|
Actualidade CIG-Comunicación-
A denuncia das contrarreformas laborais e dos recortes das prestacións sociais que se veñen producindo nos últimos anos, coa connivencia dos sindicatos españois CCOO e UGT, foron -xunto coa demanda de que o pobo galego vexa recoñecido o seu dereito de autodeterminación- os aspectos nos que se centraron os discursos dos secretarios comarcais e do propio secretario xeral, Suso Seixo, nas nove manifestacións que a CIG tiña convocadas con motivo do 1º de Maio.
A manifestación central, e tamén a máis numerosa (arredor de 8.000 traballadores e traballadoras), foi a celebrada en Vigo, á que asistiu o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. Na súa intervención, Seixo, explicou as razóns polas que a CIG aproveitou unha data tan significativa como esta para manifestar a súa frontal oposición aos recortes das prestacións sociais, nomeadamente das pensións, a debate no Congreso dos Deputados. Deste xeito, lembrou que esta nova proposta de contrarreforma saiu das propias mesas de diálogo social, nas que están participando as centrais sindicais CCOO e UGT, e advertiu dos grandes custos que terán para a clase traballadora. Sinalou que o que se pretende é exixir ter como mínimo 15 anos de cotización para ter dereito a unha pensión de xubilación; que serán especialmente prexudiciais para os contratos a tempo parcial, afectando, fundamentalmente ás mulleres e aos mozos e mozas; que dificultará tamén o acceso a unha xubilación parcial mediante un contrato de relevo e que se exixirá ter cotizados como mínimo 30 anos, ter 61 anos cumpridos e unha antigüidade mínima na empresa de 6 anos, alén de fomentar o atraso da xubilación máis alá dos 65 anos. O secretario xeral da CIG advertiu tamén que estas propostas veñen sempre acompañadas de chamamentos á necesidade de fomentar o sistema privado de pensións, como un sistema paralelo ao público ao que, loxicamente, só poderán recorrer aquelas persoas que teñan maiores rendas. Porén, Suso Seixo lembrou aos asistentes que esta contrarreforma segue o camiño das emprendidas polo PP. Un camiño no que agora o PSOE pretende afondar e exixiu que se garanta o sistema público de protección social, fundamental en calquera sistema democrático.
A este respecto, Suso Seixo explicou que a reclamación do dereito de autodeterminación para Galiza é unha reivindicación histórica da CIG, que parte de que Galiza é unha nación dentro do Estado español e, polo tanto, entre os dereitos democráticos que ten, como teñen todas as nacións nos sistemas democráticos do mundo, é o dereito á autodeterminación. Un dereito polo que a CIG traballa todos os días de cara a conseguir que se faga efectivo.
Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, tamén interveu no remate desta mobilización na Porta do Sol para facer énfase no distinto modelo sindical que representa a CIG “nos obxectivos e en como chegar a eles; mentres nos denunciamos o papel das mutuas e do INSS polo que fan, eles calan, nós denunciamos a nova reforma laboral que volve abaratar os despedimentos, e mentres eles asinan esta reforma, a nova reforma das pensións que complican o aceso ás proteccións sociais e os pactos en Madrid de contención salarial”. Nese sentido, Abraldes subliñou que a acción sindical da CIG visibiliza que “onde nós estamos os traballadores gañan”, e lembrou os conflitos que nestes momentos están abertos na comarca de Vigo como a folga da ITV, a folga do naval, as mobilizacións no Sergas pola carreira profesional ou o conflito polo convenio da Construción. Así, Abraldes engadiu para rematar a necesidade de facer efectiva a reclamación histórica dun marco galego de relacións laborais xa que “queremos que Galiza sexa soberana, para poder decidir, para acadar xustiza social e redistribuír a riqueza; nós non baixamos os brazos, continuaremos até a vitoria final”.
En A Coruña déronse cita arredor de 1.200 persoas. A marcha partiu ás 12:00 horas da Praza de Vigo e concluíu tres cuartos de hora máis tarde no palco da música dos Xardíns de Méndez Núñez. O secretario comarcal, Paulo Carril, deu conta no seu discurso dos recortes na protección social que se están a dar por mor das sucesivas reformas e pactos sociais asinados polos sindicatos UGT e CCOO, o Goberno español e a patronal. Carril vencellou a loita pola dignificación das condicións do proletariado galego co dereito á autodeterminación da Galiza. Reclamou un país soberano e enfatizou na necesidade de atinxir un marco galego de relacións laborais propio con plenas competencias. O secretario comarcal coruñés lembrou os conflitos laborais máis significados da comarca (Atento, auxiliares do carbón, mariñeiros de Punta Langosteira, traballadores/as do Concello de A Coruña...) e lembrou que “o sindicalismo nacionalista é necesario para un avance real e este non vai vir dado senón é pola mobilización, pola organización e pola nosa capacidade de organización”.
Do mesmo xeito que noutras manifestacións da CIG, a marcha de Ferrol, á que acudiron 1.000 persoas, estivo marca pola chuvia. Comezou ás 12:00 horas na Avenida de Esteiro e rematou unha hora despois no Cantón de Molíns. O secretario comarcal, Xesús Anxo López Pintos, denunciou a redución das prestacións sociais que están a acometer o sindicalismo español, o Goberno do Estado e mais os empresarios. López Pintos explicou que actualmente a unidade de acción con UGT e CCOO só se pode dar “puntualmente nalgúns conflitos en empresas, mais nunca en datas sinaladas como o 10 de Marzo e o Primeiro de Maio”. “Somos combativos, somos nacionalistas mais non pactistas e tampouco temos que responder ante as cúpulas sindicais de Madrid”. O responsábel comarcal fixo fincapé no seu discurso ao dereito á autodeterminación nacional: “Traballamos día a día para conseguir a autodeterminación da Galiza, que é un dereito democrático recoñecido pola ONU para os pobos”. Por outra banda, López Pintos recordou os últimos procesos xudiciais abertos contra a CIG en Ferrol. O secretario comarcal ferrolán foi condenado a indemnizar ao propietario da Electra de Narahio con 220 euros, ademais de ter que pagar unha multa de 85 euros, pois foi acusado de ter sido o autor duns supostos danos materiais na casa deste empresario, logo dunha concentración laboral diante da súa vivenda. A sentenza está recorrida. A outra causa aberta contra a CIG-Ferrol está relacionada coa paralización que fixo o sindicato, durante dúas horas e media, dunha obra en Mugardos na que cinco traballadores portugueses levaban meses sen cobrar e na que tres operarios brasileiros traballaban sen papeis. Todos estes obreiros estranxeiros foran enganados e estafados por unha subcontrata portuguesa que prestaba servizo para unha importante empresa galega da construción. O responsábel da empresa principal desta obra de Mugardos solicítalle unha indemnización de 16.000 euros a López Pintos. Por último, o secretario comarcal da CIG-Ferrol apoiou as loitas dos traballadores do ensino polo mantemento da xornada matinal en xuño e setembro, a dos empregados do Concello de As Pontes (que levan tres anos en conflito), a do persoal de Correos ou a dos traballadores do Hotel Sarga (Cabanas) pola defensa dos seus postos.
A CIG-A Mariña celebrou o Día do Internacionalismo Proletario cunha manifestación que percorreu as rúas de Viveiro, á que se sumaron perto de 200 persoas. O secretario comarcal, Xorxe Caldeiro, asegurou que a CIG “reclama o mantemento dun sistema público de protección social, para defender a súa fortaleza”. Caldeiro explicou que o PSOE, co reforma das pensións que se está a tramitar nas Cortes españolas, “non revalorizará as pensións en función da inflación, senón por debaixo, iniciando un camiño perigoso, que conduce a sistemas de capitalización xa experimentados noutros países e con resultados certamente devastadores para as clases máis desfavorecidas. Loxicamente van contar co aplauso dos tabeiróns financeiros que xa esfregan as mans ante as expectativas de lucro que se abren, ademais do apoio do PP”. Sobre o sindicalismo español, Caldeiro sinalou que “UGT e CCOO seguirán xogando ese papel ao que nos teñen acostumados pois seguirán tragando con todo o que lles poñan diante: reformas, paz social, moderación salarial, convenios estatais. Se non que llo pregunten aos compañeiros e compañeiras das conserveiras, ou aos das piscifactorías, que a pesar de estar radicadas no 90% no noso país, viron como se lles arrebataba o dereito de negociación dos seus convenios e asinaban dende Madrid uns que están por baixo das demandas dos sectores afectados”, apuntou. O responsábel comarcal de A Mariña acusou a UGT e CCOO de “negociar de costas ás traballadoras e traballadores, chegar a acordos baleiros de contido, non informar, desmobilizar. Fixérono nos pactos de Madrid e Santiago, nos convenios provinciais de Lugo e o fixeron aquí en Alcoa e noutras empresas da nosa comarca”. Caldeiro contrapuxo este modelo sindical ao da CIG, que é “un sindicato mobilizador, asembleario e que os desenmascara”.
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, lembrou ás arredor de 800 persoas a última reforma laboral, a sinatura do Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva, a reforma das pensións e as consecuencias que tiveron para a clase traballadora. Consecuencias que coñecen as traballadoras e os traballadores porque xa as están vivindo. Alén diso, denunciou “como os empresarios e os sindicatos estatais se reparten os delegados nas eleccións sindicais a cambio do seu silencio nos conflitos e da súa xenerosidade nas mesas de negociación. Claro, que a iso chámanlle sindicalismo moderno, sindicalismo do século XXI ou ter capacidade de diálogo”. Ferreiro convidou aos asistentes a facer unha reflexión sobre dúas cuestións: por unha banda, a marcar ou delimitar quen son os culpábeis de que isto aconteza, “quen por acción ou omisión son os responsábeis de que ano tras ano esteamos a falar do mesmo”. Pola outra, a reflexionar sobre o que sde pode facer para combater esta situación. Deste xeito, como culpábeis sinalou ao “poder económico encarnado nuns empresarios que centran o seu único fin en incrementar beneficios; o seu brazo político, o goberno que toque en cada momento e os grandes ‘colaboracionistas’: os sindicatos estatais que día tras día cometen un acto de cinismo, recoñecen publicamente unha precariedade en aumento, recoñecen a perda de poder adquisitivo dos asalariados e, ao mesmo tempo, non teñen pudor algún en sentarse cos mesmos que provocan a situación e asinar outra batería de medidas destinadas a incrementar o que o día anterior denunciaban”. A respecto do que se pode facer para combater esta situación, Ferreiro apostou pola CIG. Por un modelo de sindicalismo “reivindicativo, mobilizador e situado a carón do traballador ou traballadora que fai que o proxecto do sindicalismo nacionalista teña máis potencial cada día”. Malia todo, nesta reflexión, o secretario comarcal de Lugo lamentou que “a situación non mellora e o país, no canto de avanzar, parece que vai cara atrás” e demandou “algo máis, algo que nos dea resultados que poidamos medir e pesar”. Ese outro “algo” sería, segundo Ferreiro “a nosa vertente de nacionalistas”. Por iso afirmou que “é imprescindíbel que xunto ao noso modelo sindical distinto manteñamos tamén a nosa diferenciación ideolóxica, reforzándoa e intentando espallala entre a Clase Traballadora”, Por iso exixiu “maiores taxas de autogoberno, un auténtico Marco de Relacións Laborais e un verdadeiro Estatuto de Nación onde nós decidamos a relación que desexamos ter co estado: en definitiva, non hai avance sen autodeterminación”.
En Ourense congregáronse arredor de 600 persoas e, ao final da marcha deuse lectura a un manifesto no que se sinalou como principal problema da clase traballadora a perda de moitos dos dereitos e melloras sociais acadados ao longo de anos de loita, por mor das sucesivas reformas laborais. Perdas ás que agora habería que engadir tamén as provocadas polos recortes do sistema de protección social e das que se responsabilizou aos sindicatos españois UGT e CCOO e ás Patronais dos empresarios. “Estamos pois, grazas a este sindicalismo de pactos e aos gobernos que aceptan e impulsan as políticas neoliberias do FMI e das grandes multinacionais, nunha situación de maior indefensión diante do despedimento libre só asistido dunha indemnización cada vez máis reducida; estamos diante da fraude continuada na contratación que fomenta a eventualidade e a precariedade laboral; estamos diante dunhos salarios reducidos e limitada a súa suba a unhos indices do IPC falseados e moitísimo máis baixos co custe real da vida; estamos diante do imcumplimento sistematico das normas de Saúde Laboral”. Centrando esa problemática no caso de Ourense explicouse tamén que os efectos desta reforma sentíranse moito máis, “pois xa hoxe somos a provincia coas pensions máis baixas do Estado español cunha pension de xubilación media de 536 euros, sendo a media estatal de 756 euros. Se xa somos hoxe os que en peor situación estamos, imaxinádevos como será se a reforma vai adiante”. Diante desta dramática situación fíxose un chamamento a reaccionar á vista de que “os traballadores e traballadoras ourensáns imos ser dos mais perxudicados, por iso somos os máis interesados en denunciar e frear esta reforma”. No manifesto tamén se fixo fincapé na necesidade de conseguir un Marco Galego de Relacións Laborais, competencias para poder lexislar a favor dos traballadores e traballadoras, unha maior capacidade e influencia na organización dos nosos sistemas productivos e na defensa dos intereses economicos do país e, en consecuencia a necesidade de ter soberania política e polo tanto, que se vexa recoñecido “o dereito democrático de autedeterminacion para a nosa nación”.
En Compostela, asistiron á manifestación arredor de 500 persoas. Anxo Noceda, secretario comarcal, interviu ao remate da mesma para denunciar tamén o papel xogado por CCOO e UGT nas sucesivas contrarreformas laborais e acusou a estas organizacións sindicais de “claudicar diante do goberno e da patronal”, mentres en Galiza milleiros de Traballadores e Traballadoras do Metal de Pontevedra escomenzaban unha Folga e saían á rúa precisamente para rematar coa precariedade e eventualidade laboral existente no seu sector e para dignificar as suas condicións laborais. Deste xeito, e tomando como exemplo as mobilizacións do Metal de Pontevedra, Noceda estableceu unha diferenciación entre o modelo sindical polo que apostan os sindicatos españois e o modelo polo que aposta a CIG “dúas maneiras ben distintas de traballar sindicalmente: unha escurantista, claudicante, pactista e regresiva, á dos sindicatos españolistas, e outra participativa, mobilizadora e que ten na unidade de clase e na loita o seu maior valor, a do sindicalismo nacionalista e de clase, a da CIG”. Do mesmo xeito, e tamén para evidenciar esas diferenzas, o secretario comarcal de Compostela lembrou que fronte aos recortes das prestacións sociais propiciados por CCOO e UGT “dende a CIG viñamos e seguimos loitando na procura de formulas que nos permitisen, na práctica, adiantar a idade de xubilación, tal e como conseguimos levar á práctica en diferentes sectores no Metal e na Madeira de A Coruña, en Ramsa, Traplusa, a Limpeza da Xunta e dos Hopitais”. Exemplos aos que engadiu as mobilizacións pola readmisión de traballadores e traballadoras, entre outros, en Pousadas de Compostela, Pizza Hut, o Aparcamento de Lavacolla, que foran despedidas polo simple feito de querer concorrer ou ter concorrido nas eleccións sindicais nas candidaturas da CIG; as mobilizacións no Centro de Transfusións en contra da discriminación laboral e salarial; a loita en Prosegur na defensa do mantemento dos postos de traballo; as mobilizacións pola supresión das horas extras