Actualidade Volver


Vigo, 12 de marzo de 2002

Celebrouse a manifestación da CIG do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, en Ferrol
Reproducimos os discursos dos secretarios xeral e comarcal da CIG
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
 Perto de oitocentas persoas participaron na manifestación que a CIG realizou en Ferrol para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega (ver reportaxe gráfica).
  
Perto de oitocentas persoas participaron na manifestación que a CIG realizou en Ferrol para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega. A mobilización partiu ás 12 horas da Avenida de Esteiro, fronte ao local da CIG, e despois de percorrer varias rúas céntricas da cidade rematou xunto ao monumento ao “10 de marzo” na estrada de As Pías.

Na manifestación ademais de delegados e afiliados da CIG había militantes dos CAF e varias organizacións políticas nacionalistas. Entre eles salientaban o alcalde de Ferrol, Xaime Bello, e o de Fene, Xosé María Rivera Arnoso; os deputados autonómicos Pepe Díaz e Emilio López, e o deputado nas Cortes de Madrid Francisco Rodríguez Sánchez, todos eles do BNG, así como Ruben Cela secretario xeral da Galiza Nova.

Reproducimos a continuación os discursos dos secretarios xeral e comarcal da CIG.


Intervención do secretario xeral da CIG, Xesús Seixo Fernández

Hoxe, cumpren-se 30 anos do asasinato de Daniel e Amador pola policia franquista. Dous traballadores de Bazán asasinados polo único delito de sair a rúa a defender os seus direitos e a mellora das suas condicións de vidas e de traballo.

Desde ano 72 a situación política ten cambiado nás formas pero non de forma significativa no fondo. Mudou o réxime político, feito que temos que valorar como altamente positivo e ao que contribuiu de forma determinante a clase traballadora coa sua loita, pero sigue vixente un sistema capitalista que encerra en si mesmo a explotación, a desigualdade e a inxustiza social, xunto con un modelo de Estado centralista que non recoñece os direitos das nacións que o integramos.

Hoxe, en función da situación da loita de clases no Estado Español, o sistema non precisa disparar fogo real sobre os traballadores e traballadoras para reprimir as nosas movilizacións ou negar-nos os nosos direitos, utiliza metos máis sutis e desde un ponto de vista democrático-formal máis asumiveis. Utiliza unha política neoliberal da man do PP, caracterizada polo control absoluto dos meios de comunicación, coa ocultación e a manipulación da información referida a conflictividade laboral; invalida o direito de folga, nos servizos considerados esenciais para a comunidade, mediante a imposición continuada de servizos mínimos abusivos; atenta contra os nosos direitos a través da privatización e deterioro dos servizos públicos e do sistema público de protección social; privatiza a empresa pública favorecendo a monopolización da producción, do comercio, dos servizos ou da cultura por parte do capital privado; precariza, desregulariza e flexibiliza o mercado laboral, individualizando as relacións laborais; reduce o poder adquisitivo dos nosos salarios a través dunha política de rentas e dunha política fiscal favorecedoras dos intereses do capital ao tempo que reduce o gasto social, favorecendo o incremento da pobreza e as desigualdades sociais. Estas son algunhas das armas que está a utilizar o sistema capitalista no marco actual da loita de clases.

Foi esta política neoliberal do PP, política que desde a CIG estamos a combater, a que nós levou a convocar a folga xeral do 15 de xuño do 2.001, a que nós levou a convocar manifestacións en toda Galiza o pasado dia 7 de marzo (en defensa do poder adquisitivo dos nosos salarios e encontra da precariedade laboral), e é esta política á que imos seguir opondo-nos na negociación colectiva e nas movilizacións que puntualmente teñamos que facer ao longo deste ano. Esta é a nosa contribución a mellora das condicións de vida da clase traballadora galega e tamén a nosa contribución á oposición a un sistema socieconómico mundial, inxusto, insolidario e opresor.

