ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 7 de abril de 2008

Procura a implicación de asociacións, centros de ensino e concellos
A Mesa presenta o manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego”

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


A Mesa pola Normalización Lingüística vén de presentar o manifesto que, baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego”, promove a participación de todo tipo de entidades na mobilización en defensa da lingua de Galiza que se realizará o vindeiro 18 de maio.

A Mesa solicita o respaldo para este texto por parte de todo tipo de entidades: centros de ensino, sindicatos, organizacións estudantís, asociacións veciñais, empresas, etc. Para facer efectivo tal apoio, pódese enviar un correo electrónico a amesa@amesanl.org ou enviar un fax ao 981 58 37 82.

Ademais, o colectivo cidadán en defensa da normalización do galego vai promover a aprobación nos concellos de mocións ou declaracións institucionais en favor da participación na manifestación que o 18 de maio se prevé que ateigue a praza da Quintana.

No manifesto, saliéntase que “vivir en galego é un dereito inalienábel”, que os poderes públicos deben garantir. Ademais, en referencia ao discurso promovido polo Partido Popular, alértase “contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego”. Por último, realízase un chamamento ao “compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega”, porque “o futuro do galego depende de nós”.

Manifesto - Polo Dereito a Vivirmos en Galego

As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:

1) Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.

2) Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.

3) Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.

4) Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.

 

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta