Actualidade  Vigo, 11 de xuño de 2003
Convenio de Aforro Comunicado nº 5
Bloqueado o Convenio de Caixas de Aforros
A Audiencia Nacional pode obrigar a comezar de novo o proceso negociador e a ACARL permanece atrincheirada en posicións maximalistas.
A continuidade da actual Mesa Negociadora do Convenio Colectivo das Caixas de Aforros está pendente da resolución dunha impugnación presentada ante a Audiencia Nacional pola Confederación Intersindical de Caixas de Aforros (CIC). Non confundir coa CIG. Para formar parte da Mesa Negociadora, están lexitimados os sindicatos cunha representación superior ao 10% a nivel estatal ou do 15% a nivel autonómico. Polas certificacións do Ministerio de Traballo, a Audiencia Nacional podería obrigar a inclusión de CIC na Mesa Negociadora, excluíndo ao CSICA, situación que levaría a ter que constituír unha nova Mesa. Plataforma da Patronal:
Como estaba anunciado, o 10 de xuño, despois de seis meses sen convenio, a Patronal fixo pública a súa Plataforma baseada nun recorte das condicións salariais e na introducción dunha maior mobilidade funcional e xeográfica. Crearíanse nove grupos profesionais en substitución da anterior táboa de categorías; un complemento persoal absorbería a posible diferencia de salario base da actual categoría aos novos grupos. Estableceríase un sistema de ascensos sen determinar para os auxiliares administrativos ata o grupo seis (¿equivalente a Oficial Segunda?). Como contrapartida propoñen maior mobilidade funcional, recortes na antigüidade e na axuda de estudios e incrementaríase a mobilidade xeográfica. O Convenio está nunha calella cega pendente de resolución xudicial. Ante esta situación, proximamente estudiaremos novas medidas para tratar de desbloquear a negociación.
Galiza, 11 de xuño de 2003.
|