en Lorenzo Froiz; as campañas na defensa de que a Residencia da Volta do Castro fose pública; as mobilizacións pola estabilidade laboral no Ensino Público e na CRTVG, e máis recentemente as mobilizacións en demanda dun cambio de trazado do TAV que impida que centos de traballadores/as se vaian á rúa na Mina de Serrabal. Noceda fixo especial mención á loita levada a cabo polas traballadoras da Limpeza do Concello, que “despois de 58 dias de folga foron quen de rematar coa discriminación que tanto a nivel económico como en dereitos laborais viñan padecendo dende había anos. Conflito que, ademais de ser unha clara mostra práctica de mobilización e unidade, tamen ten o significado dunha loita pola dignidade da muller traballadora e unha denuncia das politicas privatizadoras das administracións, xa que ao único ao que teñen contribuído é á precarización dos servizos privatizados”. O secretario comarcal de Compostela salientou que “todas estas loitas non podemos entendelas como feitos illados, non se poden quedar exlusivamente en loitas puntuais, senón que todas elas a vez forman parte e emanan dunha única loita, polo que o seu fin último ten que ser contribuír a unha modificación radical tanto dos nosos actuais marcos laboral e nacional, pois temos claro que a loita por un emprego estábel e de calidade, o aceso a un sistema público de prestacións sociais digno, a defensa dos nosos sectores productivos, a reversión da privatización dos servizos públicos, o dereito a vivir e traballar na nosa nazón so van ser poder desenvolvidos dentro dun Marco Galego de Relacións Laborais, Marco que para ser plenamente desenvolvido require da Soberanía Nacional da Nosa Nazón, Galiza, nen como galegos e galegas, nen como traballadores e traballadoras, conseguiremos ser plenamente libres sen exercitar o dereito de autodeterminación da nosa Patria”.
Á manifestación de Ribeira asistiron 125 persoas. Xan García, responsábel da Unión Local explica que a importancia do número de asistentes vén dada, sobre todo, porque se trata dunha mobilización que a CIG pretende recuperar logo de que transcorreran case que 15 anos sen organizarse na comarca. “O noso obxectivo é recuperar paseniño a tradición de conmemorar a data do 1º de Maio. Este é o terceiro ano que a convocamos e pouco a pouco imos sumando máis”, sinala García. Na súa intervención, o responsábel da Unión Local, alén de rexeitar as políticas pactistas dos sindicatos españois CCOO e UGT, centrouse na situación da comarca do Barbanza. Unha comarca que ostenta a nada envexábel marca de ser a área na que se fixeron menos contratos indefinidos “mesmo coa reforma recén asinada, na que se aseguraba que se multiplicarían este tipo de contratos”. García denunciou, xa que logo, as altas taxas de precariedade que padecen as traballadoras e traballadores do Barbanza e mesmo a ausencia de dereitos que teñen, sobre todo nas fábricas. Dereitos que non son respectados nin cando queren presentarse a unhas eleccións sindicais pola CIG, para defender así melloras nas súas condicións laborais. Neste sentido puxo como exemplo o caso de Congalsa, unha empresa de alimentación cun convenio de empresa que deixa aos traballadores/as nunha situación lamentábel e na que a CIG, malia as presións recibidas, conseguiu uns excelentes resultados. Situación que se vén repetindo nos últimos meses noutras fábricas como Procesados Pesqueiros, onde mesmo o candidato que menos votos obtivo (21), quedou moi por riba do candidato da UGT que máis apoios recibiu (12). Xan García tamén salientou as ameazas de despedimento en Mar de Couso, que foron freadas polas mobilizacións organizadas pola CIG e que supuxeron un importante medre no número de delegados, o mesmo que aconteceu en Conservas Cortizo. “Isto constata que a mensaxe da CIG é ben recibida polas traballadoras e polos traballadores e que a xente responde como respondeu aínda existindo represión sindical”.
A mobilización que a CIG convocou en Pontevedra, e que partía da Praza da Ferrería, foi a máis numerosa nesta comarca, da que participaron máis de 800 persoas. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/05/2007 |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|