|
Actualidade / Biografía Xosé Castro “Chané”, o grande
músico galego que se consagrou en Cuba Lois Pérez Leira-
Enciclopedia da Emigración (cig.migracion@galizacig.com)
Na cidade herculina concedéuselle unha cátedra na Escola de Belas Artes. Nesta cidade dirixe o famoso Orfeón "El Eco", que anteriormente estivera baixo a batuta do tamén famoso compositor Pascual Veiga. Con este orfeón obtivo o primeiro premio no certame de Pontevedra (1880), no de Madrid (1887) e no de Barcelona (1888). Neste último concurso tivo que competir ante as representacións de Cataluña e Francia. Segundo conta Alberto Vilanova na súa semblanza do grande mestre: "...Sendo tan extraordinaria a súa fama que ao regreso de Madrid, a Sociedade Musical Matritense nomeou a Chané socio de mérito e obrigouno a dar un concerto que presidiu a Infanta Isabel. De alí tivo que pasar a San Sebastián cantando no Palacio de Miramar ante a presencia da Raiña nai que felicitou calorosamente ao seu director. Mais o máis rotundo dos triunfos deste orfeón galego foi o conquistado en París en 1889, onde obtivo tamén o primeiro premio seriamente disputado a outros moitos orfeóns europeos, merecendo que o alcalde parisino felicitase ao da Coruña polo seu magnífico elenco coral e recibise Chané os máis efusivos parabéns de músicos da talla universal de Gounod e Thomas. Foi tan popular o nome de Chané ante a “tourné” triunfal do seu conxunto que mereceu que o coñecesen publicamente polo afagador título do "Clavé galego", asociándoo así ao nome do eminente fundador dos orfeóns cataláns...". A pesar da súa fama que transecendeu as fronteiras do estado español, en 1885 despoxárono da súa cátedra. Esta inxusta decisión fíxolle tomar o camiño da emigración. Foi así que seguindo o camiño de moitos intelectuais da época se embarcou rumbo a Cuba. Ao chegar á Habana os seus paisanos, coñecedores da súa valía intelectual e artística, encargáronlle a dirección do Orfeón "Ecos de Galicia", co cal fixo ao pouco tempo a súa presentación no Teatro Payret. A repercusión da súa presentación tivo tan importante acollida que un xornal habaneiro sinalou: "... A el correspóndenlle todos os honores da festa da noite; a súa batuta prodixiosa ten movementos de seguridade e precisión absolutos que revelan gusto exquisito, oído sutil, coñecementos musicais sólidos e profundos e as inexplicables adiviñacións do xenio...".
"...non só como director do orfeón e compositor deixou xustificados os seus títulos o señor Chané, senón que se nos revelou director da orquestra de mérito indiscutible...". Quen foi en Cuba un dos seus grandes amigos foi o escritor Curros Enríquez; este dixo desta primeira presentación: "...Basten os transcritos para dar idea da admiración que o mestre Chané logrou conquistar na Habana e sexa como un ramallete de preciosas flores que envían á súa nai os fillos desterrados...". Desde a súa chegada a Cuba a súa amizade con Curros foi determinante para desenvolver unha extensa actividade cultural e creativa. Chané púxolle música a varias poesías de Curros destacándose a variante "Unha noite na eira do trigo", "Tangaraño", "Un adiós a Mariquiña", e "Os teus ollos". O poeta de Celanova Curros Enríquez lembrou ao seu amigo Chané nunha curta poesía que di rimando:
Naqueles conflictivos anos da independencia de Cuba e a guerra entre España e os Estados Unidos, existía unha poderosa emigración galega. Ducias de xornais galegos e centros se fundaron ao longo da illa. O rexionalista Waldo Álvarez Ínsua dirixía o poderoso Centro Galego da Habana. Ramón Armada Teixeiro e Manuel Lugrís Freire fundaron en 1885 "A gaita galega", escrita integramente no noso idioma. Por este país pasou a finais e comezos de século unha destacada xeración de intelectuais galegos que converteron á cidade da Habana nunha expresión de grande envergadura da cultura galega. Entre as máis destacadas personalidades do século XIX estaban Antón Vilar Ponte, Julio Sigüenza, Xosé Lesta Meis, Ramón Cabanillas e Xosé Crespo Borbón (Creto Gangá), entre outros.
Na Habana participou de distintas entidades galegas, entre elas a Asociación de Beneficiencia de Galicia e a Comisión Protectora da Academia Galega, da cal foi secretario. A Real Academia Galega foi unha das máis
importantes iniciativas dos nosos emigrantes en América. Sería pola iniciativa do ferrolán
Xosé Fontenla Leal o feito de que se crease na Habana tan prestixiosa institución, sendo o seu obxectivo
o de defender a lingua e a cultura galega. O grupo de entusiastas patriotas, entre os que estaba Chané,
decidiron concederlle a presidencia desta institución a Manuel Curros Enriquez. Dous anos máis tarde
este grupo de apaixonados emigrantes estrean a canción galega "Os Pinos" de Pondal e Veiga, converténdose
esta posteriormente no actual Himno Galego. "...Cando a perda de Cuba pola intervención cobarde dos EE.UU., a illa apareceu inzada de bandeiras ianquis, Curros e Chané conseguiron coma un reto que aparecese ondeando na fachada do Centro Galego o estandarte español sen se arriar malia as ameazas de quen se crían lexítimos vencedores..."
Castro Chané morreu na Habana o 27 de xaneiro de 1917 sendo os seus restos trasladados á Coruña onde chegaron o 4 de marzo, sendo inhumados no cemiterio coruñés. Durante o sepelio centos de persoas se deron cita para homenaxear ao grande compositor galego. Toda a prensa da época resaltou de maneira notable a chegada dos restos de Chané. O xornal "A Nosa Terra" voceiro das Irmandades da Fala sinalou nas súas páxinas: "No cemiterio da Coruña, preto de Curros, o seu irmán de raza, o seu compatriota, repousa xa para sempre o mestre Chané. O grande Centro Galego da Habana honra dos `bos e xenerosos´, cumpre co seu deber mandándonos os sagrados restos do autor da Foliada. Galiza enteira cumpriu tamén o seu deber, facéndolle ao mestre un enterro garimoso e solemne...". "...Non sabemos se os espiritos na outra noite, ben na propia campa ou nos Campos Elíseos, á soma dos buxos virxiliáns, paragrafean aparellados. Se así fose, Curros e Chané que espiritualmente se xuntaron no “Adiós a Mariquiña”, dende agora falarán coa voz do misterio fala eterna sen palabras, os corazóns da mocidade galega para que manteña acesa a luz santa do enxebrismo redentor. Xa pasou dos inxenuos orfeóns, os estandartes -reliquias que tremeron no enterro do Clavé galego, hai que conservalos como gloriosas relembranzas históricas. Fagamos -¡ou somas queridas de Curros e Chané!- porque xurda o mestre capaz de concertar voces pra defensa de Galiza: pensemos nas cordas que serven para facer lazos corredizos nas árbores". A figura de Chané despois da súa morte foi lembrada sistematicamente polo incipiente nacionalismo galego, como así tamén pola emigración dispersa por América. A Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina nos seus primeiros congresos chegou resolver que anualmente farían homenaxes ás figuras máis destacadas da historia de Galiza, entre elas o Mariscal Pardo de Cela, Rosalía de Castro, Curros Enriquez e Castro Chané.
Lois Pérez Leira. |
|||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/03/2001
|
|||||||||||||||||||
|