ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 8 de abril de 2008

Denuncian a pretensión de cargar sobre as traballadoras/es a mala xestión económica
O persoal da Cruz Vermella da Coruña mobilizarase polo seu Convenio

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 
 
Asemblea de delegados/as en Ourense; clic para aumentar
 
O Comité de empresa da Cruz Vermella da Coruña, no que a CIG é maioritaria dende as eleccións celebradas no pasado mes de decembro, convocou Asembleas de persoal nas que se decidiu comezar con mobilizacións ante o bloqueo da negociación do Convenio.

Actualmente estase a negociar na Cruz Vermella de A Coruña o convenio colectivo de ámbito provincial. Neste intre a negociación encontrase estancada ante a rotunda negativa da Empresa para mellorar as retribucións que se perciben na Coruña (moi inferiores ás que se cobran noutras delegacións desta Entidade e, nalgúns casos, raiando o salario mínimo interprofesional) e reducir a precariedade salarial que sofren as súas empregadas e empregados.

A parte empresarial considera que unha subida de 3 euros nun soldo de 600 é unha “mellora real do poder adquisitivo” e que o persoal ten un convenio xusto; curiosamente, das persoas que conforman o seu equipo negociador soamente unha persoa está adscrita ao mesmo, dado que o persoal directivo ten un convenio aparte.

A Dirección da Cruz Vermella non só considera que o salario é xusto, senón que debe parecerlles excesivo porque nas súas propostas de negociación pretenden conxelar complementos como o de antigüidade.

As traballadoras e traballadores da Cruz Vermella da Coruña son profesionais da acción e intervención social e non pretenden que os seus salarios vaian en función da importante labor social que realizan (con intervencións en situacións de perigo físico; rescates no mar ou atención a usuarios/as en situacións de dependencia ou en risco de exclusión social), senón que simplemente aspiran, coma calquera outro/a profesional, a poder vivir dignamente do seu traballo.

O Comité de empresa denuncia que a Dirección da Entidade na provincia da Coruña non ten vontade de negociar senón de impoñer, pretendendo cargar sobre as traballadoras e traballadores a mala xestión económica que a empresa veu realizando nos últimos anos.

Diante desta situación, o Comité vese na obriga de contestar a esta actitude mediante a sensibilización social e a mobilización das traballadoras e traballadores.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta