-Saúde Laboral / Guía de prevención

GalizaCIG-

Volver ao índiceVolver a Actualidade
 
 
3. Traballadores e Traballadoras
 
3.1. Dereitos dos traballadores e traballadoras
3.2. Obrigas dos traballadores e traballadoras
3.3. Formación dos traballadores e traballadoras
3.4. Traballadores e traballadoras especialmente sensibles
3.5. Protección dos menores
3.6. Protección da maternidade
 
Subir


3.1. Dereitos dos traballadores e traballadoras

Todos os traballadores e traballadoras son titulares do dereito á protección da súa saúde e integridade no ámbito laboral, con independencia do tipo de contrato que teñan ou da súa adscrición ao sector público ou privado.
[LPRL art.3, art.28]

Para asegurar a efectividade deste dereito fundamental, a lei recoñece uns dereitos adicionais que posibilitan accións individuais e colectivas de autoprotección.

Estes dereitos son:

Información: Dereito a recibir toda a información necesaria sobre os riscos do seu posto de traballo, sobre as medidas de protección e prevención aplicables e sobre os planos de emerxencia. Tamén inclúese a información con relación a productos químicos que sexa facilitada ao empresario polos subministradores. [LPRL art.18.1, art.41.2]

Formación: Dereito a recibir formación teórica e práctica en materia preventiva, que deberá actualizarse sempre que sexa necesario. O tempo dedicado a esta formación debe ter a consideración de tempo de traballo. [LPRL art.19]

Proposta: Dereito a formular propostas ao empresario, ao Comité de Seguridade e Saúde ou aos Delegados e Delegadas de Prevención, a fin de mellorar a seguridade e a saúde. [LPRL art.18.2]

Participación: Dereito a participar en todos os aspectos da prevención no traballo. Se a empresa conta con representantes dos traballadores/as, a participación exércese fundamentalmente a través dos Delegados e Delegadas de Prevención. [LPRL art.14, art.18, art.33, art.34]

Vixilancia da saúde: Dereito á vixilancia periódica da súa saúde, en función dos riscos inherentes ao seu posto de traballo, e á confidencialidade da información relacionada co seu estado de saúde. [LPRL art.22]

Esta vixilancia só se poderá levar a cabo cando o traballador preste o seu consentimento. Deste carácter voluntario só se exceptuarán,
previo informe dos representantes dos traballadores/as, cando sexa imprescindible para avaliar os efectos das condicións de traballo sobre a saúde dos traballadores/as, ou cando estea establecido nunha disposición legal para protección de riscos específicos e actividades de especial perigosidade. [LPRL art.22.1]

Os datos relativos á vixilancia da saúde dos traballadores non poderán seren empregados con fins discriminatorios nin en perxuízo do traballador/a. Non poderá facilitarse ao empresario ou a outras persoas sen consentimento expreso do traballador/a.
[LPRL art.22.4]

O custo dos recoñecementos médicos recae sobre o empresario. O tempo invertido na realización destes recoñecementos considérase
tempo de traballo efectivo, polo tanto, se o traballador ten que desprazarse procede que se lle abonen os gastos de desprazamento, e o salario correspondente ao tempo invertido, aínda que se realizara fóra do seu turno de traballo. [LPRL art.14.5, art.22.1]

Denuncia: Dereito a recorrer á Inspección de Traballo se considera que as medidas adoptadas e os medios utilizados polo empresario non son abondo para garanti-la seguridade e a saúde no traballo. [LPRL art.40.1]

Resistencia: Dereito a interromper a actividade e abandonar o traballo, cando considere que existe un risco grave e inminente para a súa vida ou a súa saúde, non podendo ser sancionado por isto a menos que obrara de mala fe ou cometera neglixencia grave. [LPRL art.21.2, art.21.4]

Os traballadores/as designados non poderán sufrir ningún perxuicio derivado das súas actividades de protección e prevención de riscos profesionais na empresa.
[LPRL art.30.4]

En exercicio desta función, os traballadores/as designados gozarán das garantías que para os representantes dos traballadores/as establece o Estatuto dos Traballadores.
[ET art.68 letras a) b) c), art.56.4]

Esta garantía acadará tamén, aos traballadores/as integrantes do Servicio de Prevención cando a empresa decida constituílo.
[LPRL art.30.4]


Subir


3.2. Obrigas dos traballadores e traballadoras

Corresponde a cada traballador/a, segundo as súas posibilidades e mediante o cumprimento das medidas de prevención que sexan adoptadas, velar pola súa propia seguridade e saúde no traballo e pola daquelas outras persoas ás que poida afecta-la súa actividade profesional, a causa dos seus actos e omisións no traballo, de conformidade coa súa formación e as instruccións do empresario. [LPRL art.29.1]

Os traballadores e as traballadoras, con arranxo á súa formación e seguindo as instruccións do empresario, deberán en particular:

• Empregaren de forma axeitada as máquinas, aparellos, ferramentas, substancias perigosas, equipos de transporte e, en xeral, calquera outros medios cos que desenvolvan a súa actividade.
[LPRL art.29.2.1º]

• Empregaren correctamente os medios e equipos de protección facilitados polo empresario, de acordo coas instruccións recibidas deste.
[LPRL art.29.2.2º]

• Non poñeren fóra de funcionamento e empregaren correctamente os dispositivos de seguridade existentes ou que se instalen nos medios relacionados coa súa actividade ou nos lugares de traballo nos que esta teña lugar.
[LPRL art.29.2.3º]

• Informaren de inmediato ao seu superior xerárquico directo, e aos traballadores/as designados, ou no seu caso ao servicio de prevención, acerca de calquera situación, que ao seu xuízo, entrañe por motivos razoables un risco para a seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras.
[LPRL art.29.2.4º]

• Contribuíren ao cumprimento das obrigas establecidas pola autoridade competente co fin de protexe-la seguridade e a saúde dos traballadores/as.
[LPRL art.29.2.5º]

• Cooperaren co empresario para que este poida garantir unhas condicións de traballo que sexan seguras e non entrañen riscos para a seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras.
[LPRL art.29.2.6º]

O incumprimento polos traballadores/as das obrigas en materia de prevención de riscos a que se refiren os apartados anteriores terá a consideración de incumprimento laboral aos efectos previstos no Estatuto dos Traballadores, ou de falta, no seu caso, segundo a normativa dos funcionarios públicos ou persoal estatutario ao servicio das Administracións públicas.
[LPRL art.29.3 / ET art.58.1]


Subir


3.3. Formación dos traballadores e traballadoras

O empresario deberá garantir que cada traballador e traballadora reciba unha formación teórica e práctica, abondo e axeitada, en materia preventiva, tanto no momento da súa contratación, calquera que sexa a modalidade ou duración desta, coma cando se produzan cambios nas funcións que desempeñe ou se introduzan novas tecnoloxías ou cambios nos equipos de traballo. [LPRL art.19]

A formación deberá estar centrada especificamente no posto de traballo ou función de cada traballador/a, adaptarse á evolución dos riscos e á aparición doutros novos, e repetirse periodicamente se fora necesario.
[LPRL art.19.1]

Esta formación deberase impartir, sempre que sexa posible, dentro da xeira ou, no seu defecto noutras horas pero co desconto naquela do tempo invertido.
[LPRL art.19.2]

O custo da formación non recaerá de ningún xeito sobre os traballadores/as.
[LPRL art.19.2]


Subir


3.4. Traballadores e traballadoras especialmente sensibles

O empresario garantirá de maneira específica a protección dos traballadores e traballadoras que, polas súas propias características persoais ou estado biolóxico coñecido, incluídos aqueles que teñan recoñecida a situación de discapacidade física, psíquica ou sensorial, sexan especialmente sensibles aos riscos derivados do traballo. A tal fin deberán ter en conta ditos aspectos nas avaliacións de riscos e, en función destas, adoptará as medidas preventivas e de protección necesarias. [LPRL art.25]

Os traballadores e traballadoras non serán empregados naqueles postos de traballo nos que, a causa das súas características persoais, estado biolóxico ou pola súa discapacidade física, psíquica ou sensorial debidamente recoñecida, poidan eles, os demais traballadores/as ou outras persoas relacionadas coa empresa poñerse en situación de perigo.

