-Saúde Laboral / Guía de prevención

GalizaCIG-

Volver ao índiceVolver a Actualidade
 
 
2. Comité de Seguridade e Saúde
 
2.1. Qué é o Comité de Seguridade e Saúde
2.2. Garantías dos Delegados e Delegadas de Prevención
2.3. Formación do Delegado ou Delegada de Prevención
 

Subir




2.1. Qué é o Comité de Seguridade e Saúde

O Comité de Seguridade e Saúde é o órgano paritario e colexiado de participación, destinado á consulta regular e periódica das actuacións da empresa en materia de prevención de riscos. [LPRL art.38]

Ten que constituírse en todas as empresas ou centros de traballo que conten con 50 o mais traballadores e traballadoras.
[LPRL art.38.2]

Estará formado polos Delegados e Delegadas de Prevención dunha parte e polo empresario e/ou os seus representantes, en número igual ao de Delegados/as de Prevención, da outra.

Nas empresas con varios centros de traballo pódese acordar a creación dun Comité Intercentros.
[LPRL art.38.3]

O Comité de Seguridade e Saúde reunirase trimestralmente como mínimo, e sempre que o solicite algunha das dúas partes do mesmo.
[LPRL art.38.3]

O Comité adoptará as súas propias normas de funcionamento.
[LPRL art.38.3]

Nas xuntanzas do Comité de Seguridade e Saúde participarán, con voz pero sen voto, os Delegados Sindicais e os responsables técnicos da prevención na empresa que non estean incluídos na composición oficial do propio Comité. Nas mesmas condicións poderán participar traballadores da empresa que conten cunha especial cualificación ou información respecto das cuestións concretas que se debatan neste órgano e técnicos en prevención alleos á empresa, sempre que así o solicite algunha das representacións no Comité.
[LPRL art.38.2]

Segundo a Lei, o Delegado ou Delegada de Prevención poderán solicitar seren acompañados por un técnico alleo á empresa para apoiar algunha demanda especialmente complexa. Para esto poden pedir asesoramento no sindicato.


Subir


2.2. Competencias e facultades do Comité de Seguridade e Saúde

A Lei de Prevención de Riscos Laborais atribúe ao Comité de Seguridade e Saúde as seguintes competencias: [LPRL art.39.1]

• Participar na elaboración, desenvolvemento e avaliación dos programas de prevención de riscos da empresa.

• Debater, antes da súa posta en práctica, os proxectos en materia de organización do traballo e introducción de novas tecnoloxías, no referente á súa incidencia na prevención de riscos.

• Promover iniciativas de prevención e mellora das condicións de traballo.

• Propoñer á empresa a mellora das condicións de traballo ou a corrección das deficiencias existentes.

No exercicio das súas competencias, o Comité de Seguridade e Saúde estará facultado para: [LPRL art.39.2]

• Visitar os centros de traballo para coñecer directamente a situación relativa á prevención de riscos.

• Coñecer cantos documentos e informes relativos ás condicións de traballo sexan necesarios para o cumprimento das súas funcións.

• Coñecer e analizar os danos producidos na saúde dos traballadores/as ó obxecto de valorar as súas causas e propoñer as medidas preventivas oportunas.

• Coñecer e informar a memoria e programación anual dos servicios de prevención.

Os Comités de Seguridade e Saúde de empresas que desenvolvan a súa actividade nun mesmo centro de traballo, poden acordar a realización de reunións conxuntas. [LPRL art.39.3][RD 171/2004 art.16]

Nas empresas que, por non acadaren o número mínimo de 50 traballadores/as, non conten con Comité de Seguridade e Saúde, as competencias atribuídas ao mesmo serán exercidas polos Delegados ou Delegadas de Prevención. [LPRL art.36.1]


Subir


2.3. Como constituír un Comité de Seguridade e Saúde

Cando hai obriga de formar un Comité de Seguridade e Saúde, sexa por Lei ou por acordo de convenio, hai que exixir a súa constitución.

Hai que solicitalo á empresa por escrito e se nun prazo razoable non hai resposta positiva, pódese presentar unha denuncia ante a Inspección de traballo.

O Comité de Seguridade e Saúde debe ser paritario: igual número de representantes da empresa que de Delegados/as de Prevención. [LPRL art.38]

Unha vez constituído, hai que acordar entre as partes unhas normas de funcionamento. Un regulamento interno cunhas cláusulas que deben constar por escrito. Por exemplo:

• Distribuír os cargos de presidente/a e secretario/a entre as partes: un para a empresa e outro para os Delegados/as. Estes cargos poden ser rotatorios.

• A representación do Comité deberá ser sempre de carácter mixto, con presencia dun membro de cada unha das partes.

• As reunións deben convocarse por escrito, con orde do día e con antelación abondo para poder preparalas.

• En todas as reunións trimestrais, a empresa debe presentar un informe sobre a evolución do plano de prevención, incluíndo os resultados dos controis ambientais ou de a vixilancia da saúde, as estatísticas sobre accidentes de traballo ou enfermidades profesionais, así como sobre a incidencia de enfermidades que ocasionan baixas laborais.

• Ademais das reunións trimestrais regulamentarias, convocaranse reunións extraordinarias cando se dean algunhas destas circunstancias:

  • Accidentes ou danos graves.
  • Incidentes con risco grave.
  • Sancións por incumprimentos.
  • Tarefas puntuais especialmente perigosas.
  • Reunión anual extraordinaria para facer balance do plano de prevención e informar a memoria e programación do Servicio de Prevención.

• Levantarase acta de cada reunión, recolléndose todos os asuntos tratados, os acordos adoptados cos puntos e motivos de discordancia, así como os prazos e responsabilidades para levar a cabo as tarefas acordadas.

• Débese dar publicidade entre os traballadores e traballadoras das reunións e os acordos do Comité, de maneira que calquera traballador/a poda facer chegar as súas queixas e propostas, ben persoalmente ou por escrito.

• Contemplar a posibilidade de constituír grupos de traballo para abordar problemas específicos.

Despois de ter constituído o Comité de Seguridade e Saúde e dispoñer dun regulamento, temos que conseguir que funcione. Para isto hai que ter presente algunhas cuestións e recomendacións:

• Buscar o compromiso da empresa de dotar de recursos propios ao Comité, segundo as necesidades: local, materiais, libros técnicos, etc.

• Procurar que os asuntos non se "pudran" sobre a mesa, fixando sempre prazos para cumprir os acordos e decisións.

• Levar ao comité os asuntos verdadeiramente importantes e non enredarse con problemas que poden ser resoltos na mesma sección ou no posto de traballo.

• Máxima transparencia: informar sistematicamente aos traballadores e traballadoras de todo o que acontece no Comité.

• Promover fórmulas para aumentar a participación dos traballadores e traballadoras: buzón de suxerencias, impresos para elevar queixas ao Comité ou para exixir a súa visita ao posto de traballo, etc.

• Non permitir que a empresa decline as súas responsabilidades nun órgano consultivo como é o Comité.

Nas visitas aos centros de traballo para a comprobación do cumprimento da normativa sobre prevención de riscos laborais, a Inspección de Traballo comunicará a súa presencia ao Comité de Seguridade e Saúde a fin de que lle poidan acompañar durante o desenvolvemento da visita e formularlle as observacións que estimen oportunas. [LPRL art.40.2]

 
 

Gabinete Técnico de Saúde Laboral
Secretaría Confederal de Saúde Laboral
saudelaboral@galizacig.net

 

 
Volver ao índiceVolver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2005
cig.informatica