Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 4 de xullo de 2006

Consuelo Martínez, membro do Comité de Empresa de Povisa e Secretaria Confederal de Organización da CIG:
“CCOO, UGT e SGPS manipularon e venderon o convenio de Povisa”

 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Chelo Martínez, clic para aumentar
Consuelo Martínez: “CCOO, UGT e SGPS manipularon e venderon o convenio, regaláronlle á empresa un convenio a 3 anos que segue a deixar desprotexidos aos máis precarios, que non recolle ningunha mellora social, que non avanza en saúde laboral, que non garante dereitos para as mulleres vítimas de violencia de xénero, é dicir, un convenio que non responde ás expectativas e intereses dos traballadores/as”. (Foto: Consuelo Martínez nunha intervención na IV Asemblea Comarcal da CIG de Vigo, o 19 de novembro de 2005. ©Fernando Pol).
 
CCOO, UGT e SGPS convocaron un referendo en Povisa para que os traballadores e traballadoras apoiaran o convenio e se paralizara a convocatoria de folga. Consuelo Martínez explica como foi o proceso e afirma que este convenio segue a deixar desprotexidos aos máis precarios, non recolle ningunha mellora social, non avanza en saúde laboral, non garante dereitos para as mulleres vítimas de violencia de xénero e, sobre todo, non responde ás expectativas e intereses dos traballadores/as.


Paula Castro:
A folga estaba convocada para o día 27 de xuño. Que ocorreu para que finalmente non se celebrara nesa data?

Consuelo Martínez: O día 21 de xuño, tras intentar pactar uns servizos mínimos coa empresa que garantiran o dereito á folga, non houbo acordo, polo que se decidiu remitir as propostas da empresa e o comité de folga á Consellería de Sanidade para que mediara e decretara os servizos mínimos. Ese mesmo día mobilizáronse os traballadores e saiu de Povisa unha caravana de 150 coches con carteis alusivos á negociación do convenio colectivo e á convocatoria de folga, encabezados pola megafonía da CIG que recorreron o centro da cidade. A mobilización foi un éxito, con gran repercusión nos medios de comunicación locais, e no hospital vivíase un ambiente moi propicio para a folga, até o punto de que mesmo os contratados/as estaban participando activamente en todas as mobilizacións.

O día 22 de xuño, mantivemos unha nova reunión da mesa negociadora, na que a empresa repitiu a mesma oferta, pero engadindo para o ano 2008 un 0,5% máis de aumento salarial e redución de xornada de 1 día. Ao non aceptar regular a contratación nin a limitación dos contratos en prácticas, rematou a reunión sen acordo. Ese mesmo día celebrouse unha Asemblea de traballadores/as para informar sobre a negociación e o non acordo nos servizos mínimos. Pero para sorpresa de todos e todas, CCOO, UGT e SGPS unilateralmente, sen ter comentado nada no pleno do Comité de Empresa nin pedir opinión á Asemblea, deciden convocar un referendo para a aprobación da oferta da empresa e aprazar a folga para o día 4 de xuño.

  Mobilización Povisa, clic para aumentar
Consuelo Martínez: “Presentaremos demanda por represión sindical contra a empresa e os sindicatos convocantes do referendo”. (Foto: Consuelo Martínez, co megáfono, na mobilización do 19 de xuño de 2006 por un convenio xusto para Povisa. ©galizacig.com).
 
Paula Castro: Cal foi a posición da CIG respecto desta convocatoria?

Consuelo Martínez: A CIG manifestou na Asemblea e entregou por escrito, no pleno do Comité de Empresa para que constara en acta a súa oposición a respecto desta forma de actuar, xa que só a Asemblea ten potestade para aprazar a folga e convocar o referendo, porque foi a Asemblea quen decidiu convocala. Solicitamos tamén que ao referendo non fose convocado o colectivo médico, pois nunca participan nas asembleas de traballadores/as, o seu salario páctano individualmente coa empresa ao marxe do convenio e xa se pronunciaran en contra da folga e a favor da sinatura do convenio nunha asemblea só para médicos/as, convocada por O'MEGA (sindicato corporativo). Pero o colectivo médico aseguraba o trunfo da proposta da empresa, polo que non só se lles convoca ao referendo senón que CCOO, UGT e SGPS fan campaña entre os médicos/as pedíndolle que acudan a votar. Ademais o referendo foi convocado para votar SI para aceptar a proposta da empresa e asinar o convenio e NON ir á folga.

