ActualidadeVolver a Negociación ColectivaVolver a Actualidade


Vigo, 28 de febreiro de 2003

Convenio da Banca Privada
Comunicado nº 1
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


O 27 de febreiro de 2003 constituíuse en Madrid a Mesa Negociadora do XVIV Convenio Colectivo da Banca Privada. A Federación de Banca da CIG, presentou a súa plataforma en aras da consecución do Convenio Galego da Banca, que reproducimos a continuación.


Plataforma Convenio Galego de Banca


Vixencia

Ano 2003.

Salarios

Suba Salarial: 6% con cláusula de revisión á alza do IPC + 2 puntos.

Salario base categorías inferiores: Equiparación do Salario Base para aquelas categorías con retribucións por baixo do Salario Mínimo máis alto dos regulados por lei na Unión Europea.

Paga extra: Creación dunha paga extra para compensar a perda salarial dos anteriores Convenios Colectivos.

Xornada e Tempo de Libranza

Xornada laboral: 35 horas en cómputo semanal. Libranza dos sábados. Horario de 8 a 15.

Vacacións: Incremento das vacacións a 27 días hábiles. Reducción do período vacacional.

Permisos: Seis días de libre disposición retribuídos.

Premio aos 25 anos de servicio: 27 días hábiles máis de vacacións.

Horas extras: Calquera extensión da xornada deberá ser comunicada previamente aos Comités de Empresa.

Mobilidade Xeográfica

Dada a dispersión da poboación e a propia orografía do país, eliminación na Galiza dos desprazamentos ata os 25 km.

Emprego

Contratación: A contratación será en tódolos casos mediante contrato indefinido, cun período de proba de 3 meses.

Calquera contratación temporal dará dereito á percepción dunha indemnización de cinco días por mes traballado que se pagará rateada en cada nómina mensual.

Utilización de ETT's: Durante a duración do Convenio as entidades comprometeranse á non utilización dos contratos de posta a disposición. O persoal que durante os últimos anos fora contratado por medio desta modalidade, formará parte dunha bolsa para a súa incorporación ao cadro de persoal das empresas.

Carreira profesional

Ascensos: Ascenso ao nivel VIII aos 20 anos de servicio efectivo na empresa.

Clasificación de Oficinas: Creación dun Sistema de Clasificación de Oficinas que regule segundo baremos de volume de negocio, volume de operación, etc., a categoría das Oficinas. Asignación de niveis mínimos dos apoderados segundo a clasificación das Oficinas.

Saúde Laboral

Creación dun Servicio Mancomunado Galego de Saúde Laboral. Aqueles sindicatos que teñan a condición de máis representativos, terán dereito a participar nos Comités Estatais de Saúde Laboral que se podan crear a nivel de empresa.

Recoñecemento dos postos de ventaíña como postos de traballo PVD (pantalla visualización de datos). Regulación como dereito das recomendacións establecidas na Lei de Saúde Laboral.

Supresión da cláusula de absentismo. Cobro do 100% do salario dende o primeiro día da baixa.

Previsión Social

Creación dun complemento de xubilación para os traballadores/as posteriores ao ano 1980. Aportación mínima no ano 2003 de 600 euros. Dada a consideración de salario diferido destas aportacións, actualizaranse anualmente na mesma contía que a suba salarial pactada nos sucesivos Convenios.

Comisións Internas a Nivel de Empresa

Creación dunha Comisión pola Igualdade de Oportunidades, que regulará o seguinte:

  • Medidas para garantir a promoción profesional das mulleres no seo das empresas camiño da igualdade real.

  • Eliminación da linguaxe sexista en toda a documentación da empresa.

  • Regulará a figura de "acoso sexual", definindo o concepto e recollendo as canles de denuncia internas.

  • Introducción de revisións xinecolóxicas e urolóxicas voluntarias nas revisións médicas anuais que se efectúan nas empresas.

  • Garantir e determinar períodos de descanso, cambios de posto de traballo e excedencias a compartir por xestación, lactacións e maternidade.

Creación dunha Comisión pola Normalización Lingüística:

  • Esta Comisión constituirase como contribución á normalización lingüística do uso do galego nas empresas.

  • Velará pola realización de cursos de idioma galego dentro do Plano de Formación Profesional; a súa asistencia e bo aproveitamento do curso serán compensadas cun permiso especial de dous días libres.

  • Dentro dos cursos de Formación no ano 2003, un 50% serán impartidos en galego.

  • As entidades procederán a galeguización de tódolos impresos de persoal, da normativa interna da empresa, etc.

  • Como criterio xeral para a cobertura de vacantes en oficinas situadas en Galiza, as Entidades comprometeranse a nomear traballadores/as con coñecemento do galego falado e escrito.

Creación dunha Comisión de Formación:

  • Esta Comisión participará tanto na elaboración dos Planes de Formación, como nos criterios de Selección do Persoal que asistirá aos cursos.


Galiza, 27 de febreiro de 2003.

 
Volver a Negociación ColectivaVolver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/02/2003