Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 27 de marzo de 2008

México, tan lonxe de Deus
 

Manuel Mera-

 


  click para aumentar
López Obrador (PRD) dirixindose ásemblea
 
  click para aumentar
 
  click para aumentar
 

Estiven uns días en México nun Seminario encol dos “Partidos Políticos e a Nova Sociedade” organizado polo Partido del Trabajo (PT). Isto permitiume participar con ducias de miles de persoas de todas idades nunha asembleia mitin contra a ameaza do Presidente Calderon de privatizar os hidrocarburos, e algunhas outras medidas que xa se puxeron en practica con esta finalidade. Salienta o carácter popular dos presentes, que ateigan a praza da Constitución, o Zocalo, pra escoitar aos oradores. Nas intervencións unha e outra vez denuncian a colonización do imperio do norte, a espoliación dos recursos naturais. Sumaron a esta ofensiva contra os intereses do país ás grandes empresas españolas, encetando polas enerxéticas, bancos e telefonía. Con seguridade os berros débense sentir no pazo de Governo, ao carón do Zocalo, e diríxense contra o Presidente da República, que consideran ilexítimo, porén tamén contra Juan Camilo Mouriño, ao que ligan a recentes acordos por varios miles de millóns de dólares con Repsol pra explotación de novos xacementos.

As remesas dos emigrantes e as divisas por exportación de petróleo son os dous primeiros ingresos de México, que é o primeiro exportador deste produto enerxético a Estados Unidos. Hoxe vendese o petróleo a uns 100 dólares o barril, mais a extración custa catro dólares, polo que os beneficios pra o Estado son evidentes. Daquela tería que servir, como por exemplo en Venezuela, pra afortalar a industrialización e millorar as infraestruturas e servizos públicos. Non é así, e os réditos da explotación dos hidrocarburos pérdense polo camiño.

A oposición considera que esta situación de mala utilización dos recursos públicos e das riquezas naturais, por outra banda limitadas, pode ser irreversíbel se se privatizan os hidrocarburos ou parte deles. O governo argumenta que hai novos e importantes xacementos en augas profundas no Golfo de México que o país non pode explotar por falta de capitais e tecnoloxía. Desde a oposición contestase que non é verdade, que Brasil, unha nación de condicións parecidas vai iniciar pola súa conta unha extración nas súas costas ¿por qué non México?... Sábese que a preparación de enxeñeiros nestas técnicas só leva uns dous anos e que mesmo Cuba xa comezou o proceso pra explotación na área da súa soberanía. Asemade na última década en todo o mundo a tendencia foi estatificar. Desde o Governo do PAN contraatacase dando folgos ás contradicións internas no PRD, produto das súas orixes no PRI, e das herdanzas clientelistas e sustentadoras do modelo hexemónico.

Agora ben, pra alén da demostración de forza de López Obrador, cun discurso soberanista e republicano, e as organizacións que o apoian (PRD, PT e Convergencia), o certo é que en México existe unha tensión latente, non só polo tema petroleiro senón porque a pobreza da maioría da sociedade resulta agresiva, palpase na rúa. Un exemplo, dime un amigo que un camareiro gaña uns 50 pesos ao día (pouco máis de tres euros), traballa horas arreo, e nese mesmo bar ou hotel no que está empregado unha cervexa vale trinta pesos e un café dezasete; claro hai outro submundo na rúa ateigada de chiringuitos. Por outra banda, o país é noticia porque ten varios dos empresarios máis ricos do planeta.

Na asembleia do Zocalo, propuxéronse e votáronse masivamente medidas de loita, corte de estradas, ocupacións, mesmo unha folga xeral, contra a privatización dos hidrocarburos, que quentaran máis o ambiente. Acordouse que as mulleres estarán ao fronte nos piquetes. Asemade non podemos ignorar a facilidade coa que se emprega a represión neste enorme país. Están polo tanto presentes todos os ingredientes pra alentar a espiral da loita social, dos avances ou da traxedia. As responsabilidades sen dúbida son daqueles que non dan avío a medidas redistributivas, que mal venden as riquezas nacionais, e que fan da avaricia e da submisión ao estranxeiro un modo de vida. Como di sabiamente o dito popular: México tan perto dos Estados Unidos e tan lonxe de Deus... Será máis unha vez certo?

 
 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apóntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta