Propostas para pular polo emprego Volver a Novas
O emprego e a sua evoluciónDesemprego e precariedade
· Medidas pasivas contra o desemprego
O sector produtivo
Medidas para fomentar o desenvolvimento
· Sectores produtivos

· Comarcalización e infraestructuras
· Instituto Galego de Emprego e Formación
· Reforma do marco xurídico e político
Medidas mínimas para desenvolver o emprego na Galiza e solucionar os problemas de marxinación derivados do desemprego

Ir á introducción


Esta é a proposta presentada pola CIG na Mesa de Negociación sobre o Emprego convocada pola Xunta de Galiza, que contou coa presenza da CIG, CCOO, UGT e CEG
Volver ao princípio

Introdución

Un Plano de Emprego ten como unha base fundamental, en situacións como a galega, un roxecto de desenvolvimento a meio e longo prazo, baseado na industrialización do país, e debe contar, asi mesmo, necesariamente cun modelo de organización do territóorio. E como finalidade básica a criación neta do emprego necesário como para rematar co paro.

Pero, ademais, para criar postos de traballo debemos contemplar a redución da xornada laboral, a eliminación das horas extras e a realización de novos servizos (preservación da natureza, atención ás persoas discapacitadas, etc.), tendo en conta o avanzo imenso en capacidade produtiva orixinado nas últimas décadas. 

Tampouco se pode ignorar que, segundo sexa o xeito de como se acumule ou reparta a riqueza, vai orixinar un maior ou menor tipo de crecimento económico e do emprego, xa que unha distribución máis equitativa favorece o consumo, especialmente de produtos e servizos autóctonos. Ten unha gran releváncia acadar asi mesmo a plena incorporación da muller e a mocidade ao traballo retribuído e eliminar as diferenzas salariais hoxe existentes.

Ainda debemos engadir un aspecto máis. Non só se trata de criar emprego do xeito tradicional, máxime cando se fala de problemas estruturais para acadar a plena ocupación. Cómpre dotar-se de políticas activas que incorporen axiña a actividade a todos aqueles que están hoxe á marxe do mercado laboral. Cómpre ademais, en sociedades como as actuais globalmente tan ricas, dotar-se de mecanismos redistributivos (do traballo e da riqueza producida) que permitan asegurar a todos uns níveis mínimos.

Mais de pouco valen todas estas ideas, o necesário debate que se orixina na sociedade e entre os estamentos implicados directamente no problema, se despois non se levan á prática. 

A Xunta de Galiza acaba de convocar a reunións aos axentes sociais para falar destes temas, despois de facer durante os últimos anos ouvidos xordos ás reivindicacións que a cotio lle facíamos os sindicatos. Esperamos que non se trate nesta ocasión dunha cuestión de imaxe frente á opinión pública, ou de completar o trámite decidido no último Cúmio de Luxemburgo en matéria de emprego.

Os antecedentes non axudan a criar un clima de confianza entre a Xunta e as forzas representativas dos traballadores. Por parte do governo galego non se cumpriron os compromisos asinados en 1991 cos sindicatos, e tampouco se fixeron realidade as promesas eleitorais do partido governante de criar 100.000 empregos de 1993 a 1997. Como unha noxenta ironia perderon-se uns 20.000 nese período. Tampouco se entende como vai conseguir a Xunta criar emprego nos vindeiros anos, mentres se anúncia a perda de miles de postos de traballo no sector naval e están nunha situación difícil empresas emblemáticas como Álvarez, Santa Bárbara e Imenosa; e asi mesmo a pesca e o sector lácteo perden cada ano miles de empregos. En nengun destes casos se ve que a Xunta pretenda modificar a sua liña política para evitar a perda de povoación ocupada, tendo en conta que os resultados aqui contrastan cos obtidos nas outras partes do Estado e de Europa, onde reducen o desemprego. Nomeadamente desde o 3º trimestre de 1996 ao mesmo período de 1997 o emprego aumentou a nível estatal en 336.300 persoas, e en Galiza en 1.370. Medra cativa comparada cos 86.500 de Catalunya, os 44.000 de Múrcia, os 39.400 de Canárias (para onde están emigrando miles de galegos nos últimos anos), etc.

Este non é o mellor marco para unha negociación que remate nalgo máis que declaracións, promesas e acordos mínimos que xa o executivo estaria disposto a poñer en prática e que non van variar en nada a alta taxa de desemprego e precariedade. Cómpre en todo caso vontade negociadora por parte da Xunta. A CIG xa o demostrou cando asinou co anterior governo (do mesmo signo ideolóxico) un acordo, deixando de lado as diferenzas políticas globais. E esa vontade negociadora pasa por estar disposta a Xunta a variar a sua política económica, por manter unha política máis activa frente a Bruxelas e Madrid, por exixir máis competéncias e exercé-las e por actuar como empresário ali onde o capital privado galego é insuficiente ou non chega.

As medidas e iniciativas que nós apresentamos pretenden, ademais de ser unha contribución ao debate e incorporar algunhas novidades, conseguir acordos concretos e básicos que permitan criar emprego e evitar a precariedade e marxinación dos desempregados. Entendemos, ademais, que de pouco valen acordos que queden en papel mollado, mentres as decisións reais sobre os destinos do país se sigan a tomar fóra. Desde o Parlamento Galego teñen-se feito propostas positivas, aprobadas por unanimidade, sobre temas moi diversos, como: o sector público produtivo, o problema lácteo, a axilización das autovias, a mellora da rede de camiños de ferro, etc., que nunca se puxeron en prática, ou nos casos que houbo que defendé-las no Parlamento de Madrid, os partidos de ámbito estatal votaron a maioria das veces en contra (incluindo os parlamentários galegos deses partidos). As conversas que se van abrir entre o governo galego e os sindicatos son un bo momento para demostrar que non se van asinar acordos que logo non se cumpren, ou que se di unha cousa aqui e outra en Madrid, que Galiza pode decidir o seu destino libremente.

Por último temos que facer referéncia a que aínda aplicando un Plano de Emprego consensuado e acorde coas necesidades da nación galega nos vindeiros catro anos seria moi difícil eliminar o desemprego totalmente. Asi, por exemplo, mentres se manteñen altas taxas de paro, a produtividade e a riqueza social é mais alta que nunca, ainda que distribuída dun xeito moi desigual e mantendo taxas altas de desemprego ou precariedade. Cómpren medidas que solucionen axiña esta contradición, que permitan un mellor reparto da riqueza, sen estar supeditados á criación privada de novos postos de traballo. Ao noso entender o centro do debate debe estar tamén neste ponto, xa que é o único xeito de dar unha resposta rápida ao problema do desemprego e a precariedade, ou sexa, evitando un reparto cada vez máis desigual da riqueza... porque diso se trata.

Analisemos agora máis polo miúdo a situación do emprego en Galiza e as posíbeis respostas nos vindeiros catro anos.

Volver ao princípio



O emprego e a sua evolución

Moito se ten escrito e argumentado sobre os motivos polo que descende a povoación ocupada. Uns falan de que isto é culpa da falla de espírito empresarial, outros do minifundismo agrário, hai quen busca as razóns no século pasado, pero o certo é que a causa fundamental é a dependéncia externa e uns partidos políticos entregados a eses intereses. Dependéncia económica e política que se estende logo ao campo social e da cultura. Están tamén mal defendidos e debilmente representados os nosos intereses ante o governo central e, como non podia ser doutro xeito, ante a Unión Europea. Hai quen mesmo pretende culpar fundamentalmente os galegos disto; é como se dixésemos que os angolanos tiveron o que se merecian durante a colonización portuguesa por deixaren-se conquistar.

A dependéncia económica e política reflecte-se na falta dun proxecto próprio de desenvolvimento, na discriminación e marxinación nos planos do estado español en matéria de infraestruturas, a utilización das producións galegas como moeda de cámbio ante a Unión Europea, etc. Portanto, a nosa economia segue a cumprir globalmente un papel de fornecedora de matérias primas, enerxia e man de obra barata e de importadora de produtos elaborados. Funciona coas características dunha economia colonial, iso si, no marco europeo e desde hai moitos séculos.

O desemprego e o nível de precariedade e pobreza non é máis alto xa que por meio da emigración se "expulsou" a unha gran parte da poboación rural. Fala-se de expulsión porque se incentivou desde o governo do Estado, cunha dobre finalidade: diminuir o desemprego encoberto e recadar divisas para o despegue económico das áreas industriais, mesmo recebendo subvencións por cada emigrante que chegaba a un país da Europa Central na década dos 60. Galiza ia participar minimamente destes benefícios. A emigración foi masiva durante máis dun século, pero atinxiu valores máximos despois da guerra civil; foi un verdadeiro éxodo, tal como reflecten os seguintes dados de emigración baseados en cálculos sobre as diferenzas de povoación intercensais.

Ano

Emigración

1878-1910

225.083

1911-1940

113.688

1941-1970

581.788

Cando este mecanismo non serviu, xa que as economias americanas ou europeas estaban recuando, ou non necesitaban máis man de obra, o desemprego e a precarización medrarian a cifras alarmantes. O governo apostaria pola flexibilidade laboral, aumentando a rotación dos desempregados, e colocando en situación de inseguridade case que un 50% da povoación. Isto traeria consecuéncias sobre a baixa natalidade, o avellentamento e perda de povoación. Pero vexamos de vagar cal é a situación actual e a sua evolución recente.

Segundo os datos estatísticos, nas duas últimas décadas descendeu en Galiza tanto a povoación activa como a ocupada, tal e como reflecte o seguinte cadro. A povoación asalariada medrou moi pouco e o desemprego aumentou dun xeito salientábel.

Fonte: INE.

ANO/PERSOAS

ACTIVAS

OCUPADAS

ASALARIADAS

PARADAS

1976

1.223.920

1.204.010

494.430

19.910

1980

1.142.110

1.087.470

500.080

54.640

1984

1.191.400

1.056.660

453.490

134.690

1988

1.187.210

1.041.650

509.610

145.560

1992

1.160.420

974.360

553.500

186.060

1994

1.136.390

916.240

517.400

220.150

1996

1.119.070

918.060

538.770

208.150

1997

1.109.320

901.284

561.290

208.040

Este descenso da ocupación dá-se moi especialmente no sector agrário, pero tamén no número de ocupados na indústria (uns 53.000, un de cada catro), mália a baixa taxa de operários que tiña este sector hai duas décadas e ainda que é unha actividade fundamental para manter o crecimento económico.

Fonte: INE.

ANO/PERSOAS

AGRO-PESCA

INDÚSTRIA

CONSTRUCIÓN

SERVIZOS

1976

579.350

205.150

93.650

325.380

1980

471.180

183.290

105.510

327.460

1984

488.860

164.610

71.850

330.510

1988

408.400

150.200

87.390

395.650

1992

286.400

160.140

97.640

434.200

1994

262.510

131.820

90.260

431.640

1996

235.210

142.110

94.480

439.120

1997

200.190

151.937

97.737

451.420

Outra das diferenzas importantes dos últimos anos é o aumento da eventualidade laboral e a economia submerxida, a precariedade, tal como indica o seguinte cadro. Vemos que mentres diminue o número de contratos indefinidos medran os eventuais ao mesmo ritmo, sen que praticamente varie o total de postos de traballo asalariados. 

Fonte: INE.

ANO-CONTRATOINDEFINIDOPORCENTAXEEVENTUALPORCENTAXE

1981

449.995

88

61.337

12

1994

346.150

68,51

158.975

31,49 

1996

356.200

66,26

181.400

33,74

1997, 2º trimestre

361.400

64,35

193.500

35,65

Vexamos algunhas das características do traballo eventual, da economia submerxida e do desemprego:

· Os contratos eventuais son utilizados fundamentalmente nalguns sectores como a construción, hostalaria, etc., e entre os traballadores menos cualificados. Xeralmente son traballadores que viven no rural e nos arredores das cidades, e son galegofalantes.

· Hai un número maior de eventuais no sector privado da economia que no público. Concretamente, no 3º trimestre de 1997, no sector privado un 38,93% e no público un 16,85%. (Non temos dados a nível galego).

· Nos contratos en que figura data de duración un 93% son por menos de 6 meses e un 36% de menos de 1 mes.

· Durante 1996 fixeron-se 410.033 contratos, para unha média de 181.400 eventuais, ou sexa, 2,2 contratos por cada eventual. Pero se sumamos eventuais e desempregados, temos 390.000 persoas dispostas a conseguir un contrato eventual (apenas un 9% son indefinidos).

· Hai traballadores que fan máis de un contrato no ano, e outros que non acadan nengun. Por exemplo de 211.200 desempregados que habia no 3º trimestre de 1997, 127.400 levan máis de un ano no paro, ou sexa, que só uns 81.000 levan menos de un ano, e que portanto rotaron ou levan menos tempo en busca do primeiro emprego. Podemos aproximar que 260.000 traballadores asinaron un ou vários contratos durante 1996, mentres que 127.400 quedaron marxinados do mercado laboral.

· A situación dos parados de longa duración, especialmente dos 86.000 que levan máis de dous anos sen atopar traballo, é preocupante, e debe ser solucionada desde a solidariedade. É grave porque o número de parados de longa duración medrou en máis de 25.000 desde 1992, e ademais as prestacións económicas para os parados foi-se reducindo nos últimos anos, até abranxer menos do 50% dos desempregados.

· Outro dado, en 1996 un 8,49% das famílias galegas non tiñan nengun dos seus membros empregados, contra un 69,97% con todos os seus membros traballando.

· Cómpre constatar, asi mesmo, que hai un sector de traballadores na economia submerxida, sen prestación de nengun tipo e realizando xornadas extensas por salários baixos. Outro que ten contrato pero realiza xornadas máis extensas que as fixadas polo mesmo salário, e moitos que asegurados como autónomos fan traballos por conta allea. Todos estes incumprimentos da lei están favorecidos pola grande cantidade de man de obra que demanda emprego e pola falta de executividade da Inspección de Traballo. Concretamente en 1996 houbo 605.379 demandas, 420.821 ofertas e realizaron-se 419.098 contratos.

· Por outra banda, unha parte dos contratos eventuais son a tempo parcial, ou sexa., cuns ingresos mínimos. En 1996 eran un 7%, a maior parte en servizos (42.300).

· O desemprego afecta especialmente ás mulleres, mocidade e maiores de 45 anos. Concretamente as traballadoras son unha ampla maioria entre os contratos a tempo parcial (2/3 do total) e entre os parados (55% do total) cando só representan un 37% da povoación ocupada. No que fai referencia á mocidade, os menores de 30 anos son o 55% dos desempregados.

Podemos resumir a situación laboral en Galiza dicendo que hai catro grandes bloques. Por unha banda, os traballadores cun posto de traballo indefinido, uns 360.000. Despois, os que conseguen un contrato eventual cando menos unha vez ao ano, sobre 260.000. A seguir, aqueles que están na economia submerxida. E por último, aqueles parados de longa duración, 86.000, totalmente marxinados. Sumando ve-se que os que teñen un traballo seguro e os que están nunha situación precária xa son cifras semellantes, polo que como mínimo un 50% dos asalariados galegos están hoxe condenados a viver un futuro de incertezas.

Outro aspecto que debemos ter en conta é como se distribue a riqueza na sociedade galega.

Concretamente, se falamos dos salários, vemos que non se distribuen igual entre todas as categorias; hai diferenzas entre elas, tal e como reflecte o seguinte cadro. Poden-se ver nel as diferenzas notábeis entre categorias, pero tamén entre o tipo de contratos. Os traballadores fixos teñen unha média dun 60% máis de salário que un eventual. 

Fonte: INE, dados para o ano 1992.

