ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 12 de marzo de 2008

Galiza no mundo, educación e sociedade
I Xornadas de Socioloxía da Educación

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Galiza no mundo, educación e sociedade; clic para aumentar
Malia os resultados electorais proclamar á CIG como segunda forza sindical en Galiza, a Consellaría de Educación decidiu excluír ao sindicato nacionalista e deixalo sen representación nos Consellos Sociais das universidades galegas.
 
CIG-Ensino e a AS-PG desenvolverán, entre os días 26 de marzo e 17 de abril , as primeiras Xornadas de Socioloxía da Educación, baixo o título “Galiza no mundo, educación e sociedade” en A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol. A inscrición pódese facer na páxina de CIG-Ensino.

«A socioloxía da educación trata de contextualizar a educación no seu contorno social, político e económico. Pretende rachar os límites físicos e institucionais da escola para debater de xeito crítico o marco no que se insire a reprodución de coñecementos e construción de valores nunha determinada sociedade.

Neste caso estamos a situar nun espazo xeográfico concreto como é Galiza o exame das estruturas sociais e as relacións políticas e económicas vixentes desde unha perspectiva diacrónica, revisando o seu carácter histórico, máis tamén desde un punto de vista sincrónico, situando as dinámicas propias en relación co plano estatal e cos conflitos mundiais que repercuten directa ou indirectamente tanto na socialización do alumnado como na conformación dos valores e actitudes do profesorado, que terán a responsabilidade de intervir no proceso educativo desde unha posición determinada, isto é, que non sexa aséptica nin neutral, mais que se abra á busca da verdade e obxectividade a través do respecto das distintas opinións e do debate das diferentes ideas.

Hoxe en día, os axentes do proceso educativo están bombardeados continuamente a través duns medios de comunicación que empregan efectos emocionais de impacto instantáneo así como de borrado inmediato de información con seguinte novo golpe informativo que cancela o anterior, impedindo profundar e analizar con detemento as claves que explican os distintos acontecementos. Hai temas de actualidade de tipo cultural (conflito lingüístico, historia de Galiza como nación, memoria histórica, o pensamento nacionalista) económico (poder e educación, modelo neoliberal) e político (Galiza no Estado, a hexemonía mundial, os conflitos internacionais...) que merecen ser tratados co suficiente detemento para ter ocasión de escoitar análises proporcionadamente extensas que permitan abordalos máis alá dos tópicos e os esquematismos propios do balbordo mediático e seren obxecto de debate e de contraste de pareceres cun modelo de actividades demorado e aberto no que haxa un tempo para o coloquio e a discusión cos relatores.

A socioloxía da educación, en definitiva, toca aqueles temas que impregnan a actividade cognitiva de todos os que se atopan inmersos no proceso educativo de xeito inconsciente e determinante e que, porén, os que pretenden illar o ensino da vida exclúena consciente e interesadamente.

Nestas xornadas, eliximos algúns deses asuntos que inflúen na vida cotiá do colectivo pedagóxico pola súa relevancia como temas de disputa nos confrontamentos sociais; por poñer en foco claves que axudan a comprender as relacións de dominio ou alianza que se producen na sociedade, por ser ilustrativos de experiencias que se están a producir e das que se poden extraer leccións útiles ou por daren a coñecer elementos da propia historia e da realidade do país que poña en valor o xenuíno, en prol dunha autoestima indispensábel como sustento da formación de cidadáns e cidadás activos/as, conscientes das súas propias forzas e confiados nas potencialidades que posúen».


Entidades convocantes: CIG-Ensino e AS-PG.

Denominación da actividade: I Xornadas de Socioloxía da Educación. Educación e Sociedade. Galiza no mundo.

Modalidade formativa: Xornadas.

Obxectivos previstos:

  • Comprender a inserción da función educativa na realidade envolvente.

  • Analizar as funcións da educación e da escola na estrutura social.

  • Analizar as mudanzas na sociedade no nivel cultural, social, económico, tecnolóxico e da información, e outros fenómenos sociais aos que a escola non pode ser impermeábel.

  • Analizar os fenómenos de innovación e resistencia das organizacións e dos axentes.

  • Analizar os obxectivos e as dificultades que se poñen ao planeamento da educación e os atrancos económicos, sociais e institucionais cos que atopa.

  • Analizar algunhas dimensións dos conflitos sociais que se poden abordar desde a escola e integralas no currículo.

  • Dominar os conceptos e metodoloxías de comprensión dos acontecementos (e dos problemas) actuais máis perentorios.

 
Descarga en .pdf
 
pdfI Xornadas de Socioloxía da Educación

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta