ActualidadeVolver


Vigo, 25 de abril de 2003

Entrevista con Suso Seixo, secretário xeral da CIG
“Queremos dar-lle a este primeiro de maio un fundo contido anti-imperialista”
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
Suso Seixo: “Queremos trasmitir a idea a toda a sociedade galega de que outro mundo é posíbel e necesário e outra Galiza tamén. A mobilización social ten que contribuir a que se dea un cámbio real no poder político no noso País e ese cámbio só poderia ser real se vén da man do nacionalismo”. (Na foto: Suso Seixo, María do Tránsito Fernández e Xerardo Abraldes na manifestación do 1º de Maio de 2002 en Vigo).
 
“A razón fundamental pola que a CIG celebra este 1º de Maio conxuntamente con UGT e CCOO vén derivada da situación política marcada pola crise do Prestige e pola ocupación colonial de Iraq, ao vello estilo do imperialismo, o que supuxo un nível de sensibilización e mobilización social como non se recordaba desde hai moitos anos en Galiza e no mundo”.


-A unidade sindical é só conxuntural ou é vista pola CIG a máis longo prazo?

-A unidade sindical en Galiza, da CIG coas centrais sindicais estatais, é moi difícil que poida ter un carácter estábel e extratéxico, teria que dar-se un cámbio importante no modelo sindical de CCOO e UGT. Nós seguimos a ter sérias diferenzas con eles, nestes momentos posibelmente máis con CCOO, a respeito do seu modelo sindical de reforzar o marco estatal de relacións laborais en detrimento do galego, ou na sua política de pactos coa patronal, co Governo ou cos dous á vez, en matéria de contención salarial, pensións, condicións laborais dos traballadores/as da administración pública ou na política de amiguismo coa patronal nas eleicións sindicais, por citar alguns exemplos. Un modelo sindical centralista, de cúpulas, pouco respeitoso coa opinión dos traballadores/as e coa realidade plurinacional do Estado. De se non dar unha situación política tan marcada a nível social polos feitos que comentaba ao início da entrevista, estaríamos celebrando o 1º de Maio por separado, con case toda seguridade.

-Que carácter lle quer dar a CIG a este 1º de Maio?

-Nós pretendemos dar-lle un carácter de fundo contido anti-imperialista e de rechazo do actual modelo de capitalismo neoliberal que xera desigualdade, inxustiza, desemprego, precariedade, miséria e atenta contra direitos fundamentais das clases traballadoras e dos povos. Queremos ao tempo trasmitir a idea a toda a sociedade galega de que outro mundo é posíbel e necesário e outra Galiza tamén. A mobilización social ten que contribuir a que se dea un cámbio real no poder político no noso País e ese cámbio só poderia ser real se vén da man do nacionalismo.

-Que papel pode xogar Europa na confrontación imperialista que está a sofrer o planeta?

-Eu desexaria, e temos que esforzar-nos para que iso sexa asi, que aparecesen no mundo contrapoderes reais ao hexemonismo de EEUU; un deses poderes pode ser Europa, ainda que só sexa polo interese egoísta de defensa dos seus intereses económicos e do seu próprio hexemonismo. Non podemos esquecer que quen dirixe a Europa que se está a construir son tamén as multinacionais e o capital financeiro, cunha visión do mundo polo tanto tamén imperialista, ainda que afortunadamente non é a extrema direita quen está á frente como no caso de EEUU. Eu no único contrapoder no que realmente confio e que nos pode dar certas garantias ás clases populares e aos povos oprimidos, é o que se deriva das mobilizacións e dos movimentos sociais progresistas e anti-imperialistas que están a xurdir en todo o mundo.

-Seis meses despois da catástrofe do Prestige, segue sen haber responsabilidades políticas e Galiza segue sen un plano de recuperación do seu litoral e de superación dos impactos económicos derivados. Que propugna a CIG ante esta situación?

-Efectivamente, o Plano Galiza, do que os Governos Central e Autonómico fixeron tanta propaganda, segue a ser en grande medida virtual pois, fóra dos sete mil millóns de euros que xa estaban comprometidos via fundos da UE, os cinco mil setencentos restantes, que son realmente o que se achega de novo, descoñece-se como se van financiar e en que prazos se van facer efectivos.

Temos polo tanto que seguir a mobilizar-nos e a exixir ao Governo Central que concrete prazos e financiamento, pois, do contrário, atoparemo-nos de novo con que a tan cacarexada “loteria” da que fala Fraga, tocará-lles unha vez máis aos dirixentes do PP e aos seus amigos e Galiza continuará no furgón de atrás en matéria de infraestruturas, cruación de emprego, renda per cápita, servizos públicos e sociais, etc.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/04/2003
cig.informatica