Paula Castro: Que pediu a CIG que se votara no referendo?

Consuelo Martínez: A CIG pediu que se votara en contra da sinatura do convenio. Ademais, o persoal que participou nas mobilizacións sentiuse estafado polas seccións sindicais convocantes e nós quedamos de novo en solitario na defensa dos intereses dos traballadores/as.

Paula Castro: Nos días seguintes a sección sindical da CIG tivo que enfrontarse a máis problemas. Podes explicar que ocorreu?

Consuelo Martínez: O día 27 solicitamos á presidenta do Comité de Empresa unha copia do censo que se ía usar para o referendo ao tempo que comunicamos os nomes dos nosos interventores/as. Porén, negáronse a recoller o comunicado, así que o entregamos no Departamento de Persoal para que se nos entregara o censo. O día 28, ás 08:00 horas deu comezo o referendo e denegóusenos o censo e o dereito a interventores. As seccións sindicais convocantes fixeron corpo coa dirección en contra dos dereitos da CIG, até o punto de que estes sindicatos avisaron á empresa para que desaloxara aos delegados/as da CIG do salón de actos no que se estaba a realizar a votación, xa que ante a falla de censo estábamos pedindo aos traballadores/as que se identificaran ante nós para poder levar control da votación.

A empresa obediente, enviou ao xefe de Persoal e ao xefe de Seguridade e expulsou aos delegados/as da CIG. Foi necesario chamar á Inspección de Traballo, ao tempo que se presentaron en Povisa o secretario comarcal e o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG. O inspector de Traballo obrigou á empresa a entregar copia do censo á CIG e a permitir a nosa permanencia no salón de actos. A esas alturas xa eran as 12:00 horas, polo que houbo 4 horas de votación que non controlamos. Alén diso, as urnas estaban tapadas cando se iniciou a votación, polo que non se podía asegurar que estivesen valeiras nese momento. Ante a nosa presenza no salón de actos e comprobar que temos o censo, as seccións sindicais de CCOO, UGT e SGPS volveron pedir á empresa que nos impedira controlar o referendo e ante a imposibilidade de facelo, chamaron ao conselleiro delegado para darlle as queixas.

Durante todo o día do referendo -a votación rematou ás 11- apareceron varios anónimos repartidos polo hospital que tiñan como único obxectivo desprestixiar á CIG e que segundo comentarios foron iniciativa da propia dirección. Tamén chegaron testemuñas de presións aos médicos para que participaran no referendo. Evidentemente toda a dirección e mandos intermedios pasaron polas urnas.

Paula Castro: Cal foi o resultado final da votación?

Consuelo Martínez: Ao final, a dirección gañou o referendo en votos: SI=515, NON=261. Censo: 1.428. Pero sobre todo, perderon CCOO, UGT e SGPS. Manipularon e venderon o convenio, regaláronlle á empresa un convenio a 3 anos que segue a deixar desprotexidos aos máis precarios, que non recolle ningunha mellora social, que non avanza en saúde laboral, que non garante dereitos para as mulleres vítimas de violencia de xénero, é dicir, un convenio que non responde ás expectativas e intereses dos traballadores/as.

Paula Castro: Adoptará a CIG algunha medida ante esta situación?

Consuelo Martínez: Presentaremos demanda por represión sindical contra a empresa e os sindicatos convocantes do referendo.

Paula Castro: En que consiste o novo convenio?

Consuelo Martínez: Non temos información, cando estivemos presentes en todas as reunións da mesa negociadora. Nin nos chamaron para a súa redacción, nin se nos deu explicación sobre algún punto que din que está negociado como promoción interna ou permisos retribuídos. Tampouco sabemos se nos chamarán para a sinatura do Convenio ou se CCOO, UGT, SGPS, O'MEGA e Empresa xa decidiron que a CIG non vai asinar este convenio.

 
 

Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.

  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/07/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta