-Saúde Laboral / Guía de prevención

GalizaCIG-

Volver ao νndiceVolver a Actualidade
 
 
4. Empresario
 
4.1. Obrigas do empresario en materia de Prevención
4.2. Qué é un Servicio de Prevención
4.3. Empresas de Traballo Temporal (ETT)
4.4. Saúde Laboral nas Administracións Públicas
4.5. As Mutuas na Xestión e Prevención de Riscos
 

Subir




4.1. Obrigas do empresario en materia de Prevención

O empresario deberá garantir a seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras ao seu servicio en todos os aspectos relacionados co traballo. Realizará a prevención dos riscos laborais mediante a integración da actividade preventiva na empresa e adoptará cantas medidas sexan necesarias para a protección da seguridade e saúde dos traballadores/as. Para isto debe asegurarse de que os locais, as máquinas, os materiais e o sistema de organización do traballo non van a danar a saúde dos traballadores e das traballadoras. [LPRL art.14.2]

Para garantir a seguridade

O empresario deberá cumprir os seguintes principios: [LPRL art.15, art.16, art.17]

• Evitar os riscos.

• Avaliar os riscos que non se poidan evitar.

• Combater os riscos na súa orixe.

• Adaptar o traballo e os equipos ás condicións da persoa.

• Substituír o perigoso polo que teña menos ou ningún perigo.

• Planificar a prevención.

• Facer protección colectiva antes que individual.

• Proporcionar equipos de protección individual e velar polo uso efectivo dos mesmos.

• Facilitar as necesarias instruccións aos traballadores/as.

• Desenvolver unha acción permanente de mellora dos niveis de protección.

• Asumir os custes das medidas de seguridade e saúde.

• Valorar as capacidades profesionais dos traballadores, en materia de seguridade, cando se lles encomende un traballo.

• Garantir que o acceso ás zonas de risco grave e específico sexa efectuado por traballadores/as que teñan información e formación suficiente.

• Asumir as responsabilidades derivadas do deber de protección.

Información, consulta e participación

O empresario ten a obriga de informar sobre: [LPRL art.18]

• Riscos para a saúde xerais e específicos.

• Medidas de protección e prevención.

• Medidas de emerxencia

A quen debe informar:

• Aos representantes dos traballadores/as.

• Aos traballadores e traballadoras directamente, dos riscos que afecten ao seu posto de traballo e das medidas de protección aplicables.

Debe consultar previamente aos traballadores/as sobre:

• Todas as cuestións que afecten á seguridade e á saúde no traballo.

Como se fan estas consultas:

• Naquelas empresas nas que non existan representantes dos traballadores/as, as consultas deberanse facer directamente cos traballadores/as mesmos.

• Nas empresas que conten con representantes dos traballadores/as, especialmente Delegados/as de Prevención, deberán ser consultados polo empresario, con carácter previo, sobre calquera acción que teña relación coa seguridade.

• Cando exista Comité de Seguridade e Saúde, debateranse, antes da súa posta en práctica, todas as medidas que teñan incidencia na prevención de riscos laborais.


Presencia dos recursos preventivos

O empresario terá no centro de traballo os recursos preventivos necesarios tal e como estes se definen na Lei de Prevención. [LPRL art.32 bis]


Adopción das medidas de emerxencia

O empresario debe analizar as posibles situacións de emerxencia e adoptar as medidas de actuación necesarias. Para iso precisará: [LPRL art.20]

• Valorar os factores de risco derivados do tamaño e actividade da empresa, así como a posible presencia de persoas alleas á mesma.

• Adoptar medidas de primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación do persoal.

• Designación das persoas encargadas de levar á práctica estas medidas, revisando periodicamente o seu correcto funcionamento.

• Ter a disposición do persoal designado os medios materiais necesarios para á loita contra incendios e evacuación dos traballadores/as.

• Realización periódica de simulacros de casos de emerxencia.

• Organizar a coordinación necesaria con servicios externos á empresa, (ambulancias, bombeiros...) para garantir a rapidez e eficacia das medidas adoptadas.