CATEGORIA PROFISIONALTODOS OS OS CONTRATOSCONT. INDEFINIDOSCONT. EVENTUAIS
Todas as categorias

2.009.000

2.267.000

1.367.000

Enxeñeiros e licenciados

4.257.000

4.390.000

2.959.000

Técnicos e axudantes. titulados

3.713.000

3.897.000

2.494.000

Xefes administrativos e taller

3.443.000

3.602.000

1.738.000

Axudantes non titulados

2.912.000

3.023.000

1.834.000

Oficiais administrativos

2.375.000

2.524.000

1.486.000

Subalternos

2.343.000

2.448.000

1.517.000

Auxiliares administrativos

1.550.000

1.650.000

1.364.000

Oficiais de 1ª e 2ª

1.736.000

1.862.000

1.450.000

Oficiais de 3ª e especialistas

1.620.000

1.788.000

1.281.000

Peóns

1.204.000

1.242.000

1.166.000

Menores de 18 anos

758.000

845.000

746.000

Asi mesmo, hai diferenzas notábeis segundo o sector e o sexo:

Fonte: INE, para o ano 1992.

SECTOR/SEXO

TOTAL

HOMES

MULLERES

Todos os sectores

2.009.000

2.112.000

1.581.000

Indústria

2.051.000

2.186.000

1.468.000

Construción

1.573.000

1.578.000

1.432.000

Servizos

2.143.000

2.312.000

1.684.000

No anterior cadro podemos ver como os maiores salários están no sector servizos e os menores na construción, e como o persoal feminino ten uns salários 25% inferiores aos dos homes. Ademais sabemos, pola "Enquisa de Estrutura Salarial" do INE, que os menores de 25 anos teñen uns salários que andan sobre o 50% dos maiores de 30 anos.

Para 1992 o INE fixo un estudo sobre o custo da hora de traballo nas distintas comunidades autónomas e que imos reproducir polo seu interese.

Fonte: INE, salários por hora traballada ano 1992.

COMUNIDADE

TOTAL

INDÚSTRIA

CONSTRUCIÓN

SERVIZOS

ANDALUCIA

1.150

1.218

990

1.183

ASTÚRIAS

1.453

1.608

1.145

1.274

CANÁRIAS

1.043

1.086

869

1.117

CASTELA E LEÓN

1.226

1.342

891

1.197

CATALUNYA

1.277

1.296

1.60

1.304

GALIZA

1.131

1.174

907

1.200

MADRID

1.449

1.519

1.278

1.444

PAÍS BASCO

1.458

1.591

1.329

1.559

No cadro anterior reflecte-se como os salários de Galiza son moito máis baixos que os de Euscádi e Madrid, ademais están por debaixo dos de Astúrias e Catalunya, e mesmo dos de Andalucia no sector industrial e na construción. Botan por terra estes datos calquer argumento que basee a falta de competitividade das empresas galegas na cuestión salarial.

Volver ao princípio



O sector produtivo

De pouco vale facer grandes investimentos e abrir novas actividades produtivas que permitan criar emprego se ao mesmo tempo perdemos unha parte do tecido produtivo. Por iso debemos implementar medidas que eviten que sectores básicos da economia, como a produción gandeira e a pesca, perdan capacidade produtiva, xa que hoxe son os esteos fundamentais da economia galega e os que xeran maior número de empregos. Teñen unha relación directa con estes sectores as seguintes actividades, ás que temos que engadir outras tan importantes como servizos, transporte, construción, etc.

Gandaria

· Explotacións gandeiras.
· Pensos compostos.
· Indústria láctea e cárnica.

Pesca

· Barcos de pesca e marisqueo.
· Reparación e construción de barcos.
· Indústria metalográfica.
· Actividade portuária.
· Empresas de conservas e frio industrial.

A producción láctea é fundamental na Galiza interior, xa que serve de meio de vida a unhas 50.000 famílias directamente e a moitos miles máis de xeito indirecto. Todos sabemos que dúcias de vilas viven de dar servizos a estas explotacións agrárias, e que calquer redución nos ingresos implica unha perda de emprego na indústria e nos servizos (talleres mecánicos, comércio, transporte, etc). Coa cota actual resulta imposíbel aumentar o rendimento de todas as explotacións, polo que cómpre aumentar a produción, limitada pola Unión Europea mentres o estado español importa leite. Un tema grave que afecta aos ingresos dos nosos labregos, que teñen unhas rendas moi baixas, e que pode desertizar ainda máis o interior do país.

Só en dous anos, desde 1994 a 1996, o número de explotacións gandeiras pasou de 66.621 a 51.512. A produción láctea permitida pola cota en 1995 era de 1.678.000 toneladas e a produción real de 2.178.000. A diferenza é evidente.

A pesca é outra das actividades fundamentais da economia galega e a única que completa no país o seu proceso produtivo, polo que foi capaz de sobreviver a todas as dificuldades que significou a entrada na Unión Europea, e as limitacións impostas nas capturas e tonelaxe da frota posteriores. Da pesca dependen só na actividade extractiva uns 40.000 empregos (tripulación de barcos e marisqueo), aos que hai que engadir uns 10.000 máis nas fábricas de conservas. Asi mesmo, a actividade portuária, a construción de barcos e reparación, o transporte de mercadorias, o sector metalográfico, as empresas de frío industrial, etc., teñen un vencellamento directo coa capacidade de produción de matéria prima. O sector ten hoxe problemas importantes, que van desde as deficientes comunicacións coa meseta, Portugal e Europa, á falla dunha representación directa nas negociacións con terceiros países no tema dos caladoiros, até un aumento das subvencións para renovar a frota, un maior investimento na acuicultura, a mellora dos portos, agrupar e diversificar a oferta, mellorar as redes de comercialización, etc.

Ademais destes sectores básicos, a economia galega conta con outras actividades que non deixan de ter importáncia, mesmo algunhas, como a produción enerxética que xeran pouco emprego, pero teñen o primeiro lugar en valor engadido dentro do sector industrial. Nomeadamente, mentres en 1980 a produción de enerxia eléctrica representaba o 12,99% do valor engadido bruto industrial, en 1990 era do 26,28% (Táboas Input-Output). Ademais este é un sector estratéxico, vital para desenvolver a indústria transformadora, e no que o noso país é excedentário, xa que exporta sobre un 33% da produción. Moi vencellado aoó sector da enerxia está a produción e transformación de alumínio, que consome grandes cantidades de electricidade, e que conta no noso país con factorias en San Cibrao, en A Mariña de Lugo e en A Coruña.

Salienta tamén a produción de material de transporte. Asi, a indústria do automóbel é un dos peares da economia de Vigo. Ainda que afectado por sucesivas políticas de desmantelamento, o sector naval non deixa de ter ainda unha grande importáncia e ser vital na comarca de Ferrol para manter o tecido produtivo. Contamos neste eido con estaleiros modernos capaces de construir todo tipo de barcos (e plataformas de explotación petrolífera). Neste momento o sector do automóbel aparece como consolidado, emprega a máis de 12.000 persoas dun xeito directo, mentres que a construción naval, especialmente de grandes barcos, pasa por un mal momento, por mor das limitacións na produción impostas a Astano e Bazán pola Unión Europea.

A estas actividades hai que engadir sectores como a produción e transformación de madeira (sector no que Galiza produce entre o 50% e o 60% da madeira cortada en todo o Estado), a extracción de granito e lousa, a produción de prendas de confección. O aumento do emprego na produción de prendas de xénero e de ponto é unha demostración de como podemos sair adiante en sectores nos que non temos unha gran tradición e vantaxes comparativas con outras partes do Estado, sempre que non se nos impoñan trabas exteriores. Este sector xa ocupa neste momento un 19% do emprego industrial, unhas 28.000 traballadoras.

O noso país non conta con grandes empresas capaces de xerar ao seu arredor un entramado de pequenas e medianas fábricas. Só hai algun caso illado como Citroën, Pescanova, Zara, Endesa, Astano, Bazán, ENCE, Alúmina-Alumínio ou Coren. Unha boa parte delas son de capital público, que abranxeu tradicionalmente aqueles sectores nos que o capital privado é incapaz de actuar ou que resultan estratéxicos. A própria dimensión do sector público industrial en Galiza amosa a importáncia que este tivo, e ten, no desenvolvimento económico do país. A política de privatizacións emprendida polo Governo central, co beneplácito da Xunta de Galiza, cria unha situación de incerteza sobre o futuro destas empresas. Máxime cando en privatizacións anteriores, como a de GEA ou Sintel, as consecuéncias son o progresivo desmantelamento da empresa, ou na anunciada máis recentemente do estaleiro de Barreras, que se fai dun xeito escuro.

Volver ao princípio



Medidas para fomentar o desenvolvimento

Sectores produtivos

Os instrumentos con que conta hoxe a Xunta de Galiza non son suficientes para defender e desenvolver o sector produtivo, nun mercado tan competitivo, no que nuns casos os baixos salários e xornadas laborais moi longas (dos chamados países emerxentes), e noutros a avanzada tecnoloxia e boas redes de comunicación (poténcias industriais), fan difícil a introdución no mercado de novas marcas e grupos empresariais. Pero é posíbel abrir un burato neste entramado perverso cando hai produtos de calidade, bo deseño e redes de comercialización adecuadas, como se pode comprobar na experiéncia do sector da confección, que dobrou o emprego nos últimos catro anos.

Hai actividades nas que Galiza ten unha vantaxe comparativa, por exemplo a referida á gandaria (leite, carne) dado as características do clima e a doadal produción de herba e forraxes, ainda que hoxe están limitados por padecer os problemas derivados das limitacións que nos impón a Unión Europea. Temos esas mesmas vantaxes na selvicultura e na produción dalguns produtos agrícolas (froita, verduras, viño, flores), máxime cando hai comarcas do Mediterráneo que lideran a produción con problemas difíceis de resolver, como é o da auga. Tamén na extracción e transformación de granitos e lousa, na enerxia eléctrica...

Ademais de acrecentar e mellorar as producións primárias, acadando asi un maior rendimento económico para os nosos labregos (para o que fai falla orientación e investimento público), cómpre pular porque se transformen no país, xa que, por exemplo, hoxe Galiza, que produce a metade da madeira do estado español, importa máis móbeis dos que vende. O granito fundamentalmente exporta-se en bruto. E a transformación láctea é cativa no relativo a postres, natas, etc., e outros produtos de maior valor engadido.

Coidamos que é prioritário que cando menos un 25% da povoación ocupada estea no sector da transformación. Hoxe hai un 16,5%, ainda que cunha taxa de ocupación en todos os sectores mínima. O certo é que desde 1977, hai vinte anos, perdemos 50.000 empregos na indústria, un 25% do total. No noso entorno a taxa de ocupados na indústria está moi por riba destes obxectivos, que debemos considerar moderados, e por tanto realizábeis. Nomeadamente en Catalunya cun 29% de traballadores na indústria e Valéncia un 25,4%, por non falar de Euscádi con taxas máis altas. A proposta que se fai desde o CES para elevar a 193.000 persoas o emprego industrial cun investimento real de 215.000 millóns cada ano até o 2002 parece-nos positiva, un bo ponto de partida, ainda que a `proposta pode ser mellorada. Concretamente, poderia-se superar o obxectivo de 213.000 empregos máis no sector secundário e terciário, cun crecimento na indústria que nos achegue á média que teñen as autonomias ás que facíamos referéncia con anterioridade. En todo caso calquera destes obxectivos necesita un compromiso investidor directo por parte do governo galego.

No último ano houbo un crecimento evidente do emprego na indústria e nos servizos, mais debemos ser coidadosos á hora de pensar que esta é unha tendéncia consolidada, xa que en boa medida estes dados positivos deben-se a unha depreciación das moedas europeas frente ao dólar, polo que hai unha maior capacidade competitiva exterior. Resulta difícil saber canto vai durar este período, mesmo se as depreciacións das moedas do sueste asiático, por mor da crise financeira de Hong Kong, Malaisia, Corea do Sul e Tailándia, non van a incidir negativamente. De calquer xeito debia ser aproveitada ao máximo esta situación, para gañar cotas de mercado no interior e no exterior, empezando pola Península Ibérica.

Calquer proxecto de desenvolvimento da economia galega hoxe vai unido especialmente ás relacións co norte de Portugal, co cal constituimos de feito unha gran rexión económica complementária (por non abundar aqui na importáncia histórica e cultural, e nacional, que ten este vencellamento). Os intercámbios comerciais con norte de Portugal teñen un crecimento anual importante e son moi favorábeis para Galiza. A rexión económica Galiza-Norte de Portugal permite dobrar o mercado "interno" para o que producen todas as empresas galegas, facendo-as mais rendíbeis.

Respeito do IGAPE, SODIGA e INESGA, coidamos que cómpre a sua redefinición, cando menos do IGAPE e INESGA, que perderon en grande medida a sua función tradicional pola baixa taxa dos xuros. Entendemos que abondaria coa existéncia de SODIGA e do IGAPE, definindo con claridade as suas funcións e evitando superposicións.

Como dicíamos no limiar, nós tamén temos propostas que facer. Desde a CIG levamos décadas solicitando medidas de apoio á criación de emprego e a industrialización do país (Plano Galego de Emprego, Plataforma Galega de Acción Sindical...). Neste momento entendemos que son necesárias as seguintes iniciativas ou medidas para consolidar os sectores básicos da economia galega, asegurar unha expansión constante e duradeira do sector industrial, no que teñan un papel importante as novas áreas de produción:

· Dedicar a investimentos un 5% do PIB para efectivizar a criación, como mínimo, de 213.000 postos de traballo no sector secundário e terciário até o ano 2002, tal como se contempla no estudo feito polo CES "Medidas e Actuacións para o Desenvolvemento e Creación de Emprego en Galicia".

· O sector industrial é fundamental para desenvolver a economia e mais o emprego en Galiza.

· Cómpre un plano especifico para este sector, que se concrete por actividades e bisbarras, especialmente naquelas actividades que completen os ciclos produtivos e aumenten o valor engadido (papel, granito, móbel, maquinária para a selvicultura e a pesca, inputs para o sector naval, etc.). O governo galego debe ser o impulsor do desenvolvimento económico, investindo directamente ou por meio de empresas mixtas.

· A Xunta debe ter unha política activa en matéria de emprego, mediante a criación de postos de traballo en actividades que o mercado non desenvolve, como aquelas que aumenten o benestar social ou dinamicen os sectores existentes. Por exemplo: técnicos e asesores en temas agrários, de economia social, atención á terceira idade e infantil, coidado da natureza, xestión de resíduos, etc.

· Pechar os ciclos produtivos, promover un desenvolvimento autocentrado, apostar pola calidade nos produtos, fomentar a asociación empresarial para mellorar a oferta e as redes de comercialización. Apoiar os sectores emerxentes que crien emprego de calidade.

· Facilitar os trámites das empresas ante as institucións (ventá única, etc.). Centralizar as axudas para fomentar o emprego e a modernización tecnolóxica. Completar a dotación dos parques empresariais.

· Paralisar a política de privatizacións das empresas públicas e de servizos básicos (ensino, sanidade, correos, camiños de ferro, etc).

· Criación dun Sector Público Empresarail Galego (Instituto da Empresa Pública Galega): constituído coa transferéncia das empresas públicas existentes en Galiza. Participación da Xunta en novos proxectos industriais vitais para o país, como por exemplo na transformación láctea, redes de comercialización, etc.

· Eliminar todas as trabas á construción de barcos de calquer tipo na Bazán e Astano. Coordenar tanto en Vigo como en Ferrol a actividade dos estaleiros, co fin de acadar unha mellor rendibilidade na sua explotación.

· Conseguir a liberalización da produción láctea ou cando menos acadar unha cota de 500.000 tm máis cada ano. Constituir un grande grupo lácteo galego que realice unha transformación completa da produción, no que haxa participación económica da Xunta de Galiza.

· Plano de modernización e diversificación da agricultura, co obxectivo de frear o desmantelamento do sector agrário (incorporación de mozos á agricultura e gandaria, técnicos e asesores, etc.).

· Plano de desenvolvimento rural (local) e ambiental, coa finalidade de frear a desertización da área rural (indústria agroalimentária, produtos verdes, artesania, etc.).

· Que a Unión Europea atenda os problemas pesqueiros con terceiros países dun xeito prioritário, que se renove a frota e se apoie desde a Xunta o sector da acuicultura e marisqueo, asi como o de transformación e distribución.

· Explotar racionalmente o monte, reforestar as zonas calvas (especialmente con espécies autóctonas). Aproveitar o mato para coxeración de enerxia e calor.

· Recuperar e sanear economicamente empresas como Álvarez, Imenosa e Santa Bárbara.

· Criación dun Instituto Galego da Enerxia. Diversificación das fontes de enerxia e potenciación das enerxias renovábeis. Impulsar a coxeración, até chegar aos 500.000 quilovátios. Fomento da trixeración (produción de frio e calor mediante o gas). Construir a planta regasificadora de Ferrol.

· Criación dun Instituto Galego de Crédito. Un banco público que permita apoiar as políticas económicas impulsadas desde a Xunta de Galiza, asi como outras iniciativas xurdidas noutros sectores da sociedade.

· Potenciar unha política de conservación e protección da natureza e o reciclado de desperdícios. Esta é ademais unha nova e importante fonte de emprego.

· Poñer en prática mecanismos que permitan que se reinvistan os excedentes económicos e o aforro no país (hoxe en dia empresas como ENDESA son a orixe de benefícios multimillonários, que son reinvestidos no resto do Estado; asi mesmo, a banca e caixas de aforro colocan gran parte dos depósitos dos clientes en investimentos fóra do país).

· IGAPE: Teria como funcións o desenvolvimento empresarial. No referente a: infraestruturas e servizos, formación de cadros técnicos, información, solo industrial, I+D, apoio á exportación... Manter a política de bolsas dirixidas á xuventude, como exemplo o programa Lanza, destinado a mozos emprendedores.

· SODIGA: Teria como finalidade participar no capital das empresas. Nas existentes en planos de consolidación ou ampliación, e en novos proxectos que impliquen substitución de importacións, criación de emprego, sectores dinamizadores da economia, etc. Con cada empresa asinaria-se un contrato, polo período de tempo que se considere adecuado. Ampliar o capital social de SODIGA e a posibilidade de aceder a recursos alleos (Fundos de Capital Risco-Capital Risco). Redución das garantias que exixe para financiamento dos proxectos empresariais.

· Fortalecemento e mellora do sistema de Garantías Recíprocas, mediante o fornecimento de recursos suficientes, de xeito que poidan ampliar a sua función de instrumentos de promoción empresarial, especialmente de empresas de nova criación.

· Fomento da economia social: Impulsar o movemento cooperativo, especialmente na indústria e nos servizos.

· Aumentar as subvencións por persoa para formar empresas cooperativas, priorizá-las nos planos de formación e nos proxectos de información, introducir os estudos sobre economia social en todos os planos de ensino e aumentar os fundos que dedica a Xunta a esta finalidade. O asesoramento técnico e a información sobre a situación do mercado, ante cada novo proxecto, ten que estar contemplado como un servizo do governo galego, que se pode efectivizar através dos concellos.

· A iniciativa local (concellos) para fomentar o desenvolvimento empresarial é importante, tanto mediante o asesoramento ou a prestación de servizos, como através de participación con fórmulas mixtas, ou mesmo criando empresas públicas.

· Bases de dados e redes de información: Dotar de meios o Instituto Galego de Estatística con fontes próprias de realización de enquisas, recollida de dados mesmo a nível internacional, e que non sexa como hoxe un reprodutor da información do Estado. Facer unha análise máis pormenorizada da realidade económica e social galega, mediante unha análise sectorial, comarcal e municipal. Realización de soportes con esta base informativa (impreso, CD-ROM), consolidar e mellorar a información por Internet.

· Información para un investimento máis racional: A Xunta debe contar con oficinas de "desenvolvimento e industrialización" en todas as comarcas, nas que se debe asesorar a calquerr cidadán sobre a situación económica por sectores, as tendéncias do mercado, as axudas ás empresas, as fontes de financiamento e información existentes, etc.

· Investigación, colaboración Universidade-Empresa-Administración: Aumentar os fundos públicos dedicados á investigación. Priorizar proxectos. Coordenar a realización de estudos de investigación e mellorar a divulgación dos resultados nas empresas, mesmo fomentando e apoiando economicamente a sua aplicación, especialmente nas pemes.

· Redes de comercialización: Mellorar as redes de comercialización fomentando a criación de asociacións sectoriais para acadar unha maior introdución no mercado, e poder chegar con capacidade competitiva aos mercados exteriores. Colaboración entre estas e os servizos de información da Xunta. Potenciar a produción de calidade e con deseño. Potenciar a idea Galiza=calidade no exterior.

· Potenciar as actividades relacionadas co lecer, ecoloxia, servizos sociais, etc: Estas son novas necesidades sociais que abren abondosas posibilidades de emprego e que debian ser atendidas neste intre desde o sector público. A problemática ecolóxica debe ter-se en conta en toda iniciativa de ampliación ou nova construción, investigación, especialmente cando afecte a indústrias extractivas, contaminantes, transporte, espécies vexetais, etc.).

· Apoiar a cultura e a língua galega: Esta é unha reivindicación nacional, pero tamén unha fonte importante de emprego. Nomeadamente, pular pola nosa cultura e lingua significa manter e propiciar miles e miles de postos de traballo (tv, rádio, cinema, teatro, música, meios audiovisuais, publicacións escritas, internet, pintura, artes plásticas, artesania, etc). A TVG debe ser un elemento básico desde o que pular polo desenvolvimento da cultura e língua galega; mesmo haberia que impulsar unha canle temática dirixida en exclusiva a temas culturais e á formación. Cómpre na TV fortalecer a produción própria, tanto por motivos de emprego como de defensa das formas culturais próprias. Este é un eido en que se poden criar moitos miles de novos empregos e no que fomentamos o noso, e onde ter unha língua distinta dá-nos toda a vantaxe competitiva.

· Apoiar aqueles meios de comunicación e publicidade que empreguen a língua galega.

· Impulsar a construción de vivendas sociais, co fin de facilitar o aceso da mocidade e as famílias con menos capacidade adquisitiva a unha vivenda própria.

Volver ao princípio


Comarcalización e infraestruturas

Sen un proxecto de país (de como, cando, onde e por que se fan as cousas) resulta moi difícil que a iniciativa privada ou pública acade moito máis que éxitos relativos, en determinadas áreas ou conxunturas, mentres a maior parte do esforzo se perde, e con el os anceios e os desexos de miles e miles de persoas. Tampouco vale copiar o que fan na Unión Europea, ou seguir ás cegas as directrices emanadas de Madrid. Uns e outros están en realidades ben distintas e protexen os seus intereses que, non esquezamos, moitas veces son opostos aos nosos, máxime nun mundo no que se sacraliza a competitividade e o individualismo.

Un proxecto de país é un deseño territorial e sectorial de desenvolvimento a cinco ou dez anos, onde se debuxan as prioridades en matéria de infraestruturas e criación de novas empresas e servizos. A territorialización serve para evitar que se desertifique a Galiza interior, como agora pasa; e a sectorialización permite tratar as particularidades de cada actividade económica, consolidando unhas e priorizando outras. A comarcalización e sectorialización son fundamentais para a planificación dun desenvolvimento harmónico e autocentrado.

Un dos grandes problemas de Galiza, di-se, é o seu carácter periférico respeito das grandes áreas industriais de Europa (o espazo que vai de Londres a Hamburgo e de Paris a Milán). Algo que se agrava pola falla de vias de comunicación rápidas con estas zonas, pero tamén con aquelas nas que víñamos vendendo desde hai algunhas décadas os nosos produtos dentro da própria península. Hoxe está máis perto o leite que produce Normandia de Catalunya e Valéncia que o que producen os nosos gandeiros. Só o noso país, no estado español, non ten unha comunicación directa por autoestrada con Europa e coas grandes cidades do Estado. Pero algo semellante acontece co ferrocarril, onde o mal trazado das vias ou a sua deterioración non permiten en moitos tramos velocidades superiores aos 60 Kms/h; e uns portos que só teñen a vantaxe comparativa da profundidade e do abrigo natural das rias. Estamos marxinados, discriminados en matéria de infraestruturas. Asi resulta máis difícil competir.

Con boas vias de comunicación (estradas, camiños de ferro, portos e aeroportos) a nosa situación periférica respeito de Europa, pero central respeito de América e África, poderia ser unha vantaxe, ou cando menos non ser un atranco.

Sobre estes temas facemos as seguintes propostas:

· Dotar as comarcas de máis competéncias en matérias de servizos (oficinas de información, servizos básicos mancomunados, etc), asi como de organismos de goberno estábeis.

· Eliminar a actual división provincial e as deputacións, e transladar as suas competéncias ás comarcas.

· Construción da autovia Avilés-Ferrol e enlace a Lugo, Lugo-Ourense, Lugo-Santiago e a que vai de Santiago de Compostela a Ourense. Rematar en 1999 as autovias A Coruña-Madrid e Vigo-Madrid.

· Ampliación da largo das estradas, melloramento do firme, eliminación de curvas, construción de beiravias, etc.

· Incluir no deseño de cada nova estrada, e das xa realizadas, vereas axeitadas aos lados para circulación de peóns e veículos lentos de uso agro-gandeiro ou forestal.

· Realizar circunvalacións das estradas nos centros urbanos.

· Realizar o investimento en novas estradas primando tanto a sua necesidade económica, como a sua función para evitar a perda de povoación e servir de atracción a novas empresas.

· Modernización dos camiños de ferro (dobre via, electrificación, eliminación de retrocesos, novos trazados onde sexa necesário, alta velocidade, etc). Realizar os investimentos aprobados por unanimidade no Parlamento Galego, por valor de 173.000 millóns de pesetas, até o ano 2007. Realización da variante de Guadarrama.

· Unir mediante un tren de alta velocidade O Porto con Vigo e a fronteira de Franza.

· Unir mediante ferrocarril entre si todas as cidades galegas. Aceso por tren aos parques industriais.

· Melloramento dos portos e aeroportos (dotando a Santiago de Compostela de comunicación directa por ferrocarril e autoestrada, de tal xeito que se poida chegar a este aeroporto internacional rapidamente desde calquer cidade galega). Transferéncia á Xunta de Galiza dos portos e aeroportos baixo dependéncia do Estado.

· Constitución dun pool cos cinco portos principais (Vigo, A Coruña, Ferrol, Marin e Vilagarcia de Arousa) co fin de que sexa máis doada a captación de tránsitos no exterior para todos eles, evitando unha competéncia inútil.

· Construir estacións de mercadorias en todas as cidades e principais vilas.

· Plano do sector das telecomunicacións, que contemple o seu desenvolvimento nas actividades industriais e educativas, asi como á relación coas redes de telecomunicación internacional e os servizos anexos, a telefonia básica e móbel, as canles da TVG, a televisión por cabo, a televisión dixital e as televisións locais, incluindo a difusión deica o exterior de emisións en galego, a recepción desde o exterior de programas traducidos ao galego... Acelerar o desenvolvimento da rede RDSI e de fibra óptica.

· Completar as dotacións dos parques empresariais programados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Volver ao princípio


Instituto Galego de Emprego e Formación

Diante da necesidade de facermos unha política activa de emprego, adaptada á realidade social e económica de Galiza, que afronte con éxito e dea solucións ao problema do paro, á perda de povoación ocupada, etc., a formación profisional é un dos aspectos a termos moi en conta. Desde a CIG coidamos que esta tarefa debe ser levada adiante desde o Instituto Galego de Emprego e Formación, cos seguintes perfis básicos:

· Organismo autónomo adscrito á Consellaria de Traballo (ou a aquela que teña estas competéncias, en caso de non se criar esta consellaria tan necesária por parte do governo galego), con personalidade xurídica e orzamento de seu.

· Con faculdades de organización xeográfica e funcional, dotado de meios materiais, informáticos, de infraestruturas e recursos humanos cualificados, que permitan:

a) Unha contínua prospección dos mercados de traballo.

b) Unha intermediación eficaz, baseada nunha información e orientación profisionalizada, xunto cunha relación permanente coas empresas.

c) Unha política de formación deseñada en función da inserción e da colocación.

Para o desenvolvemento do IGAEF cómpre reclamar e conseguir a transferencia íntegra do INEM á Comunidade Autónoma de Galiza, para poder executar as seguintes funcións:

1) Exercer de mediador na busca de postos de traballo.

2) Xestionar as prestacións e os subsídios de desemprego.

3) Cualificación, orientación e cualificación profesional personalizada, se é o caso, dos demandantes de emprego (Servizo Integrado de Promoción do Emprego).

4) Programación, xestión e avaliación da formación ocupacional (Plano FIP e Fundo Social Europeo).

5) Colaboración na xestión de formación profisional contínua, de xeito que se estabeleza nun Acordo Galego de Formación Contínua.

6) Elaborar, apresentar, xestionar e avaliar todo tipo de proxectos e iniciativas comunitarias de formación de emprego.

Medidas para desenvolver:

· Criación dunha Consellaria de Traballo.

· Posta en marcha do Instituto Galego de Emprego e Formación.

· Criación do Servizo Galego de Emprego, en substitución do Servizo Galego de Colocación.

· Posta en marcha dun Consello Galego de Formación Profisional.

· Negociación e transferéncia das políticas pasivas de emprego do INEM ao governo galego.

· Asinamento dun acordo galego de formación contínua.

· Elaboración do Plano Galego de Formación Profisional.

· Desenvolvimento do princípio de cooperación: todos os órgaos rectores deben ser de composición tripartita e paritária.

· Eliminar o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-profisionais e as Comisións Provinciais de Formación Ocupacional.

Volver ao princípio


Reforma do marco xurídico e político

Como dicíamos no primeiro parágrafo deste apartado, os instrumentos con que conta a Xunta de Galiza son insuficientes, os própios dun país dependente, e impiden o pleno desenvolvimento económico, social e cultural. Por iso valorábamos atinadamente e propúñamos as seguintes medidas no 1º Congreso da CIG e que ainda son plenamente vixentes:

O actual marco xurídico político (Estatuto de Autonomia, Constitución Española...) limita a nosa capacidade de obrar como nación. Neste senso, somos partidários da sua transformación radical a fin de que Galiza conte con plenas competéncias e capacidade de decisión en todas as matérias. Ainda asi, constatamos como sistematicamente se nos furtan posibilidades dun certo avanzo en aspectos capitais para o noso desenvolvimento como traballadores e como povo, posibilidades que teñen, porén, perfeita cabida no desenvolvimento estatutário e na sua reforma en tres grandes cuestións:

FINANCIAMENTO AUTONÓMICO: Porque non podemos estar constantemente hipotecados ás contas que fai o governo central, coidamos imprescindíbel acadarmos a plena autonomia financeira de Galiza e criarmos igualmente os elementos de control de contas dese pastel millonário. Só asi poderíamos poñer en marcha moitas das propostas da CIG e deste programa.

PLANIFICACIÓN ECONÓMICA: Competéncia hoxe reservada en exclusiva para o Estado e fonte dos principais problemas e agresións vividas no noso país nos últimos anos (reconversión naval, negociacións pesqueiras, cotas lácteas...). Contraer compromisos e efectivizá-los en parcelas económicas decisivas de Galiza serian os sinais de identidade inconfundíbeis dun governo galego merecente de tal nome.

LEXISLACIÓN LABORAL: Unha competéncia que Galiza pode asumir, co acordo das Cortes Xerais, e que seria un aspecto clave na consecución do Marco Galego de Relacións Laborais e, loxicamente, un paso transcendental na criación do espazo social galego que a CIG propugna.

Volver ao princípio



Desemprego e precariedade

Os problemas do emprego en Galiza, como no resto de Europa e do mundo, teñen que ver co reparto da riqueza e do tempo de traballo. Até o de agora sinalamos cais son os mecanismos que podemos empregar para criar riqueza, pero iso non implica automaticamente un reparto máis xusto, nen a eliminación ou que se reduza a precarización social. Cómpren outras medidas complementárias para conseguir resultados neste aspecto. Mesmo se pode dar o paradoxo de que medre moito a competitividade e a produción das empresas galegas, e crecer o emprego pouco ou ren (temos exemplos non só dentro da Unión Europea, senón en países como a Arxentina cun crecimento do PIB de média do 6% nos últimos anos, e que perde postos de traballo), ainda que isto tamén vai depender moi especialmente de como se distribua a riqueza.

O propio avanzo tecnolóxico leva a que con menos persoas, ou en menos tempo, se faga o mesmo traballo, polo que cómpre reducir a xornada a 35 hs para criar emprego e evitar reducións de cadros de persoal, mantendo o salário, tal como defendemos xa desde a CIG no noso Iº Congreso. O mais factíbel é que desde a Xunta se contemplen mecanismos de compensación, por exemplo subvencións a aquelas empresas que reduzan a xornada aumentando o emprego, seguindo o camiño andado polo governo francés. Tamén podemos e debemos en cada sector e empresa loitar pola redución da xornada no marco da negociación colectiva.

É vital reducir a xornada e distribuir mellor a riqueza, de tal xeito que aumente realmente o consumo interno de produtos e servizos do país, e non como agora cando medra especialmente o consumo de bens de luxo e os investimentos de capital en países con moi altas taxas de rendibilidade (capital especulativo). Sobre a concentración das ganáncias nas grandes empresas, abonda con ver como só nun ano fixeron investimentos na América Latina que superan o billón de pesetas. Esta é unha etapa en que, a medida que avanza a globalización, se dá unha maior concentración do capital e dos benefícios.

Para solucionar o tema do desemprego e da precariedade, e en gran medida da economia submerxida, temos vários mecanismos. Un, reducir agora drasticamente a xornada laboral de tal xeito que se faga necesária a contratación de miles de persoas que hoxe están no paro. Isto traeria como problema engadido a competitividade de moitas empresas, que se poderia solucionar mediante subvencións. Dous, a extensión do seguro de desemprego a todos os traballadores/as en paro que teñan máis de 25 anos, ou que cunha idade inferior teñan cargas familiares. Desde a CIG apostamos por poñer en prática ambas as medidas a un tempo, xa que seria o máis correcto.

A extensión do seguro de desemprego a todos os parados (tamén podemos chamar-lle doutro xeito, por exemplo seguro solidário) ten moitas vantaxes:

· Evita os dramatismos da inseguridade de non ter nengun ingreso, e portanto os problemas que da marxinación se derivan.

· Estabelece un escalón salarial, debaixo do que nengun asalariado vai aceitar un posto de traballo. Refrotaria axiña miles de empregos da economia submerxida e eliminaria os contratos lixo (seria un gran golpe asemade ás ETTs).

O lóxico é que este seguro de desemprego solidário sexa igual ao mínimo interprofisional, e que os que o receben teñan obrigas (traballo público ou social e cursos de formación). O emprego social debia catalogar-se, a fin de evitar que se realicen traballos para os que haberia que facer contratacións normais.

Este salário solidário só seria para aqueles que xa non teñen prestacións económicas no paro, e podia ser concedido polo governo central ou, se é o caso, pola Xunta de Galiza.

Non estamos de acordo coas subvencións ás contratacións indefinidas, coidamos como máis positivo en todo caso penalizar os contratos eventuais. Parece-nos máis lóxico subvencionar a criación de novos postos de traballo.

Non coidamos positiva a medida que se está propiciando desde a Unión Europea, asi como desde o governo central e a Xunta de aumentar o número de contratos a tempo parcial, potenciando-os mediante subvencións. Na prática está-se alentando a fraude, xa que moitos empresários van realizar este tipo de contratos para encobrir xornadas laborais máis extensas, como xa acontece con moitos contratos a tempo completo. Deste xeito non se cumpriria o obxectivo de cobrir un certo emprego estrutural destas características e a sua utilización seria en moitos casos fraudulenta.

Entendemos como máis positiva a iniciativa que tomaron varios governos dentro da Unión Europea en matéria de emprego, de daren subvencións a aquelas empresas que reduzan a xornada laboral e crien novos postos de traballo, xa que non hai dúbida de que son empresas que van primar a modernización tecnolóxica e a calidade. Neste senso, a experiéncia de Franza é un camiño a seguir.

Volver ao princípio


Medidas pasivas contra o desemprego

· Extensión das prestacións económicas a todos os parados galegos ou que leven residindo en Galiza máis de 3 anos, maiores de 21 anos. Cun salário igual ó salário mínimo interprofisional (68.000 pta.). Os traballadores/as que receban este salário solidário deberian realizar traballos para a colectividade (que debian ser catalogados, e produto dun acordo entre os axentes sociais e a administración) e cursos para mellorar a sua formación profisional.

· Asumir desde a Xunta a cota empresarial da Seguridade Social durante a baixa por maternidade, para evitar que as mulleres sexan discriminadas no momento de acederen a un posto de traballo por este motivo, e as empresas non teñan que cargar cun custo extra que ten un claro benefício social.

· Fomentar que aquelas persoas que voluntariamente decidan acoller-se ás xubilacións antecipadas a tempo total ou parcial, sexa con obriga de contratación dun novo traballador/a parado; permitir que as persoas que voluntariamente queiran poidan optar por unha xornada reducida, coa obriga de ser substituídas por outra; etc.

· Actuación das Inspeccións ante as fraudes na contratación, extensión da xornada laboral sen pagá-la, etc.

· Eliminación das ETTs e das axéncias privadas de colocación.

· Causalidade na contratación temporal. Derrogar toda a normativa que non coloque a contratación temporal nas estreitas marxes da máis estreita causalidade.

· Supresión radical das horas extras.

Volver ao princípio



Medidas mínimas para desenvolver o emprego na Galiza e solucionar os problemas de marxinación derivados do desemprego

Como argumentamos através de todo este documento, de pouco vale chegar a un acordo sobre o emprego, entre a patronal, os sindicatos e a Xunta de Galiza, se non se toman unha série de medidas que invertan a situación económica e social actual. Tampouco serve un acordo que leve o pomposo nome de Acordo polo Emprego que se concrete só en medidas ambíguas ou en temas relacionados unicamente coa formación (na última década apostou-se desde a administración en exclusiva pola formación como elemento dinamizador do emprego, e os resultados en Galiza son decepcionantes).

Cómpre tomar medidas de tipo económico e social, nas que o elemento máis activo debe ser o governo galego. Calquer acordo debe ser concreto e reflectir-se nos orzamentos de 1998 e sucesivos. Se non fose asi, ¿para que chegar a nengun tipo de acordo coa Xunta? Estaríamos enganando os traballadores, negociando con quen non quer comprometer-se no tema a fundo e só pretende actuar como xestor e levar méritos públicos por unha campaña de propaganda ben argallada.

Desde a CIG coidamos que o documento "Medidas e Actuacións Para o Desenvolvemento e Creación de Emprego en Galicia" é un bo ponto de partida para un acordo, naqueles temas que fan referéncia ás infraestruturas e medidas para dinamizar a economia. Collendo este ponto de partida propomos as seguintes reivindicacións:

1) Dedicar a investimentos reais un 5% do PIB para efectivizar a criación, como mínimo, de 213.000 postos de traballo no sector secundário e terciário até o ano 2002.

2) O governo galego criará neste período un mínimo de 15.000 empregos públicos por ano (coidado da natureza, impulso da cultura e língua, atención infantil e á terceira idade, etc.).

Investimentos que deben ser concretados por anos e sectores. A Xunta debe actuar como dinamizador da xeración de postos de traballo, e en sectores que resulta vital manter e impulsar, como a agricultura e o rural, criando emprego público. Emprego que se poderia cofinanciar mediante proxectos subvencionados polo FEOGA, FSE, Fundos de Coesión, ou con taxas de contaminación e en colaboración cos concellos.

Potenciación de todo o relacionado co desenvolvimento da cultura e língua galega, a defensa do ambiente e a extensión dos servizos básicos. Poden-se criar aqui miles de postos de traballo, que son necesários, vitais para manter a identidade e benestar do país.

3) Que se paralise o proceso de privatización do sector público en Galiza (tanto industrial como nos servizos básicos). Que se eliminen as limitacións á produción en Astano e Bazán e se lle dea unha saída a Santa Bárbara e Álvarez. Criación dun Instituto da Empresa Pública Galega..

4) O sector industrial é fundamental para desenvolver a economia e mais o emprego en Galiza. Cómpre un plano específico para este sector, que se concrete por actividades e bisbarras, especialmente naquelas actividades que completen os ciclos produtivos e aumenten o valor engadido (papel, granito, móbel, maquinária para a selvicultura e a pesca, inputs para o sector naval, etc.). O governo galego debe ser o impulsor do desenvolvimento económico, investindo directamente ou por meio de empresas mixtas.

5) Conseguir a liberalización da produción láctea ou cando menos acadar unha cota de 500.000 Tm máis cada ano. Constituir un gran grupo lácteo galego que realice unha transformación completa da produción, e no que haxa participación económica da Xunta de Galiza. Que o governo español ou galego, se é o caso, pague, se for necesário, a multa da supertaxa láctea.

6) Renovación da frota pesqueira. Apoio á acuicultura e marisqueo, asi como á transformación e comercialización de produtos do mar. Posibilidade de asinar directamente acordos pesqueiros con terceiros países, sen intermediación da Unión Europea. Fundos de Garantia para asegurar os acordos con terceiros países. Seguros específicos para a acuicultura e marisqueo.

De pouco vale fomentar a criación de novos empregos se ao mesmo tempo se van desmantelando os sectores produtivos básicos. A gandaria, a pesca e a construción naval son actividades fundamentais da economia galega, moi difíceis de substituir, e nas que asi mesmo o noso país ten claras vantaxes comparativas. Só hai motivos políticos para limitar a produción.

7) IGAPE: teria como funcións o desenvolvimento empresarial. No referente a: infraestruturas e servizos, formación de cadros técnicos, información, solo industrial, I+D, apoio á exportación... Manter a política de bolsas dirixidas á mocidade, como exemplo o programa Lanza, destinado a mozos emprendedores.

8) SODIGA: teria como finalidade participar no capital das empresas. Nas existentes en planos de consolidación ou ampliación, e en novos proxectos que impliquen substitución de importacións, criación de emprego, sectores dinamizadores da economia, etc. Con cada empresa asinaria-se un contrato, polo período de tempo que se considere adecuado. Ampliar o capital social de SODIGA e a posibilidade de aceder a recursos alleos (Funondos de Capital Risco-Capital Risco). Redución das garantias que exixe para o financiamento dos proxectos empresariais.

Estes deben ser os dous principais mecanismos desde os que apoiar os proxectos empresariais, especialmente privados e mixtos.

9) Construcción da autovia Avilés-Ferrol e enlace a Lugo, Lugo-Ourense, Lugo-Santiago e a que vai de Santiago de Compostela a Ourense. Rematar en 1999 as autovias A Coruña-Madrid e Vigo-Madrid. Ampliación do largo das estradas, melloramento do firme, eliminación de curvas, construción de beiravias, etc.

10) Modernización dos camiños de ferro (dobre via, electrificación, eliminación de retrocesos, novos trazados onde sexa necesário, alta velocidade, etc). Realizar os investimentos aprobados por unanimidade no Parlamento Galego, por valor de 173.000 millóns de pesetas, até o ano 2007. Realización da variante do Guadarrama.Unir mediante un tren de alta velocidade O Porto con Vigo e a fronteira de Franza. Aceso por tren aos parques industriais.

11) Melloramento dos portos e aeroportos (dotando a Santiago de Compostela de comunicación directa por ferrocarril e autoestrada, de tal xeito que se poida chegar a este aeroporto internacional rapidamente desde calquer cidade galega). Transferéncia á Xunta de Galiza dos portos e aeroportos baixo dependéncia do Estado.

Mellorar as comunicacións é vital para Galiza. Son medidas que dependen en grande medida do governo central pero, tendo en conta que governa ali o mesmo partido que na Xunta de Galiza, isto non debia ser un impedimento para conseguir acordos nestes temas.

12) Criación dun INSTITUTO GALEGO DE EMPREGO E FORMACIÓN. Organismo autónomo adscrito á Consellaria de Traballo (ou a aquela que teña estas competéncias, en caso de non se criar esta consellaria tan necesária por parte do governo galego), con personalidade xurídica e orzamento de seu. Con faculdades de organización xeográfica e funcional, dotado de meios materiais, informáticos, de infraestruturas e recursos humanos cualificados.

13) Pensamos que asi mesmo cómpre poñer en prática a criación do Servizo Galego de Emprego, en substitución do Servizo Galego de Colocación. Posta en marcha dun Consello Galego de Formación Profisional. Negociación e transferéncia das políticas pasivas de emprego do INEM ao governo galego. Asinamento dun acordo galego de Formación Contínua. Elaboración do Plano Galego de Formación Profisional.

14) Aplicación do princípio de cooperación: os fundos estruturais deben ter unha clara orientación dirixida ao emprego estábel, e os axentes económicos e sociais deben participar en todas as fases.

A formación é un elemento fundamental para acadar produtos de calidade, un maior rendimento no traballo e enfrentar-se mellor aos problemas laborais. Pero para iso ten que estar inserida na realidade económica e social do país no que se realiza; non valen cópias.

15) Medidas que reduzan a xornada ás 35 horas semanais. Prevendo compensacións a aquelas empresas privadas que pacten a redución da xornada e crien a cámbio novos postos de traballo. No sector público a redución da xornada laboral a 35 hs., coa contratación de novo persoal, debe realizar-se durante os tres anos que restan da actual lexislatura. Supresión radical das horas extras, mediante o aumento das cotizacións e mecanismos de inspección que eviten a realización. Fomentar tamén outros xeitos de redistribución do traballo (xubilación antecipada voluntária, total ou parcial, redución de xornada voluntária, etc., sempre que impliquen unha nova contratación).

16) Extensión das prestacións económicas a todos os parados/as galegos/as ou que leven residindo en Galiza máis de 3 anos, maiores de 21 anos, ou aos galegos/as retornados/as, nunha contia igual aoó salário mínimo interprofisional (68.000 pta).

17) Asumir desde a Xunta a cota empresarial da Seguridade Social durante a baixa por maternidade, como medida incentivadora da integración laboral da muller.

Son estas últimas medidas que teñen un claro significado social, tanto no referente á cobertura económica dos parados como á inserción laboral da muller, xa que minguan a marxinación dos desempregados, ao criar un escalón mínimo nas condicións de contratación (eliminando asi en grande medida a economia submerxida e a fraude á Seguridade Social) e facilitan a inserción da muller no mercado laboral. Son medidas que enfrentan o gran problema estrutural derivado do avanzo tecnolóxico e na produtividade.

Galiza, 29 de decembro de 1997.

Volver a Novas


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega

ÚLTIMA REVISIÓN: 6/1/99