Actualidade CIG-Comunicación- Por tal motivo, dado a interese da viaxe, pedímoslle que nos valorara o evento, o que viu e escoitou nas rúas, así como as análises ou conclusións ás que chegou e fixeron colectivamente.
O motivo foi unha invitación recibida pola CIG para constituír unha delegación sindical internacional que investigase, e observase no terreo, a situación laboral en Israel e Palestina, nomeadamente a das traballadoras e traballadores non xudeus. ¿Que sindicatos acudiron ao encontro e quen os convocou? A delegación foi convocada por unha organización –definible como un “xerme sindical”– que funciona ao marxe do sindicato “oficial” israelí –o Hitadrut– e que, constituída por israelís e árabes, traballa para defender os dereitos laborais da poboación árabe que traballa en Israel, tanto da que vive alí coma da que se despraza desde os territorios ocupados. A dita organización chámase Workers Advice Centre (WAC) –Ma’an en árabe, que quere dicir “xuntos”–, ten un forte compoñente de clase e ideoloxicamente se sitúa na esquerda. Ao chamamento da WAC acudiron, ademais da Confederación Intersindical Galega (CIG), representantes de COBAS (Italia), SID (Dinamarca), CSC (Bélxica), FNV (Holanda), CCOO (España), IG Metal e TIE (Alemaña) e GBI (Suíza). ¿Existen foros políticos ou sociais en Israel que teñan unha posición progresista canto aos dereitos do pobo palestino? Existen, aínda que son moi minoritarios. Un bo exemplo desta actitude solidaria e progresista é a da WAC, pero estes días tamén puidemos entrar en contacto con outras organizacións e ONGs que están entregadas á defensa das traballadoras e traballadores palestinos en Israel, e que axudan e apoian activamente a poboación dos territorios ocupados. En calquera caso, insisto en que estas posicións e iniciativas son minoritarias, é a realidade é que aquelas organizacións maioritarias da poboación israelí –tanto as organizadas coma as non organizadas–, miran cara outro lado ante o problema palestino. ¿Cal é a situación que, de primeiras, observaches nos territorios ocupados? ¿No social? Contrariamente ao que se pode pensar, a poboación dos territorios –nós só visitamos Cisxordania– intenta, e dalgunha maneira consegue, levar unha vida “normalizada”, se ben toda a vida cotiá está marcada pola ocupación. Existe un debate político moi intenso na sociedade palestina sobre a situación política, especialmente no que atinxe aos Acordos –Folla de rota, Plano Sharon...– que son abertamente cuestionados. Tamén temos o debate sobre o papel e a figura de Arafat, que está a ser moi cuestionado, por diferentes motivos, pola poboación palestina. O outro grande tema de preocupación é o xerado pola construción do Muro de separación, que vai crear auténticos guetos, separando familias, poboacións e aos traballadores/as dos seus traballos. A substitución de traballadores/as palestinos por estranxeiros procedentes de países asiáticos e do leste de Europa, a non transferencia de aranceis aduaneiros á ANP e a “impermeabilización” dos territorios, coa conseguinte limitación absoluta de movementos, fan que as entradas de cartos nas arcas da ANP sexan ínfimas e que só procedan dos escasos impostos que recadan, das remesas dos emigrantes palestinos e mais da axuda internacional. Por outra banda, a inseguridade e as presións políticas non axudan a atraer investimentos de empresas estranxeiras. ¿No militar? Inda que non podo opinar a fondo sobre esta cuestión por falta de datos, a impresión é que o control e mesmo a ostentación militar israelí están sempre presentes, en especial nas fronteiras, pero tamén na protección dos asentamentos e nos enclaves do exército xudeu no interior dos territorios ocupados. En todo caso, nos momentos de calma, como os que nos tocou vivir á delegación, a presencia militar israelí nas cidades e nos campos de refuxiados non se fai especialmente visible. ¿Cal é a situación laboral en Palestina? A situación laboral é insostible. Segundo os datos oficiais do goberno israelí, o paro anda polo 40%, mentres que os sindicatos palestinos afirman que chega ao 50%, e as previsións indican que vai a seguir aumentando. As empresas palestinas son pouco numerosas e dun volume moi pequeno. A maior parte da