Actualidade CIG-Comunicación-
Na reunión da Comisión Negociadora do 5 de febreiro, AEB, CCOO e UGT chegaron a un preacordo de convenio que consiste practicamente no seguinte: suba salarial do 2,75% para o 2003, e 2,5% para o 2004, con cláusula de revisión no 2005; eliminación da cláusula de absentismo e actualización dalgúns conceptos. Unha vez máis CCOO e UGT, suplantando á Mesa Negociadora en reunións de cociña, volven impoñernos un convenio que non ten nada que ver coas reivindicacións dos traballadores/as, poñendo en evidencia de novo que a negociación colectiva en Madrid é un absoluto fracaso. Isto vén reafirmarnos en termos prácticos na nosa proposta de CONVENIO GALEGO, única garantía dunha negociación colectiva onde os traballadores e traballadoras sexan os verdadeiros protagonistas na defensa dos seus intereses inmediatos. Ao longo dos últimos días a gran banca presentou publicamente os seus resultados; segundo os dirixentes destes bancos a destrucción do emprego no sector e o peche de centros de traballo, contribuíron á suba dos beneficios empresariais. Ante estas circunstancias e cunha folga no sector anunciada para o mes de marzo, a sinatura do convenio é precipitada, un erro estratéxico e unha renuncia ante a AEB. En canto ao contido do acordo, nomeadamente no relativo a suba salarial, dende a CIG sempre dixemos que non era o mesmo defender a recuperación de poder adquisitivo, que pedir unha suba do 2,5%. Non iamos desencamiñados. Neste Convenio AEB e os de sempre, chámanlle cláusula de revisión a un invento polo que, se o IPC do ano 2004 supera o 2,5% non cobraríamos atrasos, simplemente actualizaríanse as táboas no 2005. ¿U-la recuperación de poder adquisitivo, do 6% que perdemos no anterior convenio? ¿U-la eliminación das horas extras e a libranza dos sábados? ¿Canto emprego crearán con este convenio? O ano 2003 foi un ano histórico para os beneficios empresariais; gracias a estes beneficios poderemos recuperar un 0,15% dos nosos salarios. Non se arruinarán os bancos á nosa costa.
| |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/02/2004 |