Actualidade  Vigo, 28 de maio de 2003
Convenio da Banca Privada Comunicado nº 9
Na sesión do 27 de maio da Mesa negociadora do convenio da banca os temas que figuraban na orde do día eran Emprego e Saúde Laboral.
Con relación ao Emprego, foron expostas as demandas sindicais de máis e mellor emprego, facendo denuncia da subcontratación así como de outras irregularidades que en materia de emprego se detectan no sector. Dende a CIG fixemos especial fincapé na supresión de horas extraordinarias, verdadeira lacra do sector, así como na eliminación da contratación mediante empresas de traballo temporal. A contestación da AEB foi que as empresas se moven nun marco completamente legal e non consideran que deban chegar a acordos nesta materia nin asumir compromisos de futuro. Con respecto a Saúde Laboral a CIG propuxo a creación dun servicio mancomunado galego de saúde laboral, o recoñecemento dos postos de ventaíña como postos de traballo PVD (pantallas de visualización de datos) e a eliminación da cláusula de absentismo e, xa que logo, a percepción do 100% do salario dende o primeiro día da baixa, como xa vén sendo habitual na maioría dos bancos do sector. Ademais, xunto co resto dos sindicatos, foi exposta a situación que estamos a vivir os traballadores e traballadoras do sector, no que o acoso laboral está á orde do día, o número de baixas por estrés neste sector é dos máis altos no mundo laboral, e os abusos de poder son frecuentes. AEB contesta que non admite a creación de ningún novo comité ou órgano de saúde laboral, e que non é consciente de que no sector existan abusos de poder. A próxima reunión quedou fixada para o día 5 de xuño. Galiza, 28 de maio de 2003.
|