poboación traballaba, ou aínda traballa, en Israel, fundamentalmente nos sectores da construción, agro e téxtil. Desde a primeira intifada, comezouse a aplicación dun plano para substituír os traballadores/as palestinos por emigrantes de China, Filipinas, Tailandia, Turquía, Romanía e Bulgaria. Este plano ten un compoñente racista –contra a poboación árabe–, pero tamén é profundamente neoliberal: alegando problemas de seguridade, os traballadores/as palestinos están sendo substituídos por outros que cobran ata un 40% menos ca eles e que traballan ata 4 horas diarias máis. É dicir, o que se persegue é abaratar custos utilizando man de obra barata e en situación de semiescravitude, á parte de, por suposto, illar e asfixiar economicamente a poboación palestina. Cómpre destacarmos que cada emigrante ten permiso para traballar para un único patrón israelí, converténdose en ilegal se é despedido ou se abandona o posto de traballo, e mais que a retención de pasaportes é unha práctica xeneralizada. Esta situación vaise ver aínda máis agravada pola construción do muro, xa que se prevé que o desemprego aumente un 60 ou 70% nos próximos dous anos. É importante dicir que a substitución de traballadores/as árabes por inmigrantes está alcanzando xa de cheo a poboación árabe-palestina do interior de Israel, onde nalgunhas partes o paro chega xa ao 25% da poboación activa. Por outra banda, o goberno de Israel está tratando de destruír a agricultura tradicional árabe, como por exemplo a dedicada á produción do aceite de oliva. Os traballadores/as palestinos que traballan en Israel teñen que sufrir varios problemas. O primeiro deles, os baixos salarios que perciben, que rara vez superan o salario mínimo israelí. Ademais, existe tamén unha falta total de cobertura e dereitos sociais, pois, malia que cotizan, non poden percibir prestacións por desemprego, asistencia sanitaria, etc. Pero os máis graves problemas que teñen que afrontar son a política de peche dos territorios de xeito arbitrario, a constante variación dos criterios de concesión dos permisos de traballo, os interminables trámites para pasar os check points –que lles obrigan a facer cola desde as dúas de mañá– e os longos desprazamentos –os palestinos/as dos territorios ocupados teñen prohibido facer noite en Israel–: a conxunción de todos eles converte nunha empresa cada día máis difícil atopar e manter un traballo. A construción do muro, de novo, agravará esta situación. ¿Como valoras a política do goberno israelí sobre Palestina? Poderíase definir como unha política de claro corte imperialista, neoliberal e racista que consideramos completamente condenable. Neste momento o goberno israelí ten en marcha un plano para afogar económica e socialmente a poboación palestina, anexionarse e colonizar Cisxordania e acabar coa presenza palestina, ou como mínimo reducila drasticamente. Gaza parece non preocuparlles, e están dispostos a usala como moeda de cambio. Considero execrable esta actitude, e paréceme incrible que os gobernos europeos non fagan algo para mudar esta situación. Están sendo cómplices dunha limpeza étnica e dunha política racista máis grave cá exercida por Sudáfrica nas súas épocas máis escuras. Xa para rematar, ¿cales foron as conclusións da delegación? A delegación adoptou unha posición conxunta de denuncia desta situación, posición que se verá reflectida nun documento que está na actualidade en fase de borrador. Ao marxe disto, existe un compromiso de difundirmos e discutirmos esta situación internamente nas nosas respectivas organizacións, e de dármoslles conta aos sindicatos amigos desta problemática. Así mesmo, tamén adquirimos o compromiso de informar á opinión pública dos nosos países sobre esta situación e de, por suposto, denunciala. Por último, as nosas organizacións van subscribir iniciativas perante diversos organismos internacionais –OIT, Nacións Unidas, CIOLS e CMT– co fin de denunciarmos e condenarmos a extrema e grave situación que actualmente padece o pobo palestino, e mais para que se adopten as medidas necesarias que fagan posible conseguirmos unha total modificación e unha substancial mellora da súa situación actual. | |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/05/2004 |