Obrigas documentais

A Lei establece a obriga do empresario de elaborar e conservar a disposición da autoridade laboral a seguinte documentación: [LPRL art.23]

• A avaliación de riscos e a planificación da actividade preventiva. [LPRL art.16]

• Medidas de protección e prevención a adoptar, así como material de protección a utilizar.

• Resultados dos controis periódicos das condicións de traballo e da actividade dos traballadores/as, cando se producise un dano para a saúde dos traballadores ou aparezan indicios de que as medidas de protección resultan insuficientes.

• Práctica dos controles de estado de saúde dos traballadores/as e conclusións obtidas nos mesmos, garantindo a confidencialidade e sen que podan seren empregados con fins discriminatorios nin en perxuicio do traballador/a. [LPRL art.22.4]

• Relación de accidentes de traballo e enfermidades profesionais que causaran ao traballador/a unha incapacidade laboral superior a un día. Ademais debe notificar os mesmos á autoridade laboral.

Cando a empresa cese na súa actividade, deberá remitir toda esta documentación á autoridade laboral.


Avaliar os riscos

O empresario ten a obriga de avaliar aqueles riscos que non se poidan evitar. É dicir, hai que saber qué riscos son, onde están, e a importancia que teñen. É necesario ter un coñecemento exacto dos riscos para poder tomar as medidas preventivas necesarias. [RSP art.3]

Polo tanto, a avaliación de riscos non é un fin por si mesma, nin un trámite burocrático, é un paso previo para facer unha planificación racional da prevención. A Lei obriga ao empresario a seguir unha secuencia lóxica: Primeiro avaliar os riscos e despois controlalos. [LPRL art.15, art.16]


Planificar a prevención

Á vista dos resultados da avaliación de riscos, o empresario ten que elaborar un documento escrito: O Plano de Prevención. Este plano é obrigatorio para todas as empresas nas que exista algunha situación de risco. [LPRL art.23.1 / RSP art.8]

O Plano de Prevención debe ter asignados recursos económicos e incluirá en todo caso os medios humanos e materiais necesarios para a consecución dos obxectivos propostos. [RSP art.9.1]

O Plano de Prevención debe referirse a un período determinado, establecendo as fases e prioridades do seu desenvolvemento en función da magnitude dos riscos e do número de traballadores expostos, así como detallar prazos de seguimento e control periódico. Cando o Plano abarque un prazo de tempo superior a un ano deberase establecer un programa anual de actividades. [RSP art.9.3]


Actualizar o Plano de Prevención

Para que a acción preventiva sexa eficaz debe actualizarse cando cambien as condicións de traballo e, en todo caso, sempre que se detecten danos para a saúde dos traballadores e traballadoras. [LPRL art.14.2]

Polo tanto o Plano de Prevención debe ser un documento vivo, que hai que revisar e actualizar.


Organizar un Servicio de Prevención na empresa

Para o desenvolvemento das actividades de prevención de riscos, o empresario ten que organizar un servicio de prevención, aportando os recursos humanos e técnicos necesarios. [RSP art.9.1, art.10.1]

A Lei ofrece distintas modalidades: [RSP art.11]

a) Asumindo persoalmente tal actividade. [RSP art.12, art.13]

b) Designando un ou varios traballadores para levala a cabo. [RSP art.14, art.15]

c) Constituíndo un servicio de prevención propio. [RSP art.16 a art.22]

d) Contratando un servicio de prevención alleo.

Entenderase por servicio de prevención propio o conxunto de medios humanos e materiais da empresa para a realización das actividades de prevención. [RSP art.10.2]

Un servicio de prevención alleo será o prestado por unha entidade especializada que concerte coa empresa a realización de actividades de prevención, asesoramento e apoio que precise en función dos tipos de riscos.

Os servicios de prevención deberán ter coordinadas dúas ou máis disciplinas técnicas ou científicas en materia de prevención de riscos laborais. [RSP art.10.3]


Coordinarse con outros empresarios

Cando nun mesmo centro de traballo desenvolvan actividades traballadores ou traballadoras de dúas ou máis empresas, os respectivos empresarios teñen que cooperar entre eles para asegurar unha eficaz protección de todos eles. [LPRL art.24]

A traves de informar a os titulares das demais empresas que esten, dos riscos, das medidas de proteccion é das medidas de emerxencia existentes na empresa principal, para que estas desenvolvan a sua actividade en realcion a os ricos que estan expostos (avaliacion de riscos, adopcion de medidas preventivas...).

Esta obriga exixe ao empresario principal que vixíe aos seus contratistas e subcontratistas para que cumpran coas medidas de prevención de riscos laborais. En caso de incumprimento destes contratistas e subcontratistas, será responsable solidaria a empresa principal. [LPRL art.42.2]


Obrigas dos fabricantes, importadores e suministradores

Estos estan obrigados de asegurar que estes no constitúan unha fonte de perigo para o traballador sempre que sexan instalados e empregados nas condicons, e forma para os fins recomendados por os fabricantes.

En canto a os productos e sustancias quimicas estan na obriga de envasar e etiqueta-los mesmos de forma que permita a sua conservacion e manipulacion en condicions de seguridade e se identifique o seu contido e os riscos para a seguridade e saude dos traballadores, debendo suministrar infromacion que inique a forma correcta do seu emprego e as medidas preventivas adicionais (fichas de seguridade).

O incumprimento polos empresarios das súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais dará lugar a responsabilidades administrativas, así como, no seu caso, a responsabilidades penais e ás civís polos danos e perxuizos que se poidan derivar do devandito incumprimento. [LPRL art.42 a 54]

Ao empresario se lle poden pedir responsabilidades via admininistrativa: "polas accións ou omisións dos empresario que incumpran as normas legais, regulamentarias e cláusulas normativas dos convenios colectivos en materia de seguridade e saúde laboral...". [LPRL art.45]

"As infrancións tipificadas conforme a presente lei seran obxeto de sanción..." É decir basta con que exista o risco, non fai falta que exista un dano.

A responsabilidade penal do empresario: "Os que con infracción das normas de prevención de riscos laborais e estando legalmente obrigados, non faciliten os medios necesarios para que os traballadores desempeñen a súa actividade coas medidas de seguridade e hixiene adecuadas, de forma que poñan así en perigo a súa vida, saúde o integridade fisica serán castigados con penas de prision de 3 a 6 anos...". [Código Penal art.316]

Polo tanto, para poderlle pedir responsabilidades ao empresario (ou a aquel que non tivera en conta as medidas de prevención, por exemplo o mando intermedio) utilizando a vía penal non ten que ocorrer un dano á seguridade e saúde do traballador, basta con que exista o risco.

A responsabilidade civil do empresario: "o que por acción ou omisión causa un dano a outro, intervindo culpa o neglixencia, está obrigado a reparar o dano causado". [Código Civil art.1.902]

É decir, para poderlle pedir responsabilidades ao empresario (ou aquel que non tivera en conta as medidas de prevención,por exemplo o mando intermedio) vía civil, ten que ocorrer un dano á seguridade e saúde do traballador


Subir




4.2. Qué é un Servicio de Prevención

Se a designación de un ou varios traballadores/as fora insuficiente para a realización das actividades de prevención, en función do tamaño da empresa, dos riscos existentes ou da perigosidade das actividades desenvolvidas, o empresario deberá recorrer a un ou varios servicios de prevención, propios ou alleos á empresa, que colaborarán cando sexa necesario. [LPRL art.31]

Un Servicio de Prevención é o conxunto de medios humanos e materiais necesarios para realizar as actividades preventivas, a fin de garantir a protección da seguridade e a saúde dos traballadores/as, asesorando e asistindo para isto ao empresario, aos traballadores/as e aos seus representantes.

Para o exercicio da súas funcións o empresario deberá facilitar ao Servicio de Prevención á información e a documentación necesaria. [LPRL art.23]

O Servicio de Prevención deberá proporcionar á empresa o asesoramento e apoio que precise en función dos tipos de riscos existentes, e no referente a:

• Deseño, aplicación e coordinación dos planos e programas da actuación preventiva.

• A avaliación dos riscos que poidan afectar á seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras.

• A determinación das prioridades na adopción de medidas preventivas axeitadas, e a vixilancia da súa eficacia.

• A información e formación dos traballadores e traballadoras.

• A prestación dos primeiros auxilios e planos de emerxencia.

• A vixilancia da saúde dos traballadores e traballadoras en relación cos riscos derivados do traballo.

O Servicio de Prevención deberá contar coas instalacións e os medios humanos e materiais necesarios para a realización das súas funcións. Terán que contar, como mínimo, con dúas das especialidades preventivas, desenvolvidas por expertos coa capacitación requirida. Os ditos expertos actuarán de forma coordinada.

O empresario deberá constituír un Servicio de Prevención propio cando se dea algún destes supostos: [RSP art.14]

• Que a empresa conte con máis de 500 traballadores/as.

• Se a empresa ten entre 250 e 500 traballadores/as e desenvolva algunha actividade das incluídas no anexo I do Regulamento dos Servicios de Prevención.

• Se o decide a autoridade laboral, previo informe da Inspección de Traballo.


Subir




4.3. Empresas de Traballo Temporal (ETT)

Os traballadores e traballadoras con relacións de traballo temporais ou de duración determinada, así como os contratados por empresas de traballo temporal, deberán gozar do mesmo nivel de protección en materia de seguridade e saúde que os restantes traballadores da empresa na que prestan os seus servicios. [LPRL art.28.1]

A existencia dunha relación de traballo temporal non xustificará de ningún xeito unha diferencia de trato polo que respecta ás condicións de traballo no relativo á protección da seguridade e saúde dos traballadores/as.

Para lograr este obxectivo cos traballadores das empresas de traballo temporal, legalmente hai que actuar conforme aos pasos seguintes:

• A contratación por medio dunha ETT só será posible para un posto de traballo que teña realizada a avaliación de riscos. [RD 216/1999 art.2]

• A empresa que solicita un traballador/a á ETT debe aportar a información sobre os riscos xerais do centro de traballo, os particulares do posto de traballo a cubrir, as medidas preventivas a adoptar, a formación preventiva que necesita o traballador e as medidas de vixilancia da saúde que hai que adoptar con relación ao posto de traballo a cubrir. [RD 216/1999 art.2]

• A ETT debe seleccionar a un traballador/a capacitado para o posto a cubrir, e debe garantir que este traballador/a recibe a información sobre os riscos e as medidas preventivas recibida do empresario, e a formación en prevención necesaria. [RD 216/1999 art.3]

• A empresa usuaria debe comprobar que a ETT cumpriu as obrigas anteriores e reiterar ao traballador/a a información sobre os riscos xerais da empresa e os particulares do posto de traballo, así como as medidas de prevención en especial o relativo ás posibles situacións de emerxencia. [RD 216/1999 art.4 / LPRL art.28.2]

• A empresa usuaria informará aos Delegados/as de Prevención da incorporación dos traballadores/as da ETT, e dos postos de traballo que van a cubrir. Estes traballadores/as poderán acudir aos Delegados/as de Prevención da empresa usuaria para a tutela dos seus dereitos en saúde laboral. [RD 216/1999 art.4.3]

• A empresa usuaria será responsable das condicións de execución do traballo asegurándo-lles o mesmo nivel de protección que ao resto dos traballadores/as da empresa. [RD 216/1999 art.5.1]

• A ETT será responsable da formación e da vixilancia periódica da saúde dos seus traballadores e traballadoras. [LPRL art.28.5]

• Os traballadores/as das ETT non poden ser adscritos a traballos de especial perigosidade, que se relacionan no artigo 8 do Real Decreto 216/1999 sobre seguridade e saúde no ámbito das empresas de traballo temporal. [RD 216/1999 art.8]


Subir




4.4. Saúde Laboral nas Administracións Públicas

A Lei de Prevención de Riscos Laborais aplícase a todos os traballadores e traballadoras, é de carácter universal e inclúe tamén aos empregados públicos. Polo tanto ao falar de empresario, falamos tamén das Administracións Públicas, e de traballadores aos empregados públicos, aos funcionarios civís e os de carácter estatutario. [LPRL art.3]

Exclúense do ámbito da Lei determinadas actividades de policía, seguridade, aduanas, peritaxe forense e protección civil. Ditas actividades deberán ser reguladas por normativas específicas. [LPRL art.3]

O dereito de participación e elección de Delegados/as de Prevención deberá adaptarse ao ámbito específico das Administracións Públicas, segundo os regulamentos específicos ou por negociación colectiva, pero respetando sempre os seguintes criterios: [LPRL art.34.3]

• Manter o mesmo nivel de competencias, facultades e garantías para os Delegados e Delegadas de Prevención e os Comités de Seguridade e Saúde.

• Manter o ámbito dos órganos de representación do persoal ou adaptalos ás necesidades específicas.

• Cando existan diferentes órganos de representación do persoal, deberase garantir unha actuación coordinada de todos eles en materia de prevención.

• Tender a constituír un único Comité de Seguridade e Saúde en cada ámbito. [RD 1488/1998]

As modalidades de aplicación da Lei de Prevención de Riscos Laborais á función pública regúlanse polo Real Decreto 1488/1998.

A Inspección de Traballo é competente para exercer a vixilancia e control do cumprimento da normativa no ámbito das Administracións Públicas. Pero non poderán ser condenadas ao pago de multas polas infraccións, senón que se lles impoñerá a obriga de corrixir os incumprimentos nun prazo determinado. [LPRL art.45]


Subir




4.5. As Mutuas na Xestión e Prevención de Riscos

As Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social poderán desenvolver para as empresas a elas asociadas as funcións correspondentes aos Servicios de Prevención. Para isto deberán estar acreditadas pola Administración Laboral e Sanitaria. [LPRL art.32, art.31.5]

O empresario deberá consultar aos representantes dos traballadores/as o recurso a un servicio de prevención alleo. [LPRL art.33.b]

A actuación das Mutuas desenvolverase nas mesmas condicións que as aplicables aos servicios de prevención alleos, cando subscriban co empresario asociado un concerto no que se establecerán por escrito as actividades preventivas que se vaian a desenvolver na empresa, especificando as actuacións concretas, os medios para levalas a cabo, a duración do concerto e as condicións económicas do mesmo. [RSP art.20, art.22]

As Mutuas poden desenvolver os seguintes tipos de actividades preventivas diferentes: [Orde 22/4/97 (BOE do 24)]

• As correspondentes ás funcións de Servicio de Prevención alleo, estando en condicións de proporcionar á empresa o asesoramento e apoio que precise en función dos tipos de riscos existentes e no referente a:

  • Deseño, aplicación e coordinación dos planos e programas da actuación preventiva. [LPRL art.31.2 / Orde 22/4/97 art.7]

  • A avaliación dos riscos que poidan afectar á seguridade e saúde dos traballadores/as.

  • A determinación das prioridades na adopción de medidas preventivas axeitadas e a vixilancia da súa eficacia.

  • A información e formación dos traballadores/as.

  • A prestación dos primeiros auxilios e planos de emerxencia.

  • A vixilancia da saúde dos traballadores e traballadoras en función dos riscos derivados do traballo.

• Aquelas comprendidas na cobertura das continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social, como son: [Orde 19/6/97 (BOE do 24)]

  • Declaracións médicas de baixa, confirmación e alta a efectos da prestación económica por incapacidade temporal.

  • Exercer o control e seguimento das prestacións económicas por incapacidade temporal, podendo dispoñer que os traballadores que se encontren en situación de incapacidade sexan recoñecidos polos médicos adscritos á Mutua. A negativa infundada a someterse a tales recoñecementos dará lugar á expedición da proposta de alta.

  • Os servicios médicos das Mutuas están facultados para acceder aos informes e diagnósticos relativos ás situacións de incapacidade temporal. Estes datos non poderán ser usados con fins discriminatorios e terán carácter confidencial.

  • Cando consideren que o traballador/a poda non estar impedido para o traballo poderán formular propostas de alta a través das Inspeccións Médicas dos Servicios Públicos de Saúde.
 
 

Gabinete Técnico de Saúde Laboral
Secretaría Confederal de Saúde Laboral
saudelaboral@galizacig.net

 

 
Volver ao νndiceVolver a Actualidade

Volver ao princνpio


Ir α pαxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2005
cig.informatica