada de
Prevención debe prestar todo tipo de apoio e axuda ao compañeiro/a accidentado/a ata que recupere
a capacidade para traballar, prestándolle todo tipo de axuda moral e legal, colaborando con cantas xestións,
derivadas da situación de desamparo na que se atopa, se fagan necesarias. O sindicato conta con asesores
xurídicos que están a disposición do Delegado/a e do traballador/a accidentado ou da súa
familia.
O Delegado ou Delegada de Prevención
debe tratar de conseguir que a empresa estableza un protocolo de actuación ante os accidentes, de maneira
que cando suceda un se poñan en marcha as medidas previstas e se faga a investigación das causas
que o orixinaron.
1.8. Actuación diante dun accidente
grave ou mortal
Unha vez coñecida a existencia dun accidente grave ou
mortal, o Delegado ou Delegada de Prevención debe actuar do seguinte xeito:
Paralizar de xeito inmediato os traballos que se estiveran
realizando.
Informar do accidente aos responsables da empresa e aos representantes
sindicais.
Os representantes sindicais deben avisar de inmediato á
policía, Inspección de Traballo e ao sindicato.
Os representantes sindicais e/ou Delegado/a de Prevención
deben procurar que non se produza ningunha modificación no escenario do accidente, ata a intervención
da policía, ou do xuíz en caso de morte, ou do sindicato. Se fose posible sacarán fotografías
de dito escenario ca fin de que non se podan modificar ou alterar as posibles causas do accidente.
Os servicios xurídicos do sindicato exercerán
a acción popular ou particular para asegurar a depuración de responsabilidades e obter as debidas
compensacións por danos ás que tivese dereito o traballador/a accidentado/a ou a súa familia.
Delegado ou Delegada de Prevención debe procurar estar
presente cando a Inspección de Traballo acuda á empresa para investigar o accidente. A Inspección
debe comunicar a súa presencia ao Delegado ou Delegada de Prevención a fin de que lle poda acompañar
na investigación do accidente e lle proporcionará o informe de dita inspección así
como do levantamento das posibles actas de infracción. [LPRL
art.40.2, art.40.3]
O empresario estará na obriga de notificar
por escrito á autoridade laboral os danos para a saúde dos traballadores ó seu servicio que
se produciran co gallo do desenvolvemento do seu traballo.
No caso de accidente grave ou mortal, ou
que non sendo grave afectara a mais de catro traballadores, esta comunicación deberá facela o empresario
á autoridade laboral no prazo máximo de 24 horas.
[LPRL art.23.3 / OM 16/12/1987 / BOE 29/12/1987]
1.9. Actuación no caso de identificar
un risco
Identificar
o risco. Os traballadores e as traballadoras son os
que mellor coñecen o seu posto de traballo. O Delegado/a de Prevención ten que estar sempre en contacto
cos seus compañeiros e compañeiras de traballo, porque desta maneira saberá das súas
queixas ou demandas. Ten que ganarse a súa confianza e saber escoitar, ademais de interesarse polos seus
problemas. O Delegado ou Delegada de Prevención ten que informarse dos problemas da súa empresa en
primeiro lugar falando coas persoas que os sofren e tendo en conta as súas opinións.
Tamén pode ser que os traballadores e traballadoras
afectados non sexan conscientes dos riscos. Neste caso será o Delegado ou Delegada de Prevención
o que debe estar alerta e informado, estudiar os datos estatísticos, ler publicacións de saúde
laboral, etc.
Visitar
o lugar de traballo. Unha vez teñamos coñecemento
dun posible risco hai que ir a observar os problemas sobre o terreo. Para iso botamos man da facultade que nos
concede a Lei de: "realizaren visitas aos lugares de traballo para exercer unha labor de vixilancia e control
do estado das condicións de traballo". [LPRL
art.36.2.e / ET art.19.3]
Recompilar
información. Segundo o problema, podemos necesitar
informes técnicos, estatísticas, follas de seguridade de productos, resultados de medicións,
etc. Debemos exixir estas informacións á empresa para facernos unha idea das dimensións do
problema, e a empresa ten a obriga de facilitala. [LPRL
art.36.2, art.41]
Tamén debemos recoller informacións legais ou
técnicas relacionadas co problema pedindo o asesoramento necesario ao sindicato. Ademais podemos solicitar
asesoramento aos técnicos da Administración nos Centros de Seguridade e Hixiene.
Facer
propostas. Cando teñamos todos os datos, temos
que ordenalos e facer un informe por escrito. Agora estamos en condicións de facer propostas para eliminar
o risco e en primeiro lugar formularemos esas propostas ao responsable inmediato do taller ou lugar da empresa
onde se localice o risco, exixindo que se tomen as medidas oportunas o antes posible. Non nos podemos enganar,
esta solución que debía ser a mais lóxica, poucas veces funciona. Polo tanto a maioría
das veces teremos que continuar cos seguintes pasos:
- Propoñer o tema no Comité de Seguridade e Saúde
para que se tomen cartas no asunto. [LPRL
art.39.1.b]
- Dirixir un escrito á dirección da empresa solicitando
unha solución ao problema e establecendo as nosas propostas. Neste escrito fixar un prazo de contestación
e exixir, en caso de resposta negativa, unha explicación razoada e por escrito. (Cando o entreguemos debemos
levar unha copia e que asinen o recibín coa data). [LPRL
art.36.2.f, art.36.4 / ET art.19.5]
- Se o anterior non sorte efecto, presentar unha denuncia ante
a Inspección de Traballo. [LPRL art.40.1]
Implicar
aos traballadores e traballadoras. É esencial
informar aos traballadores e traballadoras de todo o que temos esclarecido e discutir con eles o informe. Hai que
conseguir que se dean conta do problema e apoien as propostas de solución.
Ás veces é difícil implicalos activamente.
Nestes casos hai que analizar as razóns desa falta de interese. É posible que non saiban que hai
riscos ou os consideren inevitables. Ou non lles dan importancia. Pode que vexan as medidas de prevención
como unha imposición e unha forma máis de control por parte da empresa.
Hai que combater estas actitudes con argumentos. E hai que convencer
aos compañeiros/as de que o Delegado ou Delegada de Prevención non é ningún vixiante
da empresa que vai amonestando ao persoal por non levar o casco. O Delegado ou Delegada de Prevención é
o seu representante, e neste exemplo ten que exixir á empresa que todo o persoal que o necesite dispoña
dun casco adecuado. Pero quen ten a obriga de velar para que todo o persoal o use é o empresario.
O Delegado ou Delegada de Prevención ten que tratar de
que os traballadores e as traballadoras participen nas reivindicacións que se fan á empresa e, cando
sexa necesario, decidan sobre a adopción de medidas de presión.
Para que isto sexa posible, o Delegado ou Delegada de Prevención
ten que procurar:
- Manter informados aos traballadores e traballadoras de todo
o que se está facendo.
- Difundir follas informativas, carteis no taboleiro, charlas
informais...
- Reunir aos máis interesados para que participen máis
activamente.
- Solicitar sempre ideas para elaborar solucións.
Facer
un seguimento. Tan importante é establecer os
problemas, propoñer melloras e chegar a acordos como asegurarse de que se poñen en práctica
e dan resultados positivos. Hai que vixiar os prazos, comprobar a aplicación das medidas e controlar a súa
eficacia.
A opinión dos afectados/as é de novo un elemento
clave para verificar unha solución satisfactoria do problema. Establecer sistemas de avaliación periódica
sobre as condicións de traballo e de vixilancia da saúde dos traballadores e traballadoras, rexistrando
adecuadamente os resultados, permite un seguimento da situación ata a comprobación definitiva da
eficacia das solucións adoptadas.
1.10. Denunciar incumprimentos en saúde
laboral
É frecuente que malia formularlle ao empresario os incumprimentos
en materia de saúde laboral e prevención de riscos, este non tome as medidas que a Lei lle obriga
para protexer a vida e a saúde dos traballadores e traballadoras.
Procede entonces, en cumprimento das nosas obrigas como Delegados/as
de Prevención e en defensa dos nosos representados/as, presentar denuncia deses incumprimentos diante da
Inspección de Traballo conforme as seguintes normas: [LPRL
art.40.1]
Facer a denuncia por escrito.
Citar a lexislación ou normativas que avalan a nosa
denuncia.
Cando a lexislación non sexa explícita sobre
un tema específico, citaremos os principios xerais da Lei de Prevención de Riscos Laborais, que no
seu artigo 14.2 di: "En cumprimento do deber de protección o empresario deberá garanti-la seguridade
e a saúde dos traballadores/as ao seu servicio en todos os aspectos relacionados co traballo..." "mediante
a adopción de cantas medias sexan necesarias para a protección da seguridade e a saúde dos
traballadores/as..." "Desenvolverá unha acción permanente coa fin de perfeccióna-los
niveis de protección existentes..." Polo tanto sempre podemos apelar aos obxectivos xerais da Lei para
citalos na nosa denuncia. [LPRL art.14.2]
Unha vez presentada a denuncia sería unha irresponsabilidade
por parte do Delegado ou Delegada de Prevención non facer un seguimento da mesma para ver de que se resolva
e non quede en nada. Compre polo tanto:
Poñerse en contacto coa Inspección se pasa moito
tempo dende a presentación da denuncia.
Acompañar á Inspección o día da
visita á empresa e formular as observacións que se estimen oportunas. [LPRL art.36.2.a]
Verificar que no momento da visita as condicións de
traballo son as habituais na empresa e que non se intenta enganar á Inspección.
Pedir o informe da Inspección no que se dicta resolución
sobre a denuncia. [LPRL art.40.3]
Se consideramos que a resolución da Inspección
non é satisfactoria e non resolve os problemas denunciados, presentaremos recurso en contra dela. Para iso
contamos co apoio dos servicios xurídicos do sindicato.
1.11. Actuación diante dun risco grave
e inminente
Se se detecta unha situación de risco grave e inminente,
a Lei propugna actuar con toda contundencia e sen ningún tipo de miramentos, de maneira que se a situación
non se resolve de inmediato debe paralizarse o traballo. [ET
art.19.5 / LPRL art.21, art.36.2.g]
A Lei de Prevención define o risco grave e inminente
do seguinte xeito: [LPRL art.4.4]
Entenderase
como "risco laboral grave e inminente" aquel que resulte probable racionalmente, que se materialice nun
futuro inmediato e poida supor un dano grave para a saúde dos traballadores/as.
No caso de exposición a axentes susceptibles de causar
danos graves á saúde dos traballadores, considerarase que existe un risco grave e inminente cando
sexa probable racionalmente que se materialice nun futuro inmediato unha exposición ós devanditos
axentes da que se poidan derivar danos graves para a saúde, aínda que estes non se manifesten de
xeito inmediato.
Ante unha situación de risco "grave e inminente",
a Lei obriga ao empresario a tomar todo tipo de medidas, pero ademais recoñece o dereito dos traballadores
e traballadoras a paralizar e abandonar o traballo. [ET
art.19.5 / LPRL art.21]
Este dereito pódese exercer de tres formas:
Os representantes dos traballadores/as, por maioría,
toman a decisión de paralizar o traballo entendendo que o empresario non está cumprindo as súas
obrigas de informar o antes posible e de adoptar todas as medidas para evitar a exposición ao risco. [LPRL art.21.3]
Os Delegados/as de Prevención acordan a paralización
por maioría cando, no caso anterior, non dea tempo a reunirse o Comité de Empresa. [LPRL art.21.3]
O propio traballador/a interrompe a súa actividade
e abandona o lugar de traballo porque considera que dita actividade entraña un risco grave e inminente.
[LPRL art.21.2]
O acordo será comunicado de xeito inmediato á
empresa e á autoridade laboral, quen no prazo de 24 horas anulará ou ratificará a paralización
acordada. [LPRL art.19.5]
Os traballadores ou os seus representantes
non poderán sufrir perxuício algún derivado da adopción das medidas as que se refiren
os apartados anteriores, a menos que obraran de mala fe ou cometeran neglixencia grave. [LPRL
art.21.4]
Pola contra considerase unha infracción
moi grave, por parte do empresario, impedir o exercicio deste dereito.
[RD 5/2000 art.13.9]
1.12. Actuación ante a xestión
de baixas das mutuas
Actuación dos traballadores/as.
Toda alteración da saúde que
se manifeste durante a xornada de traballo, en principio, trátase dunha alteración derivada do traballo. [LGSS art.115.1]
- A actuación máis corrente dos traballadores/as
ante unha alteración da súa saúde sufrida no traballo, é a de esperar a rematar a xornada
e acudir a Seguridade Social a curar os seus males.
En canto te encontres indisposto durante a xornada de traballo,
avisa ao empresario e ao teu delegado/a de prevención e acude as instalacións médicas da Mutua
ou ao servicio Médico da empresa, segundo o caso.
- A primeira actuación é moi importante e depende
sempre da persoa afectada: é fundamental reclamar un informe da asistencia prestada. Mantén en todo
caso informados ao teu sindicato e aos delegados/as.
- Aínda sendo correcta a actuación da Mutua durante
o proceso de baixa médica, na maior parte dos casos forzan a alta, tramitándoa por melloría
e non por curación.
(Comprobar no parte de baixa).
- No caso de que o noso estado tras unha alta por melloría
nos impida ou mingúe a nosa capacidade para desenvolver o traballo habitual, debemos informar aos nosos
delegados/as de prevención, Comité, Xunta de Persoal, ou ao delegado/a do sindicato da Comarca para
que nos axude na elaboración e presentación dun escrito solicitando cambio de posto ata a total recuperación.
- O Artigo 25 da LPRL contempla unha protección especial,
entre outros, a traballadores vulnerables por convalecencia ou por estar sometidos a determinados tratamentos médicos
invalidantes para algunhas tarefas do seu posto de traballo habitual.
MOITAS VECES NON É NECESARIO RECURRIR A ALTA, BASTARÍA
CON FACER VALER O ESTADO DE CONVALECENCIA PORQUE A ALTA FOI TRAMITADA POR "MELLORÍA"
- Danse numerosos casos onde os servicios médicos das
mutuas dan de xeito neglixente altas por curación. Nestes casos é necesario recurrir xuridicamente
esta alta pero non nos evita que teñamos que presentarnos na empresa.
- Nestes casos (aínda recurrindo a alta) debemos nas primeiras
horas da xornada acudir aos servicios médicos da empresa ou falar cos delegados/as ou con calquera compañeiro
de traballo para que sirva de testemuña. O obxectivo é que o empresario coñeza que non estamos
en condicións para traballar. Se o empresario ten un mínimo de responsabilidade nos enviará
de novo aos servicios médicos da mutua.
Actuación dos delegados/as.
- O delegado/a de prevención ten unha importante misión
neste ámbito, porque é a persoa á que acudirán os compañeiros incorporados ao
traballo sen estar recuperados. Por motivos obvios é imprescindible facer un seguimento rigoroso das baixas
producidas por accidente de traballo e enfermidade profesional.
- O delegado/a debe acompañar ao compañeiro/a a
facer as xestións que se indican, diante do empresario.
- Participa e exerce o dereito a ser escoitado na elección
de Mutua, solicita o modelo de contrato e contacta co sindicato para propoñerlles a mellor opción.
- Exerce o dereito a ser escoitado e maniféstate radicalmente
en contra se o empresario opta pola xestión da enfermidade común a cargo da Mutua. Non fan o que
deben na asistencia por accidente de traballo e enfermidade profesional e só aportan un espía máis
á porta das nosas vivendas para ver se "te pillan" e propoñer á Inspección
da Seguridade Social a túa alta inmediata.
Non debemos permitir intimidacións
e que traten de inmiscuirse na nosa vida privada. As convocatorias para unha revisión médica terán
que ser por escrito e con reserva da intimidade.
Estamos ante un gran problema de deterioro
da sanidade pública que temos que afrontar entre todos. Acude ao Sindicato.
Fala co teu delegado/a para que promova accións
conxuntas no Comité de Empresa ou na Xunta de Área.
|