|
Actualidade CIG-Comunicación-
A pregunta do millón:
Cando comezamos as reunións deste convenio, houbo un recoñecemento xeral na parte social sobre o que se esperaba desta negociación: que debería producirse un punto de inflexión neste XX Convenio Colectivo de Banca. Por parafrasear a unha das centrais que propoñen o acordo que nos ocupa: “Este convenio colectivo debe ser un punto de inflexión para cambiar o contido dun texto que quedou obsoleto e afastado da realidade do sector, tanto para os traballadores/as como para as súas empresas”. “O convenio debe regular as condicións de traballo no ámbito sectorial e ademais ser norma de referencia. Sen embargo, aínda que o actual convenio regula aparentemente as condicións de traballo, temos claro que non é a referencia normativa para un colectivo bancario de 110.000 traballadores”. Ata aí, todos a unha, todos menos vostedes (patronal): Estrutura profesional, ascensos, retribución variable, xornadas laborais cun cancro como é o da súa prolongación, igualdade de oportunidades, participación en beneficios, conciliación da vida laboral e familiar, libranza de sábados, cadros de vacacións, respecto ás linguas das comunidades históricas, ou creación do complemento de xubilación para os traballadores e traballadoras posteriores ao ano 1980, son algúns dos elementos que marcan as brutais deficiencias dun convenio colectivo do que se pode dicir “entre todos o matamos e el só morreu”. Non debemos deixar atrás outras perlas de redacción vaga e perfectamente consolidadas como a da mobilidade xeográfica e que nun país como o noso, por orografía e dispersión da poboación, causa estragos. Para a CIG tódolos puntos susceptibles de mellora son importantes, pero.... hai algúns que nos preocupan moito, considerablemente, tales como:
Parece importar pouco que os últimos convenios asinados, por quen os asinaron, se saldaran cunha perda dun 10% do poder adquisitivo; un 32% de aumento nos beneficios empresariais; ou unha recente suba dos salarios da alta dirección cifrada nun 8%. Tampouco importa o recorte do emprego que afectou a un 25% dos cadros de persoal en 10 anos; ou os milleiros de postos de traballo destruídos pola extensión ilegal da xornada laboral. Non esquezamos compañeiros, que o convenio 2003-2004, como tódolos anteriores, saldouse cunha nova perda salarial, a do 0,7% correspondente á desviación do IPC no ano 2003. Por iso, non cabe cualificar de loucura a pretensión da CIG exposta na súa plataforma dunha suba salarial dun 6% con cláusula de revisión á alza de IPC + 2 puntos. Descoñezo que porcentaxe sobre a masa salarial supón ese aumento, pero en calquera caso, nolo deben, especialmente vostedes.
Tema dos sábados, tema tabú onde os haxa. Tema importante. Clamor por parte de tódolos traballadores/as teñan a cualificación e consideración que teñan nos diferentes casos. Materia que segue aí, suspensa “sine die”. Materia que entendemos debería terse abordado definitivamente neste convenio con seriedade e bo ánimo.
Como dicimos na miña terra “outra vaca no millo”, que en tradución libre sería algo así como “más de lo mismo”. A CIG entende que este non é un tema de carga cambiada no que se refire a establecer un sistema de previsión social complementario para os traballadores/as posteriores a marzo de 1980.
Propoñiamos na nosa plataforma a creación dunha comisión pola normalización lingüística como contribución ao uso do galego nas empresas. Velaría pola realización de cursos de idioma galego dentro do Plano de Formación Profesional; propoñiamos que a asistencia a estes cursos e o bo aproveitamento dos mesmos foran compensados cun permiso especial de dous días libres. Propoñiamos que dentro dos cursos de formación no ano 2005, un 50% foran impartidos en galego. Así mesmo, propoñiamos –para que as entidades non viviran de costas a unha realidade social evidente– que se procedera á galeguización de tódolos impresos de persoal, da normativa interna da empresa, etc...
A CIG non valorará aquí a marxinación que supón –aínda sendo o sindicato maioritario no noso país– quedar fóra dos acordos aos que se puideran chegar fóra desta mesa negociadora. Limitarémonos a informar alá, na periferia, fielmente, sinceramente, con honestidade, do que vimos, e serán os traballadores/as galegos os que farán as súas valoracións. Compañeiros, teño unha mala noticia: o punto de inflexión non se produciu, a norma segue estando –tristemente– obsoleta e afastada de toda realidade, e en canto a vostedes, señores representantes da AEB, lamento non poder devolverlles o cumprido exposto despois da súa deliberación do día anterior: A nosa central sindical non lles recoñece ningún esforzo negociador. O seu foi o non polo non.
|
|||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/05/2005 |