|
Actualidade CIG-Comunicación-
Nesta información:
“O incremento é menor tanto na nocturnidade como na festividade, renúnciase ao plus de turnicidade, renúnciase ao plus de radioscopia recollido na Acta número 10, e increméntase nun ano máis o ámbito de vixencia do convenio. Así mesmo, outros aspectos importantes recollidos na Acta número 6 como demanda conxunta de todas as centrais sindicais quedan ignorados, tales como a cotización do plus de transporte e vestiario, a ampliación de cobertura por incapacidade temporal etc. A CIG, en todo caso, manifestou nesa xuntanza a súa satisfacción polo recoñecemento do plus de perigosidade pero entende que é claramente insuficiente e discriminatorio entre aqueles vixiantes con antigüidade recoñecida na empresa ate o 01/01/1994 e os posteriores a dita data, poñendo como exemplo que aqueles vixiantes cunha relación laboral que se interrompeu por causas alleas a estes antes do 01/01/1994 así como aqueles vixiantes que presten servizo con arma tras o 01/01/1994 e que perderon o uso da arma non percibirán o plus de perigosidade na mesma contía que os vixiantes con arma anteriores ao 01/01/1994” (Acta número 14). Para explicar a súa posición, os representantes sindicais nacionalistas manifestan:
1º. Consideramos un erro histórico para o sector e con consecuencias imprevisíbeis de cara ao futuro ter establecido unha diferenza económica tan elevada entre os Vixiantes anteriores ao 01/01/1994 e os posteriores. Establecer dous colectivos onde tan só hai un, é igual a dividir o sector. Alimentar as diferenzas entre os traballadores só favorece á patronal, e o xoves 25 de novembro será lembrado no colectivo como o día no cal se abriu unha ferida difícil de curar. 2º. Igualmente, e dentro do colectivo de Vixiantes anteriores ao 94, establécense agravios comparativos e inxustizas evidentes que desde agora teñen cobertura legal. Como se lle pode explicar a un traballador do sector anterior ao 94, que fora despedido da súa empresa con posterioridade ao ano 94, que vai percibir un Plus de 9 euros e outro que manteña a súa antigüidade que vai cobrar 129 euros? Como se lle pode explicar a un Vixiante anterior ao 94 que traballou con arma nos dous anos anteriores ao 30/06/2004 durante un ano e once meses que vai cobrar 43 euros, e outro que traballou os dous anos ininterrompidamente 129 euros? Acaso estas situacións distintas son culpa dos traballadores? Por que se lles culpa economicamente a eles? 3º. Así mesmo, que non pensen os Vixiantes anteriores ao 94 e con antigüidade recoñecida que este é o convenio que máis lles favorece. Que teñan en conta que se a empresa lles require para un novo servizo con horario e condicións diferentes con arma, a súa negativa suporá a perda automática do dereito a percibir este Plus. Serán pois, escravos a disposición da empresa por un Plus de 129 euros. E que pensen tamén, que en canto se interrompa a súa situación laboral (despido, mellora de emprego, etc), pasarán a formar parte do inmenso colectivo dos nove euros. 4º. Desde a CIG temos realizado na negociación deste convenio un grande esforzo por manter a Unidade de Acción Sindical. Só desde este punto de vista ten xustificación de cara aos nosos afiliados ter asinado a acta número 10, na cal rebaixamos as nosas pretensións a respecto da nosa Plataforma dun xeito moi notábel, renunciando a melloras que considerabamos básicas. Sen embargo, o texto definitivo da parte económica asinado polas outras Centrais Sindicais dista enormemente do que nos comprometemos nesta acta 10. Onde quedou o Plus de Turnicidade? Onde quedou a radioscopia de 60 euros para todos no 2005? Por que se establecen tamén diferenzas entre a radioscopia aeroportuaria e o resto? Onde está o Convenio de tres anos? Onde están os once puntos que perdemos nos pluses de nocturnidade e festividade? Onde está a garantía de incremento salarial de un punto e dous puntos por encima do IPC para os anos 2006 e 2007? Onde está a Unidade de Acción Sindical, cando hai quen acorda uns mínimos de negociación e despois asina algo totalmente contrario a eles? 5º. Así mesmo, quedan outros aspectos moi importantes no sector acordados na acta número 6 (cotización do Plus de Vestiario e Transporte, suba das prestacións de I.T., etc), que quedaron no caixón e esquecidos á hora da sinatura definitiva do acordo. Todos estes elementos valorativos, e non unha posición cómoda, son os que levaron á CIG a rexeitar este acordo, iso si, previa consulta cos seus delegados e afiliados. 6º. O que lle parece máis grave á CIG de todo o acontecido neste Convenio, é como estas tres centras sindicais teñen ignorado o esforzo realizado por centos e milleiros de traballadores en todo o sector nas mobilizacións, e a todos aqueles que o lonxano xa 27 de outubro saíron ás rúas das cidades do Estado español en defensa dunha mellora nas súas condicións de vida. Que non veñan agora dicindo que só se negaron a facer horas uns poucos. Foron moitos os vixiantes que secundaron a protesta. O certo é que foi a Mesa Negociadora quen non lle dou continuidade a un calendario de mobilizacións que nunca se chegaría a facer, cando desde a CIG insistiamos na necesidade de seguir loitando na rúa. 7º. Desde a CIG tampouco queremos pretender ser os posuidores da verdade absoluta. Pensamos que é hora que falen os auténticos protagonistas da negociación: os vixiantes de seguridade. E que sexan estes vixiantes, de todo o Estado español, os que teñan a oportunidade de valorar e votar se pensan que é un bó acordo económico ou non, e se nós, a CIG, temos unha posición cómoda ou non. Chamamos a todo o sector a convocar asembleas provinciais nas cales, e coa a presenza de todas as Centrais Sindicais existentes no sector, se debata o acordo, que cada quen defenda a súa postura, e que todos respectemos o resultado da maioría. Tan simple como a democracia. Calendario de mobilizacións proposto pola CIG en defensa dun Convenio de Seguridade digno
1º. Manifestar, en primeiro lugar, a todos os vixiantes do Estado español o noso agradecemento polas innumerábeis mostras de apoio recibidas nestes dous últimos días. Os centos de compañeiros que a través da nosa páxina Web nos manifestaron a súa coincidencia con nós énchennos de orgullo e anímannos a seguir na nosa postura. 2º. Manifestar, igualmente, o agradecemento ao apoio das centrais sindicais non presentes na mesa, que por non seren maioritarias non poden ser tratadas con tanto desprezo por parte de algún. Estamos convencidos que só lles move a defensa do sector. 3º. Anunciar a semana que vén como unha semana de loita, que segue viva no sector. Para nós non mudou nada desde o 27 de outubro, non desconvocamos nada, e lembramos a todos que en vésperas da ponte da constitución fan falta moitos cartos nos caixeiros e bancos, que se non, acábase... 4º. Que durante os días 9, 10, e 13 de decembre a nosa central sindical ten intención de convocar asembleas provinciais en Galiza, informativas, ás que convidamos desde xa a todas as outras centrais do sector, a defender cada un a súa postura, e que nestas asembleas os traballadores do sector, os afectados polo convenio, podan decidir libremente se o queren ou non. Nosoutros, desde logo, respectaremos este resultado, aínda que non nos guste. Animamos a que estas asembleas con votación se celebren en todas as provincias do Estado español. 5º. Que convocamos a todos os traballadores galegos do sector, e aos que se queiran sumar do resto do Estado, a unha manifestación en Santiago de Compostela para o martes 14 de decembro ás 18:00 horas baixo o lema “POR UN CONVENIO DIGNO, PLUS DE PERIGOSIDADE PARA TODOS/AS”. Que entenderíamos como excelente que esta manifestación se reproducira en todo o Estado español ese mesmo día, se os vixiantes así o estiman oportuno. 6º. Que imos iniciar unha recollida de sinaturas no sector, segundo un modelo que vos faremos chegar, e das que tedes o noso firme compromiso que las faremos chegar á Mesa de Negociación, así como dos resultados das votacións das asembleas provinciais. 7º. Que no caso que non se respecte o resultado das votacións destas asembleas, tedes o noso firme compromiso de que tentaremos de impugnar este convenio legalmente. 8º. Que a todos aqueles descontentos coas súas centrais sindicais, que non pensen que os sindicatos no valen para nada. A nosa alternativa sindical naceu pequena e hoxe somos aquí un 30% do sector (e de seguro máis proximamente). Cada un que escolla a que máis lle guste ou convenza, pero que é unha ferramenta imprescindíbel. 9º. Que estamos abertos a calquera colaboración ou suxestión. Que non é unha proposta pechada, e que nós non desprezamos o apoio e colaboración de ningún sindicato ou traballador. Que o correo onde nos podedes dirixir as vosas aportacións ou suxestións é paulopaio@galizalivre.org. QUE ENTRE TODOS/AS É COMO SE CONSEGUEN AS COUSAS, E NÓS POLO MENOS, DESDE A HUMILDADE DUN SINDICATO GRANDE EN GALIZA E PEQUENO NO ESTADO, CANDO MENOS, ÍMOLO INTETAR. Seguimos na loita, en Galiza, a 26 de novembro de 2004. Folla para a recollida de sinaturas
Relación de Actas da negociación
|
||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/12/2004 |