O empresario deberá ter en conta nas avaliacións os factores de risco que poidan incidir na función de procreación dos traballadores e traballadoras, en particular pola exposición a axentes físicos, químicos e biolóxicos que poidan exercer efectos mutaxénicos ou de toxicidade para a procreación, con obxecto de adopta-las medidas preventivas necesarias.
[LPRL art.25.2]


Subir


3.5. Protección dos menores

Antes da incorporación ao traballo de mozos menores de dezaoito anos, e antes de calquera modificación das súas condicións de traballo, o empresario deberá efectuar unha avaliación dos postos de traballo a desempeñar polos mesmos, a fin de determinar os riscos específicos que poidan poñer en perigo a súa seguridade e saúde. [LPRL art.27]

A tal fin, a avaliación terá especialmente en conta os riscos específicos derivados da súa falta de experiencia, da súa inmadurez para avaliar os riscos existentes e do seu desenvolvemento aínda incompleto, adoptando as medidas adecuadas para a protección da súa seguridade e saúde.

En todo caso, o empresario informará aos mozos dos posibles riscos e de todas as medidas adoptadas para a protección da súa seguridade e saúde.



Subir


3.6. Protección da maternidade

O empresario está obrigado a avaliar os procedementos ou condicións de traballo que podan influír negativamente na saúde das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente, ou do feto, en calquera actividade que puidera presentar un risco específico. [LPRL art.26]

Se os resultados da avaliación revelasen un posible risco para a seguridade e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactancia das traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evitar a exposición a dito risco, adaptando as condicións ou o tempo de traballo da traballadora afectada. Estas medidas incluirán, cando resulte necesario a non realización de traballo nocturno ou de traballo a quendas.
[LPRL art.26.1]

Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resultase posible ou, a pesar de tal adaptación, as condicións dun posto de traballo puidesen influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, e así o certifique médicamente, a traballadora deberá desempeñar un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, previa consulta cos representantes das traballadoras e traballadores, a relación de postos de traballo exentos de riscos para estes efectos.
[LPRL art.26.2]

O cambio de posto ou función terá efectos ata o momento en que o estado de saúde da traballadora permita a súa incorporación ao anterior posto.

No suposto de que non existira posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto diferente do seu grupo ou categoría, conservando o dereito ó conxunto de retribucións do seu posto de orixe.

O descrito anteriormente será tamén de aplicación durante o período de lactación se as condicións de traballo puidesen influír negativamente na saúde da muller ou do fillo e así o certificase o médico da Seguridade Social que asista á traballadora.
[LPRL art.26.4]

Se o cambio de posto non resultara técnica ou obxectivamente posible, poderá declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo durante o período necesario para a protección da súa seguridade e da súa saúde. A prestación económica se concederá nos termos previstos para a enfermidade común, (75 % da base reguladora), dende o día que se inicie a suspensión do contrato.
[Lei 39/1999 cap.3 art.10 / LPRL art.26.3 (nova redacción) / ET art.451.d]

As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exámenes prenatais e técnicas de preparación ao parto, previo aviso ao empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada. [LPRL art.26.5]
 
 

Gabinete Técnico de Saúde Laboral
Secretaría Confederal de Saúde Laboral
saudelaboral@galizacig.net

 

 
Volver ao índiceVolver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2005
cig.informatica