ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 27 de setembro de 2007

Sairá ás 11:30 da Praza do Rei
A CIG de Vigo apoia a manifestación deste domingo en bicicleta pola mobilidade sostíbel

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Vive Vigo en bici; clic para aumentar
Vive Vigo en bici. Polo uso da bici, por espazos e vías ciclistas, por un transporte sostible e ecolóxico.
 
Este domingo 30 de setembro, despois de celebrarse a semana da mobilidade en toda Europa, a cidade de Vigo tomará o relevo na reivindicación dunha mobilidade máis sostíbel e unha cidade máis humana con unha manifestación en bicicleta, convocada pola Asociación de Amigos e Usuarios da Bicicleta ‘A Golpe de Pedal’, e apoiada pola CIG, que sairá ás 11:30 da Praza do Rei e que despois dun itinerario urbano rematará na Porta do Sol.

O obxectivo desta manifestación é “poñer en valor o uso da bicicleta en todos os ámbitos, xa que a bicicleta fai a cidade a escala humana, a bici achega e une”. Desde o colectivo convocante ‘A Golpe de Pedal’ reivindican a través desta marcha “a revalorización social da bicicleta, o seu uso popular e a consideración como medio de transporte san e ecolóxico, unha rede de infraestruturas que mellore a seguridade do ciclista e integre, a súa vez, as persoas discapacitadas na mobilidade urbana”.

O percorrido que sae ás 11:30 da Praza do Rei é o seguinte: Praza do Rei, Cachamuiña, Falperra, Pi i Margall, López Mora, Praza de América, Avenida de Castrelos (parada 5 minutos), Alcalde Portanet, Rúa Citroën, Zona Franca, Rotonda de San Andrés de Comesaña, Avenida da Florida, Travesas, Avenida Camelias, Álvaro Cunqueiro, Avenida Camelias, Venezuela, Pizarro, Travesía de Vigo, Numancia, Dr. Canoa, Isaac Peral, García Barbón, Policarpo Sanz, Porta do Sol. Chegada e lectura de manifesto.

A continuación reproducimos o manifesto ao que se dará lectura o vindeiro domingo nesta mobilización.


Por unha mobilidade máis sostible
e unha cidade máis humana

Este 30 de setembro de 2007, despois de celebrarse a semana da mobilidade en toda Europa, estamos aquí manifestándonos para reivindicar unha mobilidade máis sostible e unha cidade máis humana. Facémonos eco, en primeiro lugar, do manifestado pola Organización Mundial da Saúde, o Worldwacth Institute, a Unión Europea, a Conferencia Mundial da Bicicleta, a Carta de Aalborg, etc… en canto a que as avantaxes individuais e colectivas da circulación en bicicleta son enormes: mellora a saúde, non contamina, proporciona autonomía, é barato, eficiente, rápido, ocupa pouco espacio e nos descobre unha cidade a escala humana. É por isto que,

• Pedimos ás administracións estatal, autonómica e municipal ante todo a promoción do uso da bicicleta como medio de transporte. Queremos ir a traballar, a estudar e a divertirnos de outro xeito.

• Pedimos que se poña en valor o uso da bicicleta en todos os ámbitos: paseo, emprego divertido do tempo de lecer, saúde, deporte e transporte sostible.

• Pedimos planificación: plan de mobilidade sostible e plan director da bicicleta.

• Pedimos unha rede de infraestruturas urbana e interurbana (Vías ciclistas, carrís bici, percorridos ciclistas, sinalización, aparcadoiros…) que melloren a seguridade do ciclista e que integren aos peóns e ás persoas discapacitadas na mobilidade da cidade.

• Pedimos a intermodalidade no transporte, facilidades na combinación de bicicleta e transporte público (Tren, autobús...).

• Pedimos educación: formación e información sobre seguridade vial, circuítos de educación vial e respecto ao ciclista como usuario da vía pública.

• Pedimos sensibilización á cidadanía sobre os beneficios do uso da bicicleta e a promoción do ciclismo desde a infancia.

• Pedimos aos medios de comunicación que dean un apoio decidido á recuperación dos modos de transporte máis sostibles, como o camiñar e o ir en bicicleta.

• Comprometémonos a promover o respecto e a tolerancia entre todos os medios de transporte, sobre todo entre peóns e ciclistas, con todos os medios ao noso alcance, e a difundir as normas de condución e de convivencia que hai que cumprir para conseguilo.

• Comprometémonos a traballar pola cultura da bici e a defender o dereito de ir en bicicleta, así como a difundir todo o exposto neste manifesto.

• E por último, pedimos á cidadanía que non se canse de reivindicar, barrio por barrio, unha cidade a escala humana, liberada das supostas necesidades do coche. O uso do coche e da moto ten que ser moito máis racional e intelixente; pedímolo, porque queremos e cremos que a saúde física e mental, a economía, a limpeza, a cohesión social, a independencia, a calidade dos espazos públicos, a mobilidade sostible e a vida, poden ir da man.

MOITAS GRAZAS.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/09/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta