|
Actualidade CIG-Comunicación-
Na reunión da Mesa Negociadora do día 23 de febreiro, a AEB anunciou que non presentará unha contraproposta e dedicou a maior parte do tempo a facer demagoxia sobre as distintas plataformas, con especial incidencia nalgún dos puntos defendidos pola CIG. Tamén indicou que está disposta a negociar cuestións que non impliquen un incremento dos custes nin un recorte na flexibilidade e na mobilidade. Pasamos a relatar as súas contestacións: Salarios A patronal indicou que os salarios do sector de banca están por riba da media dos salarios do Estado. Para a CIG sería máis axeitado facer unha comparación cos salarios de outras entidades financeiras, como por exemplo as caixas de aforros. Xornada Esgrimen que a xornada de convenio está un 10% por baixo da xornada máxima legal. Sen comentarios. Mobilidade Á nosa petición para deixar sen efecto a mobilidade xeográfica na Galiza contestaron que queren máis. Complemento de pensións para o persoal posterior ao ano 80 Solicitaron aclaracións ás nosas propostas. Darémoslle cumprida explicación cando estimemos oportuno. Contratación Din que a temporalidade no sector sitúase en torno a un 5%, estando por baixo das medias estatais e europeas, e incluso fixeron unha comparativa coa situación no sector da construción?? Agora ben, semella que para solucionar a baixa temporalidade están dispostos a facer máis uso dos contratos de circunstancias e dos de obra ou servizo. Normalización lingüística Á nosa petición para que se normalice o idioma galego, que lembramos que é oficial na Galiza, contéstannos que non é un problema de responsabilidade social, senón que só o farían se así o aconsellan os intereses comerciais das entidades. O desprezo destes señores para o noso idioma xa o coñeciamos e daremos cumprida conta á opinión pública galega da súa contestación. Quedou claro pois que a patronal non ten ningún interese polo momento en entrar nunha negociación seria e argumentada, e como semella que lle gustan as datas simbólicas, despois deste golpe do 23 F, a vindeira xuntanza terá lugar o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega.
|
|||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/02/2005 |