ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 10 de febreiro de 2005

Plataforma para o XX Convenio de Banca Privada presentada pola Confederación Intersindical Galega
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
Xornada laboral de 35 horas en cómputo semanal, incremento das vacacións a 27 días hábiles, eliminación en Galiza dos desprazamentos ata os 25 quilómetros, contratación en tódolos casos mediante contrato indefinido... son algunhas das reivindicacións da Plataforma da Federación de Banca da CIG para o XX Convenio de Banca Privada. (Foto: Manifestación na cidade de Ourense “Por un convenio galego”, 19/12/2003 ©Fernando Pol).
 
A Federación de Banca da CIG fará entrega á patronal da Banca (AEB) da Plataforma Reivindicativa para o Convenio Colectivo da Banca Privada na reunión da Mesa Negociadora do XX Convenio que se desenvolve o xoves 10 de febreiro en Madrid.

A continuación reproducimos a citada plataforma.


Plataforma para o XX Convenio de Banca Privada presentada pola CIG


Vixencia

Ano 2005.

Salarios

Suba Salarial: 6% con cláusula de revisión á alza de IPC + 2 puntos.

Salario base categorías inferiores: Equiparación do Salario Base para aquelas categorías con retribucións por debaixo do Salario Mínimo máis alto dos regulados por Lei na Unión Europea.

Paga extra: Creación dunha paga extra para compensar a perda salarial dos anteriores Convenios Colectivos.

Xornada e Tempo de Libranza

Xornada laboral: 35 horas en cómputo semanal. Libranza de sábados. Horario de 8 a 15.

Vacacións: Incremento das vacacións a 27 días hábiles. Redución do período vacacional.

Permisos: Seis días de libre disposición retribuídos.

Premio aos 25 años de servizo: 27 días hábiles máis de vacacións.

Horas extras: Calquera extensión da xornada deberá ser comunicada previamente aos Comités de Empresa.

Mobilidade Xeográfica

Dada a dispersión da poboación e a propia orografía do país, eliminación en Galiza dos desprazamentos ata os 25 quilómetros.

Emprego

Contratación: A contratación será en tódolos casos mediante contrato indefinido, cun período de proba de 3 meses.

Calquera contratación temporal dará dereito á percepción dunha indemnización de cinco días por mes traballado, que se pagará rateada en cada nómina mensual.

Utilización de ETT’s: Durante a duración do Convenio as entidades comprometeranse á non utilización dos contratos de posta a disposición. O persoal que durante os últimos anos fora contratado por medio desta modalidade, formará parte dunha bolsa para a súa incorporación ao cadro de persoal das empresas.

Integración traballadores/as discapacitados: Integración inmediata do 2% do mínimo legal de traballadores ou traballadoras discapacitados.

Carreira profesional

Ascensos: Ascenso ao nivel VIII aos 20 anos de servizo efectivo na empresa.

Clasificación de Oficinas: Creación dun Sistema de Clasificación de Oficinas que regule segundo baremos de volume de negocio, volume de operacións, etc., a categoría das Oficinas. Asignación de niveis mínimos do persoal apoderado segundo a clasificación das Oficinas.

Saúde Laboral

Creación dun Servizo Mancomunado Galego de Saúde Laboral. Aqueles sindicatos que teñan a condición de máis representativos, terán dereito a participar nos Comités Estatais de Saúde Laboral que se podan crear a nivel de empresa.

Recoñecemento dos postos de ventaíña como postos de traballo PVD (pantallas de visualización de datos). Regulación como dereito das recomendacións establecidas na Lei de Saúde Laboral.

Previsión Social

Creación dun complemento de xubilación para os traballadores/as posteriores ao ano 1980. Aportación mínima no ano 2005 do 5% do salario cun mínimo de 1.000 euros. Dada a consideración de salario diferido destas aportacións, actualizaranse anualmente na mesma contía que a suba salarial pactada nos sucesivos Convenios.

Comisións Internas a Nivel de Empresa

Creación dunha Comisión pola Igualdade de Oportunidades, que regulará o seguinte:

  • Medidas para garantir a promoción profesional das mulleres no seo das empresas camiño da igualdade real.
  • Eliminación da linguaxe sexista en toda a documentación da empresa.
  • Regulará a figura de "acoso sexual", definindo o concepto e recollendo as canles de denuncia internas.
  • Introdución de revisións xinecolóxicas e urolóxicas voluntarias nas revisións médicas anuais que se efectúan nas empresas.
  • Garantir e determinar períodos de descanso, cambios de posto de traballo e excedencias a compartir por xestación, lactación e maternidade.

Creación dunha Comisión pola Normalización Lingüística: Esta Comisión constituirase como contribución á normalización lingüística do uso do galego nas empresas.

Velará pola realización de cursos de idioma galego dentro do Plano de Formación Profesional; a asistencia a estes cursos e o bo aproveitamento dos mesmos serán compensados cun permiso especial de dous días libres.

Dentro dos cursos de Formación no ano 2005, un 50% serán impartidos en galego.

As entidades procederán á galeguización de tódolos impresos de persoal, da normativa interna da empresa, etc.

Como criterio xeral para a cobertura de vacantes en oficinas situadas en Galiza, as entidades comprometeranse a nomear traballadores/as con coñecemento do galego falado e escrito.

Creación dunha Comisión de Formación: Esta Comisión participará tanto na elaboración dos Planos de Formación, como nos criterios de Selección do Persoal que asistirá aos cursos.


Galiza, 10 de febreiro de 2005.

 
 
 
pdfDescarga, imprime e difunde.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/02/2005
cig.informatica