Compañeiras e compañeiros, a nosa presencia hoxe aquí, para conmemorar este 30 aniversario, é importante porque representa o noso recoñecemento e a nosa vontade de non esquencer a Daniel e Amador e a todos aqueles que deron as suas vidas en defensa dos intereses da nosa clase. Pero é importante tamén para demostrar-lles a aqueles que dispararon, direita ou indirectamente, contra eles, que as suas vidas non se perderon en van, que aqueles sucesos do 72 propiciaron a conformación do sindicalismo nacionalista e con el a organización de miles de traballadores e traballadoras galegos dispostos a seguir loitando pola mellora das nosas condicións de vida, loitando en contra da nosa opresión como clase e como pobo.

Quero para rematar, pedirvos a solidariedade co povo palestino, polo xenocidio que o Estado de Israel está a cometer con él, coa connivencia de EEUU e a pasividade da UE. Todo un exemplo da hipocresia, da agresividade, da negación dos direitos humanos e do direito de liberdade dos povos, que representa o imperialismo.

Viva a CIG!!!
Viva a clase traballadora galega!!!
Viva Galiza ceibe e popular!!!


 Clic para aumentar
A mobilización rematou xunto ao monumento ao “10 de marzo” na estrada de As Pías.
 
Intervención do secretario comarcal da CIG,
Emilio Cagiao Deibe

Transcorridos 30 anos a realidade no mundo laboral non é nada satisfactoria para o conxunto da clase obreira, o entreguismo dos sindicatos estatais aos intereses dos governos de turno e a patronal, dende os Pactos da Moncloa até o recente acordo sobre a negociación colectiva, deron e están a dar resultados negativos.

Os accidentes de traballo, as altas taxas de paro, así como a perda continuada de poder adquisitivo son os resultados diso que se está a chamar sindicalismo moderno.

Pero nós non queremos ese tipo de modernidade, mentres os bancos e as multinacionais amasan miles de millóns de beneficios, a clase traballadora ve empobrecida as suas condicións laborais, nós cremos e loitamos por outro tipo de modernidade, onde a riqueza estea máis repartida, e non nos petos duns poucos, onde as condicións de traballo estean adaptadas ás necesidades das persoas, onde os salarios nos cheguen para os 30 días do mes, e non como agora que apenas chega até o día 20, por ter acceso a unha vivenda digna, por esas pequenas cousas que permitan que as persoas vivamos unha vida normalizada.

Hai 30 anos nesta mesma praza, miles de homes e mulleres manifestaban-se en defensa do seu convenio, un convenio de fábrica, un convenio na Galiza.

Esta manifestación, así como as loitas en días anteriores e posteriores, marcaron un fio na historia do movemento obreiro galego, e tiveron unha gran repercusión internacional, foron miles de voces dentro e fóra da Galiza as que berraron contra o reximen franquista pola carga brutal da policía que se saldou coa morte de Amador e Daniel, así como con numerosas persoas feridas e represaliadas.

Para nós esta é unha data moi significativa, a morte de Amador e Daniel, así como todo o que aconteceu no 72 fixeron xermolar o que hoxe é o sindicalismo nacionalista, o que é a Confederación Intersindical Galega.

Pero tamén o significado da loita do 72, loita política para tumbar o réxime franquista e recuperar as liberdades democráticas, tamén foi para que os traballadores e traballadoras tiveramos unhas condicións laborais dignas e adaptadas á realidade da nosa fábrica, do noso País, polo tanto unha loita de clase.

Por iso compañeiros e compañeiras morreron Amador e Daniel no 72, por iso foron moitos os homes e mulleres que ao longo de moitos anos foron perseguidos, maltratados, e despedidos dos seus postos de traballo. Por isto miles de homes e mulleres, manifestabamo-nos o pasado xoves nas principais cidades do noso País.

O espíritu do 72 aínda está vivo, é a nosa obriga mantelo e continualo, estamos convencidos de que o camiño de loita que estamos a seguir vainolo permitir.

Viva o 10 de marzo!!!
Viva o Día da clase obreira galega!!!

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2002