ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 24 de xaneiro de 2006

Propostas da CIG para un avance no autogoberno
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Propostas da CIG para un avance no autogoberno, clic para aumentar
Desde a CIG coidamos que o debate sobre a reforma autonómica debe levarse ao conxunto da poboación galega, resida onde resida, e contar coa participación e mobilización de todas aquelas organizacións e persoas que apoian estes obxectivos fundamentais para garantir a nosa identidade nacional, a xustiza social e a solidariedade, así como para acadar unha postura o máis forte posíbel no Parlamento galego e igualmente cando se debata nas Cortes do Estado español.
 
LIMIAR

Neste intre estase a debater na sociedade e nas institucións no Estado español a reforma dos estatutos de autonomía. Non é un tema secundario para Galiza e a clase obreira galega, xa que un aumento das competencias, da capacidade lexislativa e de xestión, implica un maior grao de autogoberno. Con todo, dependerá de cales sexan as forzas que exercen o poder político e do nivel de apoio social, que esta afirmación se poida facer realidade ou ficar só nunha oportunidade potencial aínda que perdida, como aconteceu nas últimas décadas.

Hai, porén, exixencias que pola súa significación e o seu carácter estratéxico, ao seren alicerces do noso ideario político sindical (como o recoñecemento do dereito de autodeterminación e do carácter nacional de Galiza e a loita pola xustiza social), non poden ficar ausentes de ningunha proposta de negociación por principio. Por máis que a correlación de forzas non sexa nestes momentos favorábel para acadar totalmente estes obxectivos, o propio feito de afondar na súa necesidade e debate xera consciencia social, acumula forzas e mesmo clarifica na xente as distintas alternativas, para no futuro poder facer realidade estes obxectivos.

Desde a CIG coidamos que o debate sobre a reforma autonómica debe levarse ao conxunto da poboación galega, resida onde resida, e contar coa participación e mobilización de todas aquelas organizacións e persoas que apoian estes obxectivos fundamentais para garantir a nosa identidade nacional, a xustiza social e a solidariedade, así como para acadar unha postura o máis forte posíbel no Parlamento galego e igualmente cando se debata nas Cortes do Estado español.


I. DEZ OBXECTIVOS PARA A REFORMA ESTATUTARIA

1. Recoñecemento da Galiza como nación e do seu dereito de autodeterminación: os poderes públicos de Galiza emanan da soberanía do pobo galego.

2. Impulso do Marco Galego de Relacións Laborais, a protección social e unhas condicións laborais dignas.

3. Inclusión dunha Carta de dereitos e deberes da cidadanía, e impulso á participación da xente nos asuntos públicos. Loita contra todo tipo de discriminación por razóns de xénero, ideoloxía, crenzas, orientación sexual ou calquera outra significación persoal ou social.

4. Promoción da nosa cultura e historia. Definición do galego como lingua nacional de Galiza; recoñecemento do dereito e o deber de coñecer o galego; promoción da comunicación e cooperación cos países de lingua portuguesa.

5. Impulso dun modelo económico autocentrado, sustentábel e solidario.

6. Novo sistema de financiamento, que tenda ao concerto económico solidario; creación dunha Axencia Tributaria propia.

7. Adaptación do Poder Xudicial ao autogoberno de Galiza.

8. Relación bilateral co Estado, sen excluír a participación en mecanismos multilaterais.

9. Participación de Galiza nas institucións da Unión Europea; recoñecemento do dereito de acción exterior.

10. Recoñecemento de novas competencias e blindaxe das existentes.


II. DEREITOS DA CIDADANÍA

a) Dereitos no ámbito laboral

• Todas as persoas teñen dereito ao traballo e a acceder a un emprego estábel, no sector público ou privado, sen discriminacións por razóns de xénero, ideoloxía, crenzas, orientación sexual ou calquera outra significación persoal ou social.

• Os traballadores e traballadoras teñen dereito a se desenvolveren profesionalmente e a accederen de forma gratuíta aos servizos públicos de ocupación, ben como a accederen á formación profesional inicial e continua.

• As persoas excluídas do mercado de traballo e as desempregadas sen ingresos suficientes, que non dispoñan de medios de subsistencia abondos, teñen dereito a percibiren prestacións ou un salario de inserción laboral.

• Todas as persoas teñen o dereito a traballar en condicións de garantía para a saúde, a seguridade e a dignidade. Os poderes públicos teñen o deber de garantir a prevención dos riscos laborais e psicosociais.

• Os traballadores e traballadoras teñen dereito ao descanso, á conciliación da vida familiar e laboral e á percepción dun salario adecuado ao custo da vida.

• Os traballadores e traballadoras, así como as súas representacións unitarias e sindicais, teñen dereito á información, consulta e participación nas empresas.

• As organizacións sindicais e empresariais teñen dereito ao cumprimento das súas funcións na negociación colectiva e á representación institucional.


b) Dereitos no ámbito social

• Todas as persoas teñen dereito a accederen en condicións de igualdade ás prestacións da rede de servizos sociais de responsabilidade pública, a recibiren información sobre estes e a prestaren o seu consentimento para calquera actuación que lles afecte, nos termos legais.

• As persoas con necesidades especiais teñen dereito a recibir atención adecuada á súa situación, co obxecto de que poidan manter a súa autonomía persoal nas actividades da vida diaria.

• As persoas en situación de pobreza teñen dereito a accederen a unha renda garantida que asegure os mínimos dunha vida digna, de acordo cos termos legais.


c) Dereitos no ámbito da vivenda

• As persoas que non dispoñan dos recursos suficientes teñen dereito a que os poderes públicos estabelezan medidas que permita o acceso a unha vivenda digna. A lei determinará estas medidas e as condicións para o seu desfrute.


III. PRINCIPIOS REITORES DA ACTUACIÓN DOS PODERES PÚBLICOS

a) Principios reitores en materia laboral

• Os poderes públicos de Galiza promoverán, conxuntamente coas organizacións sindicais e a patronal, a articulación dun modelo avanzado de relacións laborais, inspirado nos principios de solidariedade, cohesión social, desenvolvemento sustentábel e progreso material e económico, tendente á consecución dun Estado Social Galego.

• Os poderes públicos de Galiza promoverán unha distribución equitativa da renda persoal e territorial.

• Os poderes públicos de Galiza adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos laborais e sindicais dos traballadores e traballadoras, promoverán a súa participación nas empresas, as políticas de pleno emprego, de fomento da estabilidade laboral, dunhas condicións laborais e salario dignos, de formación profesional, de prevención de riscos laborais, de seguridade e hixiene no traballo, de non discriminación e de garantía do descanso necesario e as vacacións retribuídas.

• Os poderes públicos promoverán as medidas necesarias de acordo coas súas competencias en materia laboral e de función pública para garantir ás persoas o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

• Os poderes públicos de Galiza potenciarán ao máximo o Marco Galego de Relacións Laborais que responda á realidade produtiva e social específica de Galiza, no cal estarán representadas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas e as administracións públicas. Neste marco, os poderes públicos potenciaran a participación e organización da clase traballadora, o diálogo social, a negociación colectiva e a resolución de conflitos laborais.

• Os poderes públicos de Galiza estabelecerán as formas de participación das organizacións sindicais e empresariais na definición das políticas públicas que afecten aos intereses que representan.


b) Principios reitores en materia social

• Os poderes públicos de Galiza promoverán políticas públicas que fomente a cohesión social e garantan un sistema público de servizos sociais adecuado ás necesidades da cidadanía de Galiza.

• Os poderes públicos de Galiza velarán pola plena integración social, económica e laboral das persoas e colectivos máis necesitados de protección, nomeadamente daqueles que estean en situación de pobreza e risco de exclusión social.

• Os poderes públicos garantirán a calidade e a gratuidade da asistencia sanitaria pública, educación e dos servizos sociais que a lei determine como básicos.

• Os poderes públicos adoptarán as medidas necesarias para atender as situacións de axuda humanitaria aos emigrantes no exterior, facilitar e promover o acceso á información e á cultura propria, e potenciar as relacións culturais e económicas cos países nos que hai ou houbo un colectivo numeroso. Facilitarase o retorno daqueles emigrantes que o desexen. Axustarase a inmigración ás necesidades laborais, facilitarase o reagrupamento familiar, daráselles a máxima información antes e inmediatamente despois de chegar, promoverase a súa integración e perseguirase calquera tipo de discriminación.


IV. COMPETENCIAS

a) Traballo e relacións laborais

Corresponde á Xunta de Galiza a capacidade lexislativa e competencia exclusiva nas seguintes materias:

• A determinación dun marco de relacións laborais propio.

• As políticas de fomento do emprego, incluída a formación das persoas demandantes de emprego e dos traballadores e traballadoras en activo, así como a xestión das subvencións correspondentes. Cando os plans ou a execución da actividade formativa superen o ámbito territorial galego, levaranse a cabo de acordo con outras comunidades autónomas ou co Estado.

• As cualificacións profesionais en Galiza.

• A intermediación laboral, incluída a regulación, autorización e control das axencias de colocación con sede en Galiza.

• O desenvolvemento normativo da negociación colectiva e o rexistro dos convenios colectivos de traballo das empresas que realicen a súa actividade en Galiza.

• Os procedementos de regulación de emprego e de actuación administrativa en casos de traslados colectivos en centros de traballo radicados en Galiza.

• A prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde no traballo.

• A potestade sancionadora das infraccións da orde social.

• A determinación dos servizos mínimos das folgas que teñan lugar en Galiza.

• O control de legalidade e, de ser o caso, o posterior rexistro dos convenios colectivos de traballo de carácter sectorial e ámbito territorial galego ou inferior, ben como os convenios de empresas que desenvolvan a súa actividade principalmente en Galiza.

• A ordenación, o control, a coordinación e o seguimento da xestión das mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

• A xestión das políticas pasivas de emprego, que inclúe, en todo o caso, a xestión das prestacións de desemprego e o recoñecemento e pagamento das prestacións.

• A creación e regulación dos instrumentos de conciliación, mediación e arbitraxe laboral.

• A creación e regulación con carácter anual do calendario de días festivos que debe rexer en todo o territorio de Galiza.

• A creación e regulación de corpos de función pública coas atribucións de inspección en materia de traballo, emprego e seguridade social.


b) Outras políticas sociais

Corresponde á Xunta de Galiza a competencia exclusiva nas seguintes materias:

• A regulación e ordenación da actividade de servizos sociais, as prestacións técnicas e económicas non contributivas da Seguridade Social, así como as prestacións económicas con finalidade asistencial ou complementarias doutros sistemas de previsión pública.

• A regulación e ordenación das entidades, servizos e estabelecementos públicos e privados e que desenvolven servizos sociais en Galiza.

• A regulación e aprobación dos plans e programas específicos dirixidos a persoas e colectivos en situación de pobreza ou exclusión social.

• A intervención e control dos sistemas privados de protección social complementaria.

• As políticas migratorias, incluída a participación na elaboración da política estatal de inmigración e a súa xestión en Galiza.

• As políticas de igualdade de xénero.


c) Seguridade Social

Corresponde á Xunta de Galiza a competencia exclusiva nas seguintes materias:

• A ordenación e recadación do sistema da Seguridade Social en Galiza.

• A organización e administración do patrimonio e dos servizos que fagan parte do sistema da Seguridade Social no territorio de Galiza.

• A ordenación e o exercicio das potestades administrativas en relación coas mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, ben como sobre as institucións, empresas e fundacións que colaboren coa Seguridade Social.

• A ordenación da inscrición de empresas, afiliación, altas, baixas e outros actos de encadramento de traballadores e empresarios por conta propia e allea.

• A xestión dos servizos do réxime económico da Seguridade Social, que inclúe o recoñecemento e a xestión das prestacións económicas da seguridade social, así como a organización destes servizos.


V. POLÍTICA ECONÓMICA

Para unha economía como a galega, periférica a respecto da Unión Europea, sen a posibilidade de basear o seu desenvolvemento no turismo de masas ou nas finanzas, mais con potencialidades evidentes en pesca, gandaría, silvicultura, rochas, enerxía, etc., sería extremadamente grave non aproveitalas e desenvolvelas ao máximo ou aceptar limitacións políticas de calquera tipo sobre estes sectores. Queremos impulsar un modelo económico autocentrado, sustentábel e solidario, que evite a estratificación social, a marxinación, a destrución da natureza e os desequilibrios territoriais.

Dado a estreita relación que existe, poida que nesta etapa máis que en ningunha outra, entre poder político e desenvolvemento económico -mesmo a actividade empresarial privada-, é necesario e urxente contar co máximo de soberanía sobre estas áreas, ou sexa de competencias exclusivas.

Partindo desta realidade coidamos que no novo Estatuto de Autonomía débense recoller cando menos con carácter pleno as seguintes competencias:

• Agricultura e gandaría, incluída a xestión dos fondos europeos que nesta materia correspondan a Galiza e a transposición das normas europeas de regulación dos mercados correspondentes.

• Pesca, marisqueo e cultivos mariños, incluída a xestión dos fondos europeos que nesta materia correspondan a Galiza e a transposición das normas europeas de regulación dos mercados correspondentes.

• Protección e xestión do medio ambiente, incluída a titularidade sobre a zona marítimo-terrestre, a creación da Confederación Hidrografica do Miño, a declaración de impacto ambiental para calquera tipo de plan ou proxecto e a protección da paisaxe.

• Montes e política florestal.

• Ordenación do territorio, urbanismo e vivenda, incluída a xestión dos fondos estatais dedicados a plans de vivenda.

• Estradas e vías férreas que circulen por Galiza. Portos de interese xeral e aeroportos.

• Réxime dos contratos e concesións públicas, responsabilidade patrimonial da Administración, expropiación forzosa e axudas e subvencións públicas.

• Ordenación da actividade económica, política industrial e enerxética, incluído o réxime de produción e transporte de enerxía eléctrica e a xestión do plan estatal de emisión de gases de efecto invernadoiro.

• Regulación das telecomunicacións, incluída a titularidade e xestión do espazo radioeléctrico.

• Defensa da competencia.

• Comercio e consumo, incluída a fixación de horarios comerciais e o urbanismo comercial.

• Turismo, incluída a promoción exterior e o traspaso dos Paradores de Turismo.

• Caixas de aforros; ordenación do crédito, banca e seguros; mercados de valores e centros de contratación de mercadorías; creación de institucións públicas de crédito.

• Cooperativas e mutualidades non integradas na Seguridade Social.

• Corporacións de dereito público, como os colexios profesionais, as confrarías de pescadores e as cámaras de comercio, industria e navegación.

• Elaboración de estatísticas.

• Participación de Galiza nas políticas económicas, sexan de ámbito estatal ou supraestatal, que afecten directa ou indirectamente á actividade económica galega, con capacidade de veto naquelas materias que prexudiquen gravemente a nosa economía.

• Participación de Galiza na xestión do sector público estatal no noso país.

• Todo o relativo a regulación e ordenamento da actividade económica galega no que atinxe aos sectores produtivos.

Nas demais materias de competencia estatal, esta entenderase sen prexuízo da participación de Galiza na elaboración das correspondentes políticas xerais.

Con carácter xeral, o desenvolvemento e aplicación en Galiza das normas e políticas europeas corresponderá aos poderes públicos galegos.

As normas ditadas polos poderes públicos galegos prevalecerán, en caso de conflito, sobre as estatais.

O Estatuto preverá procedementos, prazos e criterios de valoración para o traspaso a Galiza das novas competencias asumidas.


VI. POLÍTICA FISCAL

O sistema tributario actual é moi complexo e difícil de comprender polos contribuíntes e de administrar polas autoridades fiscais.

A crecente globalización da actividade económica está contribuíndo a esta complexidade, polo que se está desprazando a carga impositiva cara aos factores menos móbiles, como o traballo (non só no Estado español, senón na maior parte dos países da OCDE, os impostos sobre o traballo -imposto sobre a renda e cotizacións sociais- representan en torno ao 50% da recadación total). Xunto a isto, os cambios tecnolóxicos debilitan os vínculos entre actividade económica e unha localización particular, polo que conceptos tradicionais como residencia e fonte son cada vez máis difíciles de aplicar.

Está en discusión a implantación de novas figuras tributarias, así como a modificación ou cambio dalgunha das existentes (caso do IRPF).

Alén disto, hai que engadir que a política fiscal e mais a orzamentaria son practicamente os únicos instrumentos de política económica cos que conta calquera goberno no marco da Unión Europea.

Este escenario fai necesario contar coa maior autonomía fiscal posíbel, se se quere practicar un verdadeiro autogoberno, polo que é necesaria a posta en marcha dunha axencia tributaria propia para a creación, inspección, recadación e exacción dos tributos galegos.

Xunto á transferencia dos impostos que pasamos a enumerar a continuación, a xestión dos fondos procedentes da Unión Europea por parte do poder galego, é unha das premisas fundamentais cara á unha verdadeira autonomía fiscal.

Solicitamos a plena capacidade normativa e de recadación dos seguintes tributos:

  • IRPF.
  • IVE.
  • Imposto sobre sociedades.
  • Impostos especiais.
  • Renda de non residentes.
  • Sobre prima de seguros.

As relacións de orde económica e financeira entre Galiza e o Estado español desenvolveranse e formalizaranse a través dun concerto económico que se pacte entre ambos.


Texto aprobado por unanimidade o 20 de decembro de 2005 no Consello Confederal da CIG.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princνpio


Ir α pαxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/01/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta