|
Actualidade CIG-Comunicación-
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, recordou no seu discurso o éxito que obtivo o sindicalismo nacionalista no período electoral que acaba de concluír, ao se converter a CIG na segunda central da Galiza en canto a representación. Seixo relacionou estes bos resultados co alto grao de confianza do que goza a CIG nos centros de traballo. A clase traballadora, explica Seixo, é coñecedora de que a central “non renuncia aos principios de sindicato nacionalista, de clase e de transformación do país”, ademais de non claudicar ante o poder e as prebendas que este ofrece. Por tanto, o obxectivo que se marca a CIG para os próximos catro anos é situarse como primeiro sindicato da Galiza, reto perfectamente asumíbel, pois a central nacionalista ficou a tan só tres puntos da UGT neste último período de eleccións. En relación cos traballadores da Construción de Pontevedra, o secretario xeral salientou as conquistas que obtiveron grazas as mobilizacións que protagonizaron o ano pasado. Estas melloras non só supuxeron subas salariais, senón tamén a consecución de dereitos sociais dos que nunca gozaran os operarios do sector. Seixo destacou o feito de que a CIG liderase este conflito grazas a ser o sindicato maioritario na Construción en Pontevedra, con máis do 50% da representación. Xoán Xosé Melón, secretario nacional da Federación da Construción, foi un dos encargados de recoller o galardón. Melón dedicou unhas palabras emotivas a Lois Obelleiro, recentemente finado, “compañeiro entregado en corpo e alma á clase traballadora galega e á CIG”.
Xosefa Baamonde, de CIG-Ensino, foi a outra homenaxeada na gala, en recoñecemento ao labor sindical que vén desenvolvendo desde que participou na fundación da UTEG, en 1974, até hoxe, e o seu incondicional compromiso con Galiza e a nosa lingua. Non se pode esquecer a enorme dedicación de Xosefa Baamonde á defensa do idioma, loita que lle ocasionou represalias como a sanción que sufriu en 1981 por ser unha das primeiras docentes que impartiu aulas en galego. A gala finalizou coa actuación musical do dúo conformado por Mini e Mero, que deleitaron os presentes cun breve percorrido polo seu repertorio de música tradicional, patriótica e antifascista. O acto foi clausurado posteriormente co canto do Himno Nacional.
En febreiro de 2007, cos resultados definitivos das eleccións sindicais no sector da Construción, constatouse que a CIG, co 51% dos delegados e delegadas, pasou a ser a primeira forza na provincia de Pontevedra e a segunda en Galiza. Con este incremento abriuse un novo escenario e mudaron radicalmente as formas de negociación colectiva que viñan aplicando os sindicatos estatais até o momento. A CIG comezou a convocar asembleas cunha alta participación de traballadores. A eventualidade, a sinistralidade, as xornadas abusivas, os incumprimentos en materia de vacacións, a descarada sobreexplotación de traballadores inmigrantes e os abusos cometidos amparándose nos contratos por obra configuraban un panorama contra o que a CIG e os traballadores no seu conxunto estaban dispostos a loitar. A negociación do convenio colectivo, que tanto a patronal como CCOO e UGT pretendían condicionar á sinatura do convenio estatal, provoca, no mes de maio do ano pasado, que a CIG-Construción anunciase a convocatoria de mobilizacións e dunha folga inminente. Era a primeira en 18 anos e os traballadores afectados, nin máis nin menos, que 45.000. As primeiras xornadas de folga, os días 23 e 24 de maio, son un éxito malia non obter resposta da patronal. A partir de aquí abriuse a porta á convocatoria dunha folga indefinida, logo de celebrárense concentracións, manifestacións e múltiples asembleas. O xoves 27 de setembro, reuniuse a Executiva Comarcal da CIG-Construción de Vigo para ultimar os preparativos da folga da Construción que se iniciou o 2 de outubro. Ese mesmo día remataban as asembleas convocadas en toda a provincia por mor da convocatoria da folga. Unhas asembleas nas que os traballadores manifestaron, de forma unánime, o seu apoio aos paros ao estaren “fartos de padecer a degradación continua das condicións laborais, a cambio duns salarios que a duras penas serven para atender as necesidades básicas das familias”. Se xa nos primeiros días da folga a participación foi masiva, os traballadores redobraron o seu compromiso con manifestacións multitudinarias nos días posteriores. O 15 de outubro as asembleas de traballadores ratifican o acordo. O resultado, un convenio no que se conseguiu unha suba salarial lineal do 5 por cento para todas as categorías, á que hai que sumar un complemento de 4 euros no caso dos axudantes, 8 euros para os oficiais de segunda e 12 euros para os oficiais de primeira. Ademais, estableceuse unha cláusula de revisión salarial, que é independente dos complementos no caso de que o IPC superase o 2,7% por cento en 2007 (como así ocorreu), o 2,6% en 2008 e do 2,5 % no último ano de vixencia do Convenio. Tamén se conquistaron outras melloras en materia de dietas, ascensos, permisos, licenzas ou xubilación. Na incapacidade temporal fixouse un complemento de até o 100% da base de cotización en caso de enfermidade común desde o primeiro día até os 90 días e tamén en caso de hospitalización ou intervención cirúrxica. Como freo á precariedade estabeleceuse que a porcentaxe de traballadores fixos debe ser, neste ano, do 25% e no 2009 do 35%. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/03/2008 |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|