ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 23 de febreiro de 2008

Conseguen tirar compromisos
As redeiras ocupan a Inspección de Traballo e a Xunta en Vigo para reclamar medidas contra o furtivismo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  As redeiras ocupan a Inspección de Traballo de Vigo; clic para aumentar
As redeiras ocupan a Inspección de Traballo de Vigo; clic para aumentar
As redeiras ocupan a Inspección de Traballo de Vigo; clic para aumentar
  As redeiras ocupan a Inspección de Traballo de Vigo; clic para aumentar
Na porta da Delegación de Inspección de Traballo dez mulleres portaban unha faixa co lema “Enredadas na ilegalidade”, e no interior o resto do grupo despregaba dúas faixas máis cos lemas “Redeiras a pagar, ilegais a cobrar”, e “A desidia da Inspección condénanos á extinción”.
As redeiras ocupan a Delegación da Xunta en Vigo; clic para aumentar
As traballadoras decidiron tamén ocupar a Delegación da Xunta, e solicitar unha xuntanza co delegado de Traballo, Pedro Borrajo, para reclamar tamén desta Consellaría da Xunta o compromiso de solucionar o seu conflito de intrusismo.
As redeiras ocupan a Delegación da Xunta en Vigo; clic para aumentar
Evangelina Martínez, presidenta Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, sinalaba que “levamos máis de tres anos loitando para que esta situación cambie e non se están tomando medidas nin desde a Administración nin desde Inspección de Traballo”.
As redeiras ocupan a Delegación da Xunta en Vigo; clic para aumentar
As redeiras foron desaloxadas con empurróns e un importante dispositivo policial, mesmo identificando a algunhas das presentes. Porémn continuaron concentradas fora até que pasadas as dúas e media da tarde saíron as súas compañeiras da xuntanza. (Fotos: ©galizacig.com 22/02/2008).
Enredadas na (i)legalidade
Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 4'36'', espazo en disco: 18.383.942 bytes [17,5 Mb]). Realización: Zélia García.
 
O venres 22 de febreiro desde ás dez da mañá comezaba unha xornada de reivindicación e visibilización dos dereitos das redeiras, que desde distintos portos de Galiza chegaron a Vigo para reclamar que se tomen medidas para rematar co traballo ilegal deste oficio, que xa supón un 67%, e que dana gravemente ao sector.

Desde Cangas, A Guarda, Aguiño, Porto do Son, Panxón, Malpica e Laxe chegaron a primeira hora da mañá preto de sesenta redeiras pertencentes á Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao. Evangelina Martínez, presidenta desta asociación, desde a estación marítima de Vigo sinalaba que “levamos máis de tres anos loitando para que esta situación cambie e non se están tomando medidas nin desde a Administración nin desde Inspección de Traballo”.

A situación que viñan denunciar era a de máis de 700 traballadoras en Galiza que son redeiras, que cotizan como autónomas e cumpren coas obrigas fiscais, e que están a ficar sen traballo mentres “hai xente que está a traballar ilegalmente, e non só e que quedemos sen traballo senón que son eles os que fixan os prezos, que son irrisorios, e que non nos permite cumprir con estas cotizacións tendo que traballar a eses prezos”, engadía.

Denuncian que moitas destas persoas son xente xubilada ou simplemente xente que está en activo e non cotiza, e que por culpa desta situación hai redeiras que están a traballar por dous euros á hora. Os portos nos que a situación que viven é máis dura son os portos de A Guarda, Malpica, Ribeira e Laxe, onde a maioría da xente que está a traballar é ilegal. Tamén denuncian a discriminación de xénero que sofren, xa que os redeiros cobran máis que as redeiras por desenvolver o mesmo traballo, e son asalariados.


Ocupación de Traballo

Pasadas as dez e media da mañá estas redeiras, acompañadas do secretario nacional do sector do Mar da FGAMT, Xabier Aboi, e Suso García, secretario da Unión Local da CIG de O Morrazo, ocuparon a Inspección de Traballo, xa que reclamaban que “se faga responsábel, que vaia aos portos e realice inspeccións”.

Na porta da Delegación de Inspección de Traballo dez mulleres portaban unha faixa co lema “Enredadas na ilegalidade”, e no interior o resto do grupo despregaba dúas faixas máis cos lemas “Redeiras a pagar, ilegais a cobrar”, e “A desidia da Inspección condénanos á extinción”.

Entre berros de “Inspección solución”, unha delegación da Federación de Redeiras, acompañadas de representantes da CIG conseguiron manter unha xuntanza co xefe da Inspección de Traballo de Vigo, Xosé Casas de Ron.

Despois de máis dunha hora na que as redeiras expuxeron a súa situación, e mesmo ameazaron coa posibilidade de facer que nesta campaña se visibilizara o seu conflito, e tamén demandaron solucións e compromisos concretos, conseguiron que Inspección se comprometera a xuntar a todas partes nunha reunión para avaliar a situación e actuar. Nesta xuntanza habería unha representación de Portos de Galicia, a Consellaría de Pesca, a Consellaría de Traballo, Inspección de Traballo e Facenda, ademais das traballadoras. Tamén fixouse o compromiso de que esta xuntanza tería que darse antes do remate da campaña electoral.


Ocupación da Delegación da Xunta

Despois desta primeira ocupación durante máis de dúas horas, as traballadoras decidiron tamén ocupar a Delegación da Xunta, e solicitar unha xuntanza co delegado de Traballo, Pedro Borrajo, para reclamar tamén desta Consellaría da Xunta o compromiso de solucionar o seu conflito de intrusismo e a dura situación laboral que están a enfrontar.

Do mesmo xeito que acontecera na Inspección unha delegación da Federación de Redeiras acompañadas de representantes da CIG mantivo unha xuntanza co delegado de Traballo. Media hora despois de que chegaran as redeiras, e permaneceran con berros e cánticos no hall da Delegación da Xunta, e por orde da Consellaría da Presidencia, as redeiras foron desaloxadas con empurróns e un importante dispositivo policial, mesmo identificando a algunhas das presentes.

As redeiras continuaron concentradas fora até que pasadas as dúas e media da tarde saíron as súas compañeiras da xuntanza, na que Traballo se comprometeu a chamar a este colectivo de traballadoras entre o luns e martes próximo para manter a xuntanza con todos os axentes responsábeis na situación que viven as redeiras.

O colectivo de redeiras ao final desta xornada manifestou que “estamos contentas cos compromisos que obtivemos hoxe pero temos que agardar a que se concreten, e que podamos falar de que a nosa situación cambiou, porque senón continuaremos loitando de todos os xeitos posíbeis para que así sexa”.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta