Actualidade CIG-Comunicación-
SANTIAGO. Xaime Leiro. —Vostede gañou o congreso co 60% dos apoios, a cifra mínima exacta que dicían. Tiñan tan marcados os seus para cravar o resultado? —O congreso viña precedido dunha serie de asembleas onde máis ou menos todo o mundo sabía da xente que se presentaba a qué corrente podía pertencer. Unha vez feita a elección de congresistas nós tiñamos claras as porcentaxes de apoios. —¿Eses datos leváronos a presentar unha lista para toma-lo control sen o consenso? —Para nada. A maioría que tiñamos hai moito tempo que sabiamos cál era. Nós traballamos a diario no sindicato, coñecémolo moi ben por dentro e coñeciamos perfectamente os apoios na perspectiva dun congreso. De feito, intentamos varias veces chegar a acordos co resto das forzas ou das correntes e non foi posible. Non é responsabilidade de maioría. —¿Cales foron os puntos que detectaron de desencontro? —Nas conversas que tivemos, desde un principio nós descartamos candidatura conxunta co que se define como Corrente Sindical de Esquerdas dado que a súa actitude no sindicato entendiamos que os poñía á marxe de calquera posibilidade de acordo con nós. Coas outras intentámolo e, fundamentalmente cunha delas, o tema polo que estaba condicionado era o da Secretaría Xeral. Por parte de UG condicionaban a posibilidade de chegar a un acordo a te-la Secretaría Xeral. Nós entendiamos que a Secretaría debería responder ó que era a maioría da central. En función diso non houbo posibilidade de acordo. —¿Mantense o cargo de presidente tralo congreso? —Formalmente nos estatutos si. O que pasa é que é unha figura na que todos estamos de acordo que non tiña sentido mantela a estas alturas. Xurdiu por mor da unificación da CXTG e INTG, pero ese é un proceso que está totalmente pechado e mantela cara ó futuro non ten sentido. De aí que non se cubrira o cargo. —¿Non podería ser por esa vía a integración de Acuña? —Entendo que non porque estamos todos de acordo en que esa figura non ten sentido mantela. A vía ten que ser outra. —¿Que modelo sindical ofrece vostede e en que se diferenciará do que impulsou Acuña, porque do contrario entendo que non presentarían lista? —As razóns fundamentais debéronse a que Acuña non tiña apoio maioritario dentro do sindicato. A maioría entendiamos que a figura da Secretaría Xeral estivera en mans dunha persoa que respondera realmente ás opinións e ós posicionamentos da maioría dentro da CIG. Porque o outro o que estaba xerando era unha serie de problemas e disfuncións no funcionamento. —¿Un exemplo? —Se a propia Secretaría Xeral non responde ó que son os criterios da maioría provoca situacións que inviabilizan moitas propostas e moitas accións que se podían levar a cabo. —¿Acuña criticou que non chamara á integración? —Non sei se no momento da miña intervención non estaba dentro ou estaba distraído por outras razóns. Pero, si fixen chamamentos tanto na presentación da candidatura como no discurso de clausura. En todo momento dixen, e sigo facendo agora, que a CIG tiña que se-lo proxecto de todo o nacionalismo. —Estréase coa folga xeral enriba. ¿Poden saír escaldados? —Somos bastante optimistas. Parécenos que os motivos polos que convocámo-la folga son o suficientemente serios como para que haxa un apoio masivo. Estamos ademais convencidos de que o vai haber. A situación que se está a dar en determinados sectores productivos como é o agro, a pesca, e a mesma que se está a dar coas contrarreformas laborais e medidas en carteira en materia de negociación colectiva son suficientemente preocupantes como para que tódolos traballadores respondan de forma masiva á folga. Estamos convencidos de que vai ser exitosa. —¿Como está funcionando o comité de enlace con UXT? —Reunímonos tódalas semanas para avalia-la marcha. Temos unha coordinación moi boa. —¿Este diálogo como o avalía? —É moi positivo. Nós somos plenamente conscientes de que a unidade sindical é algo moi importante para poder dar unha resposta o máis masiva posible á contrarreforma laboral. —Vostede parte co lastre de ser líder da CIG a proposta da UPG para controlala, segundo indicaron os seus opoñentes. —A min paréceme que, pese ó feito de dicir iso, eles saben que non é certo. Outra cousa é que nun momento determinado na loita polos cargos no congreso tiveran interese en desprestixia-la miña persoa e tamén a candidatura que eu encabezaba. Primeiro, non fun proposto pola UPG senón por unha candidatura que tivo o apoio maioritario no congreso e onde a maioría da xente non é da UPG. Eu se fun proposto e apoiado para secretario xeral é polo meu traballo dentro da CIG e polos meus anos de militancia, polo meu compromiso con ese proxecto sindical e non pola militancia partidaria que teño. En calquera caso, militancia partidaria tíñana moitos máis que se presentaban nas outras listas. Non fun eu o único. —¿Como poderá subtraerse da súa condición de membro da UPG á hora de tomar decisións na CIG? —Iso é fácil, e vén dado pola propia dinámica. Cada organización é plenamente soberana, ten os seus debates, as súas tomas de decisión e actúan incluso en campos diferentes. Polo tanto, non hai problemas. Eu vou someterme ós debates dos órganos de dirección da central e ás decisións que alí se tomen por maioría e eu vou dar ese debate na miña condición de secretario xeral da CIG e non na miña condición de militante da UPG. —Polo número de delegados a CIG é agora o terceiro sindicato en Galicia e vostede marcou como reto subir. —Un dos nosos obxectivos evidentes é acada-la maioría sindical en Galicia. O que pasa é que sabemos que ese é un proceso que leva tempo.
| |||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/05/2001 |