Actualidade / Entrevista Suso Seixo: “Outra folga xeral en Galiza non ten sentido, só seria útil a nível de Estado” Javier Sánchez de Dios- – Comeza o outono e as cousas seguen igual. Non parece que o 20-X as mudase... É certo. De momento están como estaban: o governo mantén a sua atitude e nese sentido consideramos, e asi llo fixemos saber ás outras centrais, que era imprescindíbel manter a postura firme que tivemos ante a folga xeral. O 20-X levantou unhas expectativas importantes e non se poden defraudar: aquilo ten que servir para algo. – Será precisa outra folga xeral? Hai que transladar ese debate aos centros de traballo e pulsar a opinión dos traballadores. Hai, cando menos, que valorar de novo esa posibilidade, e por iso imos facé-lo nós. O que non podemos é rebaixar o nível de tensión, porque con este governo, desgrazadamente, as cuestións se plantexan en termos de batalla, e eles sempre queren gañar. – Que exixe a CIG? A retirada do "decretazo", e que non se siga adiante coa sua tramitación. – Comisións falou de frivolidade, en alusión á CIG, por plantexar outra folga xeral. En solitário non o imos facer, desde logo. E pensamos que se só fose en Galiza, ainda que contase co apoio de todos, tampouco non seria razoábel, seria queimar esforzos e ao final non teria operatividade. Só seria viábel a nível de Estado para manter a tensión e a oposición á política do governo. – Dixo-se que a oposición política real, neste momento, están a exercé-la máis os sindicatos que os partidos. Nós xa dixemos cando se falou do chamado novo clima de diálogo que desde o noso ponto de vista, a nível obreiro e sindical, ese clima non existia. Se o diálogo consiste en xuntanzas formais para facer a foto pero non se contemplan as nosas reivindicacións reais e as medidas que se seguen adoptando son regresivas para os nosos intereses entendemos que o clima non existe e portanto opoñemo-nos ao governo. Esa oposición é política no sentido de que as decisións que se toman son políticas, pero teñen consecuéncias laborais e sociais. Por iso nos opoñemos política e sindicalmente. Coido que a cidadania o que exixe da oposición é que teña alternativas claras, e nese sentido en Galiza ten que apresentar proxectos claros alternativos ao do PP e facer o que sempre fixo, cando menos o nacionalismo, que é mobilizar a sociedade para mudar todo isto. Non se pode andar con componendas de que se é oposición pero á vez comportando-se como se fose governo. Iso non pode ser, porque xera confusión. – Refere-se ao Bloque? Insisto en que a oposición ten que facer oposición e a cidadania, que sofre de forma máis directa a política regresiva do PP, o que quer son alternativas moi claras, outro modelo de sociedade. E iso ten que capitalizá-lo a oposición, e sen temor: non hai que lle ter medo a enfrentar-se abertamente ao modelo reaccionário do PP. – Nesa liña de oposición vostés reclamaron o cesamento do conselleiro de Meio Ambiente. Que, por certo, insinuou que a CIG está detrás dalguns incéndios forestais... O tremendo disto é que haxa determinados cargos públicos, que ademais cobran do diñeiro de todos, que terian que preocupar-se de que situacións como as dos incéndios non se producisen e en vez de o facer dedican-se a recorrer a este tipo de descualificacións perversas e sen nengun fundamento. A nós preocupa-nos moito o tema, temos moita xente que traballa no sector forestal e que levan anos dicendo que a política contra incéndios, a política forestal da Xunta, é inadecuada. – A CIG solicitou o seu ingreso na Confederación Europea de Sindicatos, para o que necesita o apoio de UGT e CCOO... A dificuldade que temos é non ser unha central de ámbito estatal, ainda que nos últimos tempos existe un critério bastante máis flexibel. Ocorre que UGT e CCOO sempre plantexaron moitas reticéncias para a nosa entrada, e esa é unha parte do problema; UGT modificou a sua atitude nos últimos tempos, ainda que CCOO mantén posicións duras. – Alguns sectores expresaron que a Lei de Partidos poderia complementar-se cunha espécie de Lei de Sindicatos. Considera-o posíbel? Se a Lei Orgánica de Liberdade Sindical, que nos permite aos sindicatos nacionalistas participar a nível de Estado e ter presenza na OIT, se plantexase hoxe, non seria posíbel. Está claro que os critérios xacobinistas, centralizadores do Partido Popular, eu iria máis alá e diria imperialistas, dos partidos estatais, sobretodo o PP pero tamén o PSOE –ainda que no caso socialista coido que hai moito de oportunismo electoral– farian posíbel unha lei restritiva. E non falo en teoria: nun informe do Consello Económico e Social do Estado cuestionan-se as autonomias claramente; un informe curiosamente apoiado por CCOO, no que se defende unha involución centralista. Non seria de estrañar que no marco desa política involucionista puidesen sacar algun tipo de lei para pouco a pouco ir eliminando-nos a nível de Estado: ese temor temo-lo desde hai moito tempo, non necesitamos o exemplo da Lei de Partidos. – Se vosté fose diputado, que faria sobre a Lei de Partidos? Eu votaria en contra. Sei que este tipo de posicionamentos a nível social, coa presión mediática que hai, é difícil de manter, pero o que non pode facer-se é levar a termos simplistas, como fai o governo, unha cuestión tan complexa. Non se trata de estar a favor ou en contra do terrorismo votando si, non ou abstención.
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/